in

Eduardo Rodríguez Cunha, ‘Tatán’: “Nós, como Tanxarina, seguimos sendo uns románticos”

Tatán03 |

Capa96 |
Tanxarina vén de recibir un diploma de recoñecemento da Asamblea Legislativa de la República de El Salvador –país que visitaron a finais de xullo- e do festival Fit-Ocelot, na categoría de “Traxectoria internacional”, polos seus máis de 30 anos de traballo. Con este motivo, recuperamos esta entrevista publicada no número 96 da edición en papel da erregueté para conmemorar o 35º aniversario da compañía.

 

“Nós, como Tanxarina, seguimos sendo uns románticos”

| Xoán Carlos Riobó e Xurxo G. Avendaño |

 

Entre as vías do tren e o olor a humidade, reunímonos no taller da compañía con Eduardo Rodríguez Cunha, coñecido por todos como Tatán (Redondela 1954), para falar dos 35 anos de Tanxarina Títeres. Este foi un ano de recoñecementos. Recibiron por A galiña azul, o premio ao mellor espectáculo de títeres tanto en FETEN como nos María Casares. O Concello de Padrón concedeulle recentemente o Premio Maruxa Villanueva pola súa traxectoria e o maxisterio no teatro de obxectos, así como pola contribución á construción dun teatro de títeres en galego moderno. Con el puidemos repasar momentos significativos da vida dun actor-titiriteiro e dunha compañía que representa parte da historia do teatro de bonecos en Galicia.

De onde vén o nome de Tatán?

A miña familia di que comezaron a chamarme así na farmacia de Pilar Amaro cando ía con meu pai. Estas cousas ás veces ocorren sen unha explicación moi racional. Unha vez chamoume Henrique Harguindey para dicirme que cría que sabía de onde viña o nome. Díxome que en Cangas faise unha sopa moi lixeira para os nenos que lle chaman a sopa dos tatáns. Outra vez que viaxaramos a Cali, a filla dun diplomático que estivera en moitos países díxome que Tatán significa neno pequeno en chinés mandarín. Tatán é un neno pequeno. Eu inventei unha teoría que era que un mariñeiro de Cangas viaxou ata China e trouxo a sopa dos tatáns para a súa terra.

Cando vas a Santiago a estudar Dereito tes o primeiro contacto co teatro.

A Santiago vou a estudar en 1975. Métome no Movemento Comunista, entro na célula cultural e monto ao ano seguinte o grupo Pepa Loba con Suso de Toro para reivindicar cousas políticas. Faciamos accións de rúa, iamos á Facultade de Medicina vestidos de médicos e repartiamos receitas a todo o mundo en plan crítica da “atención pública mal atendida”. Pasabámolo bárbaro. As asembleas estaban cheas de xente e aproveitabamos para facer unha representación. Unha das accións era a Revolta dos Irmandiños. Os simpatizantes do rei viñan reclamar os impostos e nós, os irmandiños, faciamos un baile de espadas. Curiosamente gañabamos e sempre quedaba un tirado no chan coa man preparada para cravarlle a bandeira galega.

Lembras como era a época d´O demo Rapatú?

A miña primeira experiencia teatral en Redondela foi no local da catequese. En 1980 formamos o colectivo Cirigaita. Estaba Miguel Borines, que daquela era vendedor de artesanía na rúa, Marta Hortas, Jacinto Cal e Germán Pérez Rubín. Non sei se era indicativo xa, porque O demo Rapatú se fixo nun teatro de títeres cunha embocadura moi grande. Todos saían facendo de bonecos, a excepción de Rapatú, que era eu, e estaba fóra do escenario cun saquiño colgado e uns corniños pintados.

Como foi a experiencia de Barcelona?

Cando remato a mili teño un paro e marcho a Barcelona. Marga Maderal animárame moito. Foi no ano 1980. Alí vivín con Marga, Elías González, Laura Pérez e Esther Cabacés de Txo Titelles, que foi compañeira miña no Institut del Teatre. Os dous aprendemos a construír marionetas de fío co mestre Harry Tozer. Nesa época traballei na compañía de Tozer como manipulador. Interesábame moito saber como funcionaba unha compañía a nivel profesional. Actuamos na Fundación Miró e no Festival de Títeres de Barcelona. Creativamente marcoume moito Marduix Teatre porque ofrecía moitas novidades. A compañía levábaa Jordi Pujol, que era outro. Tamén mantiven relación cos membros de La Fanfarra, que posteriormente abrirían a Sala Malic, dedicada exclusivamente aos títeres. Barcelona abriume os ollos. Estiven ano e medio. Despois volvín para a casa porque non podía aguantar economicamente. No verán de 1982, os compañeiros de piso regresan a Vigo e montamos unha peza de teatro que nos encargaran para representar en Pontevedra xunto con Fernanda Cabrera e Rafa Vázquez de Trécola, Lolo Nantes e algúns colegas. A compañía chamábase A Monda Lironda. Iso non durou nada, un verán.

