O Concello de Ourense anunciou o pasado xoves que non achegará fondos para financiar o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que viña organizando a compañía Sarabela Teatro, polos “elevados custos e escaso retorno económico”, segundo apuntou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.
A continuidade do Festival, cunha notable historia na cidade, queda así no aire ata que a compañía valore se existe a posibilidade de darlle continuidade sen o apoio do Concello.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), vén de publicar un comunicado no que lamenta a decisión do Concello de Ourense de retirarlle o seu apoio ao Festival Internacional de Teatro de Ourense, unha decisión que cualifican de irresponsable, “ao minar un festival que achega anualmente ao público ourensán a posibilidade de ter acceso a unha programación escénica internacional; de lesiva por poñer en risco a continuidade dun proxecto cunha traxectoria consolidada despois de once edicións, e de fondamente preocupante, xa que amosa ás claras a dirección cultural que toma o novo goberno municipal, encabezado por Gonzalo Pérez Jácome, e a súa escasa sensibilidade co tecido cultural da terceira cidade galega”.
A AAAG lembra que o FITO contou, dende o seu inicio “co apoio, o patrocinio e a colaboración de diferentes institucións públicas como a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense ou o consistorio ourensán, independentemente da cor política de cada momento” e subliña o desafortunado de darlle as costas ao festival, “desvinculando a administración local -e, polo tanto, a máis próxima á cidadanía- dun encontro de prestixio para o noso sector e de interese para o público”.
Por último, a Xunta Directiva da AAAG amosa o seu apoio a Sarabela Teatro, “unha compañía con máis de trinta anos de traxectoria e recoñecida con multitude de premios e distincións, é un puntal do tecido cultural tanto en Galicia coma en Ourense, cidade na que desenvolve dende os anos oitenta un inxente labor á hora de achegar programación teatral a cidadanía ourensá, de fomentar o traballo de bases, de creación públicos e de desenvolver diversos festivais e iniciativas que xeran unha importante riqueza cultural que a actual alcaldía pretende obviar dende a máis impulsiva ignorancia”.