Este venres 13 de setembro arrinca no Porto a quinta edición do MEXE -Encontro Internacional de Arte e Comunidade. Até o 22 de setembro, cine, danza, obradoiros, conversas, conferencias, música, exposicións e performance ocuparán 22 salas e espazos públicos da cidade para promover o debate arredor da construción de espazos de creación, participación e cidadanía en tempos de inestabilidade política e social. Más de 400 persoas, 27 grupos de 6 países participan nesta nova edición do encontro que reserva un lugar especial para a creación artística africana, latinoamericana e do sur de Europa.
Do 13 ao 15 de setembro, o pre-programa do MEXE comeza cun fin de semana dedicado ao cinema documental con sete pezas que revelan procesos e prácticas artísticas que se cruzan coa educación e a cidadanía. O pré-MEXE incluirá tamén a presentación de Tu e Eu, e agora?, unha peza do Triumph’arte – Grupo de Teatro Comunitário de Esposende e #nãoénão, unha creación do Núcleo de Teatro do Oprimido do Porto/PELE.
Ao longo da semana, a programación do Mexe Praça será escenario para o espectáculo inaugural, ilha-jardim: unha creación orixinal da PELE que ensaia novas formas de habitar o espazo de veciñanza. Un ensaio sobre como poboar lugares inexistentes e transformar os lugares de sempre, nunha proxección do xardín como unha illa suspendida do mundo.
No Teatro Carlos Alberto, destacan as estreas de Isto é um Negro?, una proposta sobre o que é ser ser negro e negra no Brasil, que tenta construír estratexias de cuestionamento sobre a perpetuación do racismo estrutural; Empty the Space, unha proposta de António “Bukhar” Ssebuuma e Faizal Mostrixx Ddambaque transforma o movemento nun diálogo sobre o espazo nos tempos modernos, nun xogo constante entre a danza contemporánea e os ritmos máis tradicionais de África; e Synectikos, a máis recente creación do Colectivo Lisarco, dedicado á danza e que traballa fundamentalmente con bailaríns con Síndrome de Down.
Tamén do Brasil, Quando Quebra Queima, é un espectáculo construído por estudantes que viviron o proceso de ocupacións e manifestacións do “movimento secundarista”. Quince corpos insurxentes desprazan cara á escena a experiencia que tiveron dentro das escolas ocupadas entre 2015/2016, creando unha narrativa colectiva a partir da perspectiva de quen viviu intensamente o día a día dentro do movemento.
Con intensa vocación para o espazo público, esta nova edición do MEXE achega tamén as propostas portuguesas de Tânia Dinis en colaboración con veciños e ex-veciños das Fontaínhas, Flávio Rodrigues nun traballo coral coa participación do Seminario Maior do Porto, o Colectivo Suspeito con intervencións nas estacións de Metro da Trindade e de ferrocarril de Campanhã, así como o traballo de Atelier Ser con un unha proposta participativa que terá lguar na Feira do Cerco e Praça dos Poveiros.
No campo do pensamento “o común” materialízase na 3º edición do Encontro Internacional de Reflexion sobre Prácticas Artísticas Comunitarias, unha organización conxunta entre 9 entidades de ensino superior, portuguesas e estranxeiras, que contará coa participación de máis de 100 investigadores.
A programación completa do evento pode ser consultada en mexe.org.pt