Xa se estaba fraguando Tanxarina.

En 1983 Esther Cabacés vén vivir a Cesantes con Miguel Borines e comigo. Montamos Tanxarina Títeres Elías González, Marga Maderal, Esther Cabacés e eu mesmo. Producimos un espectáculo de marionetas de fío para rúa, Rosalín no país do Sol, e aí entra Miguel Borines para facer de narrador. A montaxe era unha desculpa para contar a aventura dunha nena que viaxa ata o sol e atópase con personaxes como Tato, Palindranat e Bigotini, que son algunhas das marionetas do Titiricircus. Estas foron as primeiras marionetas que construímos Esther e máis eu en Barcelona. Daquela eu tiña a intención de vivir do teatro. As miñas pretensións eran máis artísticas que económicas. Houbo un momento que eu quería actuar nas escolas, os fins de semana, viaxar… Había que tirar por un camiño. Elías e Marga abandonan o grupo e deciden seguir como docentes. Quedamos Esther, Miguel e máis eu. De aí nace Un dous, catro… 24; Mariquiña ten un gato, que se fixo na Carambola, unha granxa que tiña Pablo Giráldez “Pastor”. Despois collemos unha antiga farmacia en pleno centro de Redondela. Alí nos reuniamos Miguel, Pastor e eu. Máis tarde entraría Quino Vilas. Pastor deixa de actuar pero segue colaborando en deseños, construción e axudas á produción. Andrés Giráldez, o irmán pequeno de Pastor, creceu mirándonos a nós. Arrimouse ao choio e quedou. Foi o último en entrar. No 86 Marcha Esther Cabacés.

De onde vén o nome de Tanxarina?

Foi unha proposta de Elías González. A súa avoa, que era da raia, chamáballe tanxarinas ás tanxerinas. Fíxonos gracia e quedou o nome. Daquela non me gustaba moito pero agora como é unha especie de marca, parece que está máis asimilado e estamos felices co nome.

Como foron os inicios da relación con Portugal?

O primeiro contacto con Portugal foi en Fazer a Festa con Teatro Art´Imagem e José Leitão. Aquí nace unha relación moi íntima. Nós sempre dicimos que noso padriño para entrar en Portugal foi José Leitão. Daquela había unha conexión máis grande e tamén intercambios entre Galicia e Portugal. Nós iamos con pasarrúas ou co Titiricircus. Os espectáculos non os traduciamos, senón que lle colliamos o aire ao idioma e introduciamos algunha palabra portuguesa. Houbo outra época na que colaboramos con Papaleguas, un grupo de Lisboa. Pedírannos axuda para traballar a espuma. Foi unha experiencia moi bonita facendo bonecos grandes. Pouco a pouco iriamos participando nos festivais e coñecendo a outras compañías que posteriormente virían ao Festival de Títeres de Redondela que nós comezamos a organizar no ano 2000.

Antes, en 1989 organizades o Festival de Títeres de Vigo e entrades en contacto con Latinoamérica.


Publicidade

Este festival durou cinco anos. Vigo nunca o acolleu dunha forma moi explícita, non se enchían os teatros. No 1º Festival de Títeres coñecemos a José Amaya. El foi o primeiro que nos propuxo ir ao Festival de Títeres do Salvador, unha cidade moi dura naquel momento. Alí dei o primeiro obradoiro de marionetas nunhas condicións precarias pero moi bonitas. Eles tiñan gañas de facer actividades culturais, igual que aquí cando rematou a ditadura de Franco. Tratáronnos moi ben e abriunos as portas dun mundo descoñecido para nós. Enriqueceunos moito. Máis adiante fomos a Arxentina, Venezuela, México, Cuba e Nicaragua. Tamén estivemos en asentamentos guerrilleiros na fronteira con Honduras. Comeza a haber un movemento de intercambios. A nosa intención era vivir de titiriteiros, de bohemios, saír, viaxar. Nalgúns casos a organización pagaba as viaxes e noutros pediamos axudas ao IGAEM. Viaxabamos fundamentalmente co Titiricircus porque era o que mellor se podía levar en avión.

