in

O monicreque tradicional desembarca nas aulas de Teo da man do Festival Titiriberia

titiriberia |
A iniciativa ‘Da Barraca á aula’ inclúe obradoiros de construción de títeres tradicionais, talleres de guión, exposicións itinerantes, funcións e sesións de videofórum para as comunidades educativas dos centros de ensino do municipio teense.

 

O Festival Titiriberia. Olladas sobre os Cristovos, organizado pola Asociación Morreu o Demo coa colaboración do Concello de Teo e o apoio da Deputación da Coruña, celebrará a súa cuarta edición entre o 9 e o 15 de novembro. Como gran novidade deste ano, o festival incluirá unha programación paralela nos centros educativos do municipio a través do proxecto Da barraca á aula, unha iniciativa que inclúe a celebración de obradoiros co estudantado, exposicións itinerantes nos centros e sesións de videofórum. Este programa desenvólvese co apoio das axudas a actividades culturais da Deputación da Coruña para entidades sen ánimo de lucro

A actividade Da Barraca á aula comezará mañá, martes 8 de outubro ás 16:30 no IES Cacheiras coa primeira sesión do Videofórum, consistente na proxección do documental Morreu o demo, acabouse a peseta, producido por Tintiman Audiovisual e dirixido por Pedro Solla. Trátase dun percorrido polos títeres populares de Europa, a partir dos traballos de investigación e recuperación que desenvolveu a compañía Viravolta Títeres da antiga barraca de Barriga Verde da familia Silvent. Comba Campoi, produtora da fita e autora da tese de investigación sobre A resistencia simbólica na Galiza da posguerra: O Teatro de Títeres de Barriga Verde, asistirá á proxección e guiará este encontro, aberto ao alumnado da ESO e ao seu profesorado. O Videofórum celebrará unha segunda sesión o vindeiro 5 de novembro ás 16:00 no CEIP A Ramallosa, dirixido ao conxunto do persoal docente e aberto a outros membros da comunidade educativa.

 

Obradoiros

Unha segunda liña de acción desde este auténtico desembarco educativo centrarase nun conxunto de obradoiros de construción de monicreques no CEIP Os Tilos, no IES Cacheira, no CEIP A Igrexa de Calo, para o C.R.A de Teo e no CEIP A Ramallosa. O primeiro deles celebrarase no CEIP Os Tilos o 11 de outubro, cun total de tres grupos conformados por alumnos e alumnas do primeiro ciclo de primaria. Xa o 15 de outubro, o IES Cacheiras acollerá o segundo taller destinado ao estudantado da ESO. Dous días despois, o 17 de outubro, será a quenda do CEIP A Igrexa de Calo, que contará con tres grupos de cuarto de Primaria. O 28 de outubro, o CEIP da Ramallosa terá catro grupo de 3º e 4º de Primaria. Para poñer o ramo, o C.R.A de Teo celebrará o 30 de outubro na Casa Común de Rarís unha festa de Samaín que contará ao longo da xornada con obradoiros divididos en catro grupos nos que se repartirán preto de 80 escolares. Os obradoiros correrán a cargo de profesionais do mundo do títere como Mirari e Larraitz Urruzola, da compañía Babaluva; Anxo García, de Viravolta Títeres, ou Borxa Ínsua, de Títeres Alakrán.

Ademais, a programación desta iniciativa inclúe un taller de guión impartido por José Antonio Cascudo, membro e responsable de audiovisual da Asociación Morreu o Demo. Esta taller celebrarase partido en catro sesións distribuídas polo curso 2019/2020 e estará destinado ao alumnado de secundaria do IES Cacheiras.


Publicidade

 

Funcións para público escolar

Coa intención de achegar o teatro de monicreques ao público escolar, o Festival Titiriberia organiza tres funcións para o alumnado do municipio que terán lugar no Auditorio Constante Liste de Teo. A primeira delas celebrarase o vinderio 12 de novembro, estará destinado ás alumnas e aos alumnos do último ciclo de primaria e correrá a cargo do compañía Fantoches Baj, que representará a súa peza Fábula Galénica. Nesa mesma xornada, no Salón de Actos do IES Cacheiras, actuará Marcelo Lafontana para o alumnado de 1º e 2º da ESO. Dous días despois, o 14 de novembro, a compañía La pícara locuela representará El Faldón de la locura, montaxe dedicado ao alumnado do primeiro ciclo da ESO.

 

Exposicións itinerantes

O programa paralelo do Titiriberia en centros escolares inclúe tamén a exposición itinerante Onde foi Barriga Verde, que detalla a historia do famoso personaxe de cachaporra galego. A mostra atópase xa instalada, dende o 1 de outubro e até o vindeiro día 15, nos CEIP da Ramallosa e dos Tilos. A partir do día 15 trasladarase -até o 31 de outubro- ao CEIP A Igrexa de Calo. Na primeira quincena de novembro, o estudantado do IES Cacheiras poderán gozar da mostra, mentres que do 12 ao 22 de novembro, se instalará na Biblioteca do C.R.A de Teo. Por último, o programa en centros educativos tamén se estenderá ao longo deste curso no CPEI Virxe da Saleta de Cea, extensión que contará co apoio do Ministerio de Cultura.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Contra |

Contra

PremiBornXurado |

Duascentas vinte e oito obras concorren á 44ª edición do Premi Born de Teatre