in

Dous obradoiros e unha residencia no programa de formación do festival herDanza 2019

FormacionHerdanza |
O Festival herDanza de Santiago de Compostela, que celebrará a súa cuarta edición entre o 2 e o 7 de setembro, vén de facer público o seu programa de formación. Serán dous obradoiros a cargo de Rakhal Herrero e Rebeca Carrera e unha residencia destinada a estudantes de danza de entre 16 e 23 anos de idade.

 

Rakhal Herrero desenvolverá o obradoiro “A escea do dous – Exploración e Desenvolvemento de Dúos”, que tentará responder á cuestión “Como xerar unha construción entre dous de carácter relacional , que habilite un pulso de reciprocidade preservando e respectando a propia individualidade?”.

O concepto da «escena do Dous» está tomado do libro Eloxio do amor, de Alain Badiou no cal, referíndose ao encontro amoroso entre dúas persoas ( aínda que que aquí se traslada ao encontro escénico) declara que é preciso tomar en conta un elemento fundamental que é: a diferencia, a separación, a disxunción entre dous suxeitos para poder levar adiante un encontro con valor de acontecemento. Un encontro que non é unha disolución no outro , senón unha disposición a compartir a mirada do mundo xunto a outro, tendo en conta que esa mirada pode ser a mesma , o «paradoxo dunha diferencia idéntica». Unha construción, non «dende o punto de vista do Un , senón dende o punto de vista do Dous».

Publicidade

Partirase do suposto da diferencia, da autonomía de cada individuo para establecer relación co que nos circunda. Neste seminario desenvolverase a hipótese dun encontro que contempla o heteroxéneo como potencia e exploraranse algunhas estratexias de encontro e de contacto entre dúas persoas , podendo localizar ferramentas relacionadas co peso, puntos de contacto, tomas, apoios e direccións do corpo, forza e ton. E tamén localizaranse conexións que están máis alá dos recursos do contacto: as intencións, potencias e posibilidades vinculares entre dous intérpretes. Transitar un dúo a través da posta en valor de todos os elementos dinámicos que integran e condicionan o encontro.

 

Rebeca Carrera, pola súa banda, impartirá o obradoiro titulado “Destruír o corpo cotián”, que a propia bailarina describe así: “A danza permíteme tomar contacto e consciencia do meu corpo , do espazo que habito , interna e externamente. Consciencia dos corpos que me rodean e os distintos xeitos nos que podo interactuar con eles, ben buscándoos ou evitándoos. É unha forma coa que me comunico co mundo e comigo mesma. Neste obradoiro propoño movernos dende o xogo , dende a «non expectativa», e dende o «non xuízo». Moverse a favor dunha mesma. Dende o coidado, o gozo e dende ese pracer de moverse ou da quietude como outra opción de movemento. Permitirnos destruír o noso corpo cotián e común dun xeito amable para poder atopar outros corpos novos, cos que poder comunicarnos co mundo e con nós.”

O traballo irase enfocando sobre todo a propostas  individuais e físicas, á busca dun corpo no que afondar, a chegar a un estado físico no que o corpo fala, a que o corpo en si mesmo sexa a escena.

 

A residencia creativa levarase a cabo co coreógrafo Bebeto Cidra no CGAC en Santiago de Compostela, do 2 ao 6 de setembro, cun marco de 10 intérpretes e o resultado presentarase no marco do festival o día 7 de setembro pola tarde.

 

Horarios, inscrición e prezos

A ESCEA DO DOUS (Exploración e desenvolvemento de dúos)

Publicidade

Imparte: Rakhal Herrero

Horario: Luns 2 de 15:00 a 18:00 e Martes 3 de 10:30 a 13:30 e de 15 a 18

DESTRUIR O CORPO COTIÁN

Imparte: Rebeca Carrera

Horario: Xoves 5 de 10:30 a 11:30 e de 15:00 a 18:00 e Venres 6 de 10:30 a 13:30

 

PREZOS

Para asistir a 1 dos obradoiros da programación – 70 €

Para asistir aos 2 obradoiros da programación – 125 €

Prazas limitadas por estricta orde de inscripción

A inscrición nos talleres farase a través do correo electrónico

[email protected]

 

Para participar na residencia creativa é preciso enviar o currículo e a seguinte folla de solicitude cumprimentada ao mesmo correo.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Stage098 |

Resoltas as axudas á produción escénica da Agadic

Tatán03 |

Eduardo Rodríguez Cunha, ‘Tatán’: “Nós, como Tanxarina, seguimos sendo uns románticos”