Despois vén o Festival de Títeres de Redondela.

No ano 2000 empezamos en Redondela. En realidade a iniciativa foi dun rapaz chamado Juanjo Amoedo, moi activo naquel tempo no movemento veciñal. Unha vez viaxara ao festival de Segovia e veu emocionadísimo. Insistíanos moito en que fixeramos un festival en Redondela. Ese mesmo ano morreu nun accidente doméstico e dende entón o Festival lémbrao chamándose “Memorial Juanjo Amoedo”. Desde o principio as salas estaban a tope de público. A xente identificouse e sentiuse partícipe. O apoio social é moi importante. A nosa habilidade foi facelo coincidir xustamente nas mesmas datas que o Festival de Segovia. Tiñamos moi boa relación co organizador, Julio Michel e coordinabámonos para traer grupos e ilos buscar a Benavente. Sempre conto a anécdota da reunión que tivemos o primeiro ano con Pérez Varela, que era de Redondela. Dicía polos corredores da Xunta: “A esta gente tratádmela bien que son de mi pueblo”. Entramos no despacho e dixémoslle: “Suso, queremos facer este festival e traemos todo este apoio”. Despois de ver toda a documentación tíraa enriba da mesa e dinos: “Si hago yo sólo el festival os doy cinco, si no dos”. Cabreouse moito con nós pero quedamos cos dous millóns. Despois nace a asociación “Xente Titiriteira” que aglutina a todos os colaboradores do festival. Xa os nove últimos anos encárgase da programación Luís Crespo e o seu equipo. Nós opinamos pero non decidimos.

O Titiricircus foi o espectáculo máis representado por Tanxarina.

A primeira vez que se fixo o Titiricircus foi no 30 Internacional Theartage Der Jungend en Austria no ano 1987. Andabamos por toda Europa representando con Art´Imagem un espectáculo que se chamaba Variações da lua, sobre textos de García Lorca. Eu daquela estaba construíndo o Venancio. Percorremos varios países representando na rúa. Leva 1116 representacións anotadas e sen actualizar. Os títeres son así, nada que ver coa cantidade de bolos que soen facer as compañías de actores, que con corenta xa son bastantes. Titiricircus é un espectáculo que se pode representar en moitos espazos. A partir deste espectáculo refórzase a identidade da compañía coa simbiose entre teatro de bonecos e de actor.

Colaboracións.

Con Teatro de Ningures e Teatro do Morcego creamos Produccións Teatrais do Sur S.L. e producimos tres espectáculos, entre eles o Macbett que dirixiu Julio Cardoso. Cando estaba o bipartito daba unhas subvencións para xuntar ás compañías. Era moi forzado. Na práctica non resultaba. Tamén estivemos co Centro Dramático Galego en A cacatúa verde, dirixida por Eduardo Alonso. Combinabamos certos aspectos da vida de Tanxarina co exterior. De feito, o querer traer directores como Quico Cadaval, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, beneficiounos moito porque na compañía faciamos o que queriamos. Con eles rompiamos esa relación tan viciada que tiñamos. Nos últimos anos soemos traballar a nivel interno co mesmo equipo: Paco Barreiro coa música, Pastor na construción e Carlos Alonso no vestiario. Sempre nos foi moi ben con eles.

Vós facedes teatro con contido sen esquecervos do humor.

A min nunca me gustaron os contos infantís normais. Sempre buscaba cousas, incluso para adultos, pero que lles puidera interesar aos rapaces e contalas para eles. De feito en A casa do avó pensamos en como se podía contar a un neno que un banco lle pode levar a casa. Tamén acontece en As bombas e o Xeneral, un conto de Umberto Eco que fala da guerra. A galiña azul trata sobre a solidariedade. Os Narigudos falan de ser un mesmo, sen modificar esteticamente as cousas. Buscamos unha estética dinámica e divertida, sen moitas complicacións, pero tamén nos interesan os contidos e a relación cos rapaces.

Como se foi fraguando a identidade do teatro de títeres en Galicia?

