in

Duascentas vinte e oito obras concorren á 44ª edición do Premi Born de Teatre

PremiBornXurado |

Duascentas vinte e oito obras concorreron á 44ª edición do Premi Born de Teatre 2019, corenta títulos máis que os presentados na edición anterior. O premio, dotado con 14.000 euros mais a edición da obra en castelán, catalán galego e éuscaro, será entregado o 26 de outubro en Menorca.

Como vén facendo desde o ano 2006, a erregueté será a encargada de publicar a tradución ao galego do texto gañador desta última edición, a terceira con máis pezas presentadas da súa historia.

Do total de obras presentadas, o 88% proceden do ámbito estatal (maioritariamente Cataluña e Madrid) e case o 10% do ámbito internacional (Arxentina, Bélxica, Brasil, Estados Unidos e Cuba, entre outros) sendo o 2% restante de orixe descoñecida. A preselección das obras foi realiza polo licenciado en Dirección escénica e profesor do Institut del Teatre Rafael Duran; polo licenciado en Dirección escénica e dramatúrxia polo Institut del Teatre Iban Beltrán e pola dramaturga e licenciada en Filoloxía Hispánica Rosa Molero. O seu labor consistiu en elaborar unha ficha valorando a calidade lingüística, temática e dramatúrxica de cada unha das obras presentadas.

O xurado está formado polo profesor de estudos hispánicos e cataláns da Universidade de Grenoble Alps, Laurent Gallardo; por Juan Vicente Martínez, profesor de filoloxía inglesa na Universidade de Valencia e director de Sagunt a Escena; por Mercè Sarrias, dramaturga e guionista de televisión; polo profesor da Universidade de Barcelona especialista en Renacemento e Barroco, Josep Solervicens e pola dramaturga e membro da compañía Cos de Lletra, Ruth Vilar.

A primeira reunión do xurado celebrouse o día 21 de setembro na sala Beckett de Barcelona, mentres que a segunda reunión na que se decidirá o gañador do premio terá lugar o próximo sábado 12 de outubro.

A dotación do premio é de 14.000 euros máis a edición da obra gañadora nas catro linguas oficiais do Estado español (castelán, catalán, galego e éuscaro): na colección “Textos apart”, da Editorial Arola, en catalán; en galego na erregueté – Revista Galega de Teatro e en éuscaro e castelán en Artez.

O acto de entrega do XLIV Premi Born de Teatro 2019 terá lugar o 26 de outubro en Ciutadella de Menorca, coa representación da obra El principio d’Arquimedes, de Josep Maria Miró i Coromina, obra gañadora do Premi Born o ano 2011 e representada pola compañía Mô Teatre. Despois da representación e antes da entrega do Premio, os actores Jordi Boixaderas, Mercè Montalà e Josep Mercadal realizarán unha lectura dramatizada das obras de Josep Maria Quadrado no marco da conmemoración do bicentenario do seu nacemento.


Publicidade

 

Residencias de Creación Premi Born

Neste ano organizáronse as V Residencias de Creación Premi Born. Nesta quinta edición presentáronse 17 proxectos, sete máis que o ano pasado, de diversas procedencias do Estado. Os membros da Junta do Cercle Artístic foron os encargados de escoller o proxecto gañador que resultou ser peza Dramasofía das creadoras Kira Anzazu e Nicoletta Cappello.

Con Dramasofía, partindo das teorías dos grandes filósofos que as marcaron durante o bacharelato, as autoras emprenden unha viaxe á súa propia adolescencia para descubrir cales das súas teorías se manteñen nelas e porqué. O público participa activamente nesta obra, xa traballada na residencia artística en Casae Rappini (Roma) e na fábrica de creación Fabra i Coats (Barcelona), e é convidado a repensar a súa relación íntima coa filosofía.

Este ano, a Residencia de Creación desenvolverase do 10 ao 23 de outubro. Durante a súa estadía en Menorca, as dúas dramaturgas e pedagogas traballarán na súa obra e realizarán sesións co alumnado de artes escénicas do IES Josep Maria Quadrado e para alumando de 1º de Bacharelato dos dous institutos de Ciutadella.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

titiriberia |

O monicreque tradicional desembarca nas aulas de Teo da man do Festival Titiriberia

LimiteZero |

Arrinca o XXX Festival Internacional de Marionetas do Porto