in

Urdime (Galicia) e El Callejón del Gato (Asturias) inician o programa Camiño Escena Norte

ElCallejonDelGato |
Ambas as dúas compañías traballarán do 2 ao 8 de setembro nunha coprodución destinada á primeira infancia.

 

Onte luns, no Salón Teatro de Compostela, botou a andar o proxecto Camiño Escena Norte coa primeira das actividades que organiza: unha experiencia de residencias de creación escénica baseada no intercambio entre compañías das catro comunidades participantes.

No caso do Salón Teatro, a sede en Galicia desta actividade, as compañías participantes son a galega Urdime e a asturiana El Callejón del Gato. A residencia de creación escénica ten lugar do luns 2 ao domingo 8 de setembro.

Esta iniciativa de residencias artísticas, chamada Habitación Peregrina PRO, é un programa de residencias e acollida que parte por iniciativa das propias compañías, convidando a produtoras de calquera dos outros 3 territorios e así explorar as posibilidades de futuras coproducións, realizar intercambios de formación ou simplemente coñecer a realidade profesional doutros creadores/as noutros ámbitos.

Estas “habitacións peregrinas” son residencias de intercambio xestionadas por unha compañía acolledora (Urdime neste caso) para unha compañía peregrina (El Callejón del Gato), cun proxecto de acollida propio. Neste caso ambas as dúas compañías van desenvolver en coprodución un espectáculo orientado á primeira infancia, que aúna a interpretación actoral, a manipulación e títeres e obxectos e a interpretación do espazo sonoro en directo sobre a escena.

 


Publicidade

Camiño Escena Norte

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión.

Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción escénica galega, asturiana, cántabra e vasca.

Este proxecto está promovido polas asociacións de compañías de cada unha das comunidades implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia a través de AGADIC, ademais das deputacións da Coruña e de Lugo e a Fundación SGAE.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MiguelDeLira |

Miguel de Lira, Premio de Honra do FETEGA do Carballiño

AnimalSagradoAporia |

O CDG retoma a actividade do Salón Teatro de Compostela