in

O XXIV Festival Galicreques presentará 13 funcións para escolares

Xanela do Maxín
O Festival celebrará entre os días 12 e 20 de outubro a súa 24ª edición, convertendo Compostela un ano máis en gran referente para o xénero escénico dos títeres.

 

O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 24ª edición entre o 12 e 20 de outubro de 2019. A programación incluirá un total de 13 funcións para o público escolar, ofrecidas todas elas por compañías de prestixio e longa traxectoria procedentes de Madrid, Valencia, Galicia e Arxentina. Deste xeito, o festival organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, reedita un ano máis o seu duplo compromiso de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e de creación de novos públicos para a escena. Así, neste XXIV Festival Galicreques volverá contar con centos de rapaces e rapazas como espectadores nestas funcións.

Os espazos nos que se realizarán as funcións da programación para escolares serán a Fundación SGAE, o Teatro Principal e o Centro Sociocultural Santa Marta, e concentraranse en horario de mañá dos días lectivos para o estudantado, entre o luns 12 e o venres 18.

 

Funcións para infantil e primaria

A programación escolar do Festival Galicreques inclúese tamén dentro do ciclo Teatro Escena-Escena con clase, ciclo de representacións que acolle a Fundación SGAE durante todo o ano e tamén durante o Festival Galicreques, e abrirá a súa actividade o luns 14 de outubro ás 10:30 na Fundación SGAE da man da compañía madrileña Tropos Teatro, que representará a súa adaptación de Blancanieves para maiores de 5 anos. Ás 11:30, a compañía galega Títeres Cachirulo ofrecerá Camiños de aventuras no Teatro Principal. A montaxe dedícase os espectadores maiores de 3 anos. A primeira xornada rematará no CSC Santa Marta ás 11:00 horas con A Xanela do Maxín e a súa obra A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza, que mestura música e monicreques para maiores de 2 anos.

Xa o martes 15, a actividade volve iniciarse ás 10:30 horas na Fundación SGAE da man dos galegos Títeres Brincadeira, que ofrecerán A carteira de Augasclaras, peza destinada á rapazada de entre 4 e 11 anos. Ás 11:00, no CSC Santa Marta, A Xanela do Maxín ofrecerá un segundo pase de A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza.

O mércores 16, ás 10.30 horas na SGAE, a compañía galega Danthea Teatro ofrecerá para maiores de 3 anos a súa versión do clásico Cincenta. No Teatro Principal, ás 11:30, os madrileños de La Mar de Marionetas realizarán un pase da súa peza Pazzzzzz, dedicada ao público a partir de 3 anos.


Publicidade

O xoves 17, a Fundación SGAE, tamén ás 10:30 h., acollerá La caperucita, adaptación do clásico infantil asinada polos arxentinos de Tres Tigres Teatro. O venres, finalmente, os valencianos de Teatro la Estrella pecharán a programación na SGAE coa peza destinada a maiores de tres anos Los músicos de Bremen. Pola súa banda, o Teatro Principal porá o ramo coa coprodución arxentina-galega Cronopios, de Títeres Cachirulo, Tres Tigres e ChachaKün Teatro. Será o venres ás 11:30.

 

Público institutos

O público escolar do segundo ciclo da ESO e Bacharelato contarán con dous espectáculos diferentes na programación escolar do XXIV Festival Internacional Galicreques. O primeiro deles poderase ver o martes 15 de outubro ás 11:30 no Teatro Principal. Trátase de Varioleto, pechito libertario, dos arxentinos de La Pelela Títeres. E o xoves, 17 de outubro, o Teatro Principal acollerá para as mesmas idades a función de Ultramarinos Finisterrae, montaxe da compañía galega Títeres Alakrán. O conxunto da programación do Festival Galicreques para esta 24ª edición darase a coñecer nas vindeiras semanas.

 

Os centros interesados en levar os seus estudantes ás funcións poderán contactar nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147 de luns a venres, en horario de 09.30 a 13.30 h. A adxudicación de prazas farase atendendo á orde na que se fagan as reservas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CronicasDoParaisoSarabela |

Sarabela estrea ‘Crónicas do Paraíso’, unha inmersión no universo cunqueiriano

DramaturxiasItinerantes |

Novo encontro entre as dramaturxias galega e portuguesa no Consello da Cultura