in

Contra

Contra e1570394329512 |
Milan Szypura

Deconstructing Eve

 

Faise a luz e unha longa corda pendura da grella. Polo fondo da escena aparece unha muller espida cunha mazá vermella nas mans. Agarra o extremo da corda que está no chan e pono á altura do seu ollar. Todas as alarmas iconográficas actívanse no público e, cando queremos decatarnos, xa estamos inmersos nun hilarante diálogo entre a serpe/corda e a Eva/performer sobre todo o que se supón que debe e non debe facer unha muller.

Contra, de Laura Murphy, formou parte da quinta edición de An English Family, ciclo de espectáculos británicos programado pola sala portuense Mala Voadora. Nesta proposta fresca e atrevida, Murphy desprega un abano de recursos interpretativos –acrobacias aéreas, teatro físico, stand-up comedy, performance, danza– para falar das súas contradicións, mentais e corporais, como artista muller e muller lesbiana.

Esta dualidade mente/corpo é presentada, ás veces, dun xeito máis verbalizado con confesións e descricións das diferentes partes da anatomía núa da performer (xenial a ‘equivocación’ dos lips da boca cos lips da vulva) e a través de narracións ao micrófono; outras, con números de acrobacia na corda que xeran, xunto á sinxeleza da luz e a efectividade da selección musical, atmosferas visuais moi interesantes.

Os grandes acertos desta dramaturxia son a comicidade e a irreverencia coa que se afrontan temas como a familia disfuncional, os abusos, a sexualidade, o patrón de beleza e os conceptos de feminidade e masculinidade. Nesta disección das teimas que máis lle afectan e que, por tanto, conforman o que é Murphy como muller e artista, varían os rexistros interpretativos –do íntimo ao explosivo–, mais nunca o ton: ese tan marcadamente británico, cheo do habitual humor negro que fai fronteira co absurdo e que establece unha gran complicidade entre a escena e o patio de butacas.


Publicidade

Neste espectáculo de deconstrución do arquetipo da muller en xeral e da performer en particular, Laura Murphy fai gala dun control do timing escénico sorprendente para a súa xuventude, apoiado no seu adestramento circense, e co que logra transmitir ou contradicir o discurso da peza: a xestualidade facial que aporta puntos de vista sobre o contado ou a imitación doutros personaxes –como o cómico que interpreta un monólogo abertamente machista– son algúns exemplos.

Contra é un solo escénico sen ningunha contradición nos elementos da posta en escena nin na dramaturxia. A partitura de accións artéllase con coherencia, coma o mecanismo dun reloxo, para, precisamente, esmiuzar a historia de Laura Murphy.

Porque a maioría das veces, a sinceridade e a nudez (literal, neste caso) son os camiños máis sinxelos para contar as cousas.

Contra, de Laura Murphy.

Performer e textos: Laura Murphy.
Dirección: Úrsula Martínez.
Deseño de luz: Katie Davies.
Produción: Nicole A’Court-Stuart.
Co apoio de: Arts Council England, Jacksons Lane, The Invisible Circus, Carre Magique, Circusnext, Aurora Nova.

Ciclo An English Family 2019 na sala Mala Voadora, Porto. 29 de setembro de 2019.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CDG AGADIC

Agadic publica o listado de aspirantes á dirección do CDG

titiriberia |

O monicreque tradicional desembarca nas aulas de Teo da man do Festival Titiriberia