in

O CDG retoma a actividade do Salón Teatro de Compostela

AnimalSagradoAporia |
A sede do Centro Dramático Galego acollerá ata finais de ano unha decena de espectáculos, entre outras actividades.

 

O Centro Dramático Galego (CDG) abre a nova temporada de actividade no Salón Teatro de Santiago, que desde hoxe e ata o vindeiro domingo 8 acolle unha das residencias artísticas do programa Camiño Escena Norte de intercambio cultural con Asturias, Cantabria e País Vasco.

No marco desta iniciativa, o Salón Teatro é a sede en Galicia de Habitación Peregrina PRO, apartado que promove unha serie de residencias de creación escénica para fomentar o intercambio entre as compañías das catro autonomías participantes. En Santiago, a galega Urdime e a asturiana El Callejón del Gato traballan desde hoxe no desenvolvemento da coprodución dun espectáculo orientado cara aos primeiros anos da infancia.

Xa en outubro, este mesmo escenario compostelán recibirá a compañía asturiana La Tejedora de Sueños o venres 11 para representar e comentar co público o espectáculo Como ceniza blanca sobre una hoguera dentro da carteleira de oito funcións que Camiño Escena Norte despregará noutros tantos espazos galegos. Dous días despois, serán os integrantes da compañía vasca Hika Teatroa os que recalarán no Salón Teatro para ofrecer un obradoiro de contextualización da súa montaxe Sagartu, que representarán ese mesmo domingo pola tarde na praza da Quintana.

 

Teatro galego

Neste inicio da nova temporada escénica a sede do Centro Dramático Galego albergará tamén unha decena de montaxes escénicas de produción galega, comezando este mes de setembro cos espectáculos Deixa de tocala, Sam, de AveLina Pérez & Velpister, os días 21 e 22 e Karelu, de Os Náufragos Teatro, do 27 ao 29.

No mes de outubro, será a quenda da primeira das coproducións do CDG inseridas nesta carteleira: O que segue, xunto a Funboa Escénica, da que o público do Salón Teatro xa tivo a oportunidade de ver a primeiros de ano unha mostra do seu proceso de creación. Ademais, do 24 ao 27 dese mesmo mes terán lugar as representacións de Desde o invisible a cargo da compañía La Quintana Teatro.


Publicidade

Outubro finalizará con outra coprodución, desta volta entre PT Excéntricas e Teatro de Adro, que estarán en Santiago entre o día 30 e o 3 de novembro con Cartoóns, un espectáculo de clown e música para público familiar.

O 30 de novembro, tras practicamente un mes de proxeccións do festival Cineuropa, o circo chegará un ano máis ao Salón Teatro da man do Foro D10!, que traerá a este escenario Fang (Barro), da compañía Animal Religión. Un día antes, terá lugar aquí unha actividade formativa a cargo do Grupo Performa da Universidade de Santiago de Compostela.

 

En coprodución

Cara á recta final do ano, o público compostelán terá a oportunidade de ver outro dos espectáculos do programa anual de coproducións do Centro Dramático Galego, desta volta xunto a Limiar Teatro, que representará do 11 ao 21 de decembro Se fosen turistas levarían gafas de sol. E, xa para despedir 2019, o teatro infantil regresará a escena cunha nova edición do ciclo Gran teatro para os máis pequenos, que inclúe os espectáculos Animal sagrado, de Aporía Escénica, o 28 e 29 de decembro, e Voa voa, de Talía Teatro, o 3 e 4 de xaneiro, cos seus correspondentes obradoiros.

Ademais desta programación teatral, a sede do CDG volverá cederlles as súas instalacións a diferentes eventos culturais da cidade como é o caso do WOS Festival x Son Estrella Galicia en setembro ou o festival internacional Curtocircuíto en outubro, ademais do devandito Cineuropa.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ElCallejonDelGato |

Urdime (Galicia) e El Callejón del Gato (Asturias) inician o programa Camiño Escena Norte

MartaPazos |

Voadora leva ao Centro Dramático Nacional ‘Siglo mío, bestia mía’