En Galicia comeza a nacer a tradición de títeres con Kukas, Trécola, Cachirulo, Viravolta e Tanxarina. Antes o único que podías ver era a Barriga Verde ou compañías do exterior que viñan ás festas da Coca como a de Paco Porras. A partir do ano 85 nace a primeira asociación de titiriteiros de Galicia. Estaban os que acabo de comentar xunto con Carlos Clemente Martínez de Danthea Teatro. Lembro unha reunión onde decidimos estipular un mínimo de cartos que debía cobrar unha compañía por espectáculo. Non sei se dixemos 10.000 pesetas. Era como se quixeramos buscar un status, unha identidade. Daquela existía o Sindicato Galego da Música que pertencía a Comisións Obreiras e dábanche de alta e de baixa o mesmo día. A partir de aí comezamos a sentir unha pequena identificación como colectivo. A asociación transfórmase en UNIMA, no que tamén estiven de secretario e vicepresidente pero despois deixeino porque non nos aportaba nada. Había máis ilusión antes. Despois participei na fundación de Escena Galega. Eu teño unha visión do teatro máis ampla, o teatro engloba tanto ao teatro de bonecos como de actor. Non me importou entrar en Escena Galega, primeiro para ver de cerca como funcionaban as grandes compañías como Atlántico ou Noroeste. Isto das corporacións é un pouco como identidade profesional e de relación cos compañeiros: verse, comunicarse, dicirse cousas, reclamar posicións.

Como ves o panorama na actualidade?

Eu penso que segue habendo unha separación norte e sur. Cada compañía móvese pola súa zona. A Rede Galega de Teatros e Auditorios ou o Pontegal non son a solución para vivir en Galicia do teatro en galego. Este ano é o primeiro que temos 12 funcións na Rede. E por que? Porque nos deron o premio FETEN. Influíu, pero iso non representa a mobilidade teatral en Galicia e nos bonecos menos. Penso que as redes están desprestixiadas, hai moi pouco público. Xeramos nós máis público cando imos a unha campaña escolar. Eu penso que cando creas unha rede de teatros cunha serie de auditorios ten que haber un seguemento por parte da administración e dos programadores. Non pode ser que ninguén estea alí para recibirnos, ou que actuemos nun pavillón coas canastras ao lado e con todo o lixo dos días anteriores acumulado nun lateral en caixas cheas de pipas e sen limpar as do último día. Iso resume un pouco o que está a suceder nas contratacións. Estamos a falar de postos de traballo públicos. Non se cre nisto. Hai que facer un esforzo para que a xente se sinta cómoda e goce do espectáculo. Ten que haber unha renovación nas redes.

Como se vive do teatro en Galicia?

Tanxarina é unha compañía de tradición, igual que outras moitas. Sempre relacionadas coas axudas que lles dá a AGADIC pero sempre moi en precario. Eu nunca entendín a diferenza económica abismal que hai entre o audiovisual e o teatro. Creo que é un menosprezo á profesión. Habería que duplicar o orzamento do teatro para que a xente poida traballar máis comodamente e non estar agoniados polos bancos. As compañías non poden aguantar eses ritmos. Aos concellos permíteselle pagar a 90 días ou máis. Estes desaxustes a nós aféctanos moito. Pódoche asegurar que houbo momentos sen gasolina. A empresa non dá para tres, falemos claro. Non dá para catro, dá para tres ben avindos. Somos nós os que dicimos: toma Tatán cobra ti este mes que eu teño aquí a tele e vou cobrar algo máis. Con ir tres días á tele gañas máis que nun mes en Tanxarina. O diñeiro funciona así. O que non convén é acumular moitas débedas. Coñezo xente que está arruinada. Tes que andar con pés de chumbo. Non dá para un salario digno ao mes. Pero non vimos falar disto, vimos falar doutros temas.

Agora metícheste a cantante. Ten que ver coa xubilación e o recollemento?

De mozo xa me gustaba cantar e facíao nun grupo que se chamaba Invierno, cun repertorio de cancións suramericanas. Hai dous anos que comecei co proxecto Tatán “Chapeu” dando concertos e gravando un disco. Tamén traballo en gran formato con María Fumaça. A música foi sempre comigo. Eu xubílome o ano que vén a nivel oficial, no artístico non. Producir espectáculos xa non me apetece moito, quizais máis dirixir, dar clases á xente nova e dedicarme á música.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FormacionHerdanza |

Dous obradoiros e unha residencia no programa de formación do festival herDanza 2019

theatre1179752 |

III Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá