in

Entrevista: Ruth Gutiérrez, gañadora do XLIII Premi Born, e Antía Veres, tradutora da obra premiada

Ruth e Antia
Ruth Gutiérrez Álvarez (Santander, 1987) acadou o pasado ano o XLIII Premi Born de Teatre con Los amantes sobrehumanos. Este venres 25 de outubro, dentro dos actos do Premi Born 2019 terá lugar a presentación da publicación da peza en galego, castelán, catalán e éuscaro. Antía Veres Gesto, galardoada recentemente co XVIII Premio Plácido Castro de Tradución, asina a versión en galego da obra gañadora que, como vén sucedendo desde 2006, edita a erregueté. Conversamos coa autora e a tradutora do texto para coñecer algunhas das súas claves. | Vanesa Sotelo |

 

RUTH GUTIÉRREZ ÁLVAREZ

Os amantes sobrehumanos colócanos ante a historia de Ángela e Dierly, dúas persoas “enfermas de amor e de trisomía” nun contexto de violencia. Cal foi o punto de partida da obra?

Cando recollín o premio expliquei que a orixe de Os amantes sobrehumanos era todo aquilo que non comprendía, todo o que se atragoa e doe. Non podía por que a vida, todo o fermoso e puro da vida estaba sempre a piques de caer, a piques de esboroar… sempre ameazada polo medo, pola angustia, polo home… E que forza inexplicable a sostiña sen deixar que caese? Esta foi a idea da que naceu a obra e que lle foi dando forma.

O xurado do XLIII Premi Born 2018 destacou a obra como un “Romeo e Xulieta disfuncional que debe servir para reflexionar sobre a violencia e o horror”. Sobre que elementos e referentes traballaches á hora de concibir o texto?

Quería reflexionar sobre os aspectos máis crús que envolven a discapacidade, entre eles, o maltrato físico e psicolóxico, o abuso sexual, a anulación, o sometemento; e, por outro lado, sobre cuestións habitualmente silenciadas, como, por exemplo, o desexo sexual entre persoas con discapacidade, o amor ou a necesidade de autonomía. E ese camiño levoume tamén a afondar noutros asuntos que dunha ou doutra maneira atravesan a todos os personaxes por igual, tanto a aqueles con discapacidade como aqueles que non. Ao final, a soidade, o desengano, a perda, a insatisfacción, a falta de amor e a frustración vital afogan ás outras personaxes e debemos asomarnos ao seu abismo, por máis que o seu comportamento nos resulte desagradable, doloroso ou incomprensible. Todos eses sentimentos aniñan dentro deles, botan raíces na súa entraña e nuns expúlsanse ou maniféstanse a través da violencia e noutros a través do amor ou da necesidade de amor. En canto aos referentes, ningún. Escribín a obra desde dentro, desde a intimidade e a nudez, mesmo desde a inocencia dun texto que pensei que nunca ninguén ía ler. Por iso naceu libre, sen ningún outro referente que a emoción.

Na súa presentación da obra, Ewelina Topolska asegura que nunha época na que as obras “emanan cinismo ou unha certa incredulidade ante o concepto de amor, Os amantes sobrehumanos ofrece un asomo de esperanza”. Non obstante a crueldade parece rodear todo o universo da peza. Desde a túa perspectiva, Os amantes sobrehumanos déixanos ante a impotencia ou ante a esperanza de mudar as circunstancias que nos conforman?

O desenlace da obra está aberto a calquera das dúas interpretacións, pero eu inclínome, malia á traxedia na que desemboca a trama, cara a esperanza. Parece algo incongruente porque a violencia habítao todo e a morte ofrécese como a única alternativa posible para deixar de aturar tanto sufrimento. Sen embargo, o final dos protagonistas condúcenos a outro concepto novo, a unha nova forma de entender e concibir o mundo que debe necesariamente superar o humano –e toda a crueldade que entraña o humano- para poder amar e vivir en plena liberdade, lonxe do abuso e do xuízo dos outros. Dalgunha forma, eles acádano. É o triunfo do amor, pero dunha maneira que non coñecemos, dunha maneira talvez sobrehumana.

“Un home non pode habitar só o mundo” parece ser un dos eixos sobre os que se constrúe o texto, protagonizado por uns seres que procuran satisfacer a necesidade de relacionarse. Escribir este texto é un acto de fe no outro?

Non. Non é un acto de fe no outro. É a necesidade do outro. É a necesidade de amar e ser amado. É a necesidade do amor para non morrer de pena. E é unha necesidade ás veces tan implacable e devastadora que chega a converternos en monstros.

Pippo Delbono, Marc Artigau, Lorena Romanín ou Clàudia Cedó son algúns dos referentes que no seu prólogo o profesor Fabrice Corrons rescata de entre as creadoras que traballan con persoas con discapacidade para normalizar a súa representación e a súa presenza nos escenarios. Que desafíos supuxo colocar a mirada desde a perspectiva de Ángela e Dierly?

Coñezo o traballo de todos eles, especialmente o de Pippo Delbono e Clàudia Cedó. Cada un deles fai unha labor marabillosa e necesaria, pero creo que partimos desde diferentes puntos. Eu non pretendo normalizar a representación de persoas con discapacidade. Para min xa é normal. Ademais, odio a palabra “normalizar”. Non hai nada que normalizar. Son os outros os que deberían regularse a vista e deixar de ver “anomalías” en todas partes. E por iso non supuxo ningún desafío ver a través deles. Só debía poñerme na súa pel, da mesma maneira que o fixen coas outras personaxes da obra. Nada máis.

Negra sombra de Rosalía de Castro aparece como espazo case de refuxio entre os dous protagonistas. A que se debe esa elección?

O poema cántalle a unha sombra, a algo que está presente dunha maneira case inexplicable e até involuntaria; unha sombra dolorosa que non nos deixa, como unha lembranza do que xa non temos ou dunha persoa que xa non está pero que inevitablemente segue habitando contigo. Na obra, esa sombra é o outro. A protagonista quere deixar de existir neste mundo coa esperanza de renacer noutro que ela cre máis bondadoso. Acádeo ou non o acade, nesta ou en calquera outra realidade, Dierly sempre estará con ela –por ela e para ela- como unha sombra que todo inunda e da que emana todo, mesmo a propia vida.


Publicidade

Que supuxo para ti recibir o Premi Born con esta opera prima?

A nivel persoal foi moi satisfactorio. Non é moi habitual gañar este tipo de premios con unha primeira obra, de modo que o recoñecemento que implica axudoume a seguir escribindo e a comezar a crer que realmente era posible, que o soño se podía cumprir. Agora ben, a nivel profesional e por desgraza, o premio non supuxo nada. A circunstancia de que a obra sexa premiado ou non pouco inflúe en que se chegue a estrear finalmente no circuíto teatral. De feito, presentáronme máis facilidades para estrear a obra aquí en Francia, que é onde actualmente vivo e traballo, que en ningún outro teatro de España. Así están as cousas.

 

ANTÍA VERES GESTO

Como tradutora que elementos destacarías da peza Os amantes sobrehumanos de Ruth Gutiérrez?

Esta obra presentoume un traballo moi interesante, tanto no plano dos personaxes, todos eles moi ricos e profundos, e cunhas moi marcadas diferenzas entre eles, coma no plano textual, onde se combinan pasaxes de prosa con outras poéticas, repeticións, intervencións entrecortadas e intensos diálogos interiores. Canto aos personaxes, aplaudo, xa non só como tradutora, senón tamén como lectora, a decisión de facer xirar a obra arredor de dúas persoas con trisomía e de falar ás claras dos seus sentimentos, así como de plasmar dunha maneira tan crúa e directa os problemas aos que se enfrontan estes individuos na sociedade, que queda representada neste caso na unidade familiar. Con todo, a autora non se detén aí, senón que explora a fondo unha morea de aspectos universais que nos afectan como seres humanos: as obsesións, a fermosura, a violencia, a crueldade, a protección (ás veces confundida con anulación), a comprensión, a empatía e a falta dela, a soidade, o medo, o illamento, a educación, a manipulación, a transmisión de valores (positivos e viciados)…

O ano pasado encargácheste de lidar cos palíndromos de Arde, hedra de Suárez Lema, cales foron os desafíos de Os amantes sobrehumanos?

Penso que o máis importante neste caso era a descrición dos personaxes a través da fala. Obviamente, esta cuestión está moi ligada á creación e á tradución de teatro en xeral, pero coido que esta obra precisaba un especial coidado da linguaxe para acadar a naturalidade tendo en conta todas as condicións de cada un dos personaxes. Os amantes sobrehumanos conta moito e vai moi dentro cunhas palabras moi simples. Así e todo, esperta sensacións tan íntimas e ao mesmo tempo tan universais que consegue desgarrar a calquera que o lea. Iso mesmo tiña que tratar de lograr eu coa tradución. Esta peza emprega unha linguaxe moi próxima, moi espontánea e natural, lonxe de artificios. Así, puiden moverme no nivel lingüístico que máis me gusta traballar, xogando coa flexibilidade da oralidade da lingua galega. Mesmo descubrín e recuperei unha pequena cantiga popular galega, que convido a todo o mundo a rebuscar na tradución. Dentro da intertextualidade do texto, tamén atopamos o Negra sombra de Rosalía, que me puxo os pelos de punta cando, como lectora, o descubrín na versión orixinal da obra de teatro. Pareceume moi acaído introducir un poema con tanta forza para ese momento tan tráxico da historia. Como tradutora, nese caso deume o traballo xa feito e, ademais, deu lugar a un resultado moi redondo, xa que é un poema que conecta moito co lectorado galego.

A peza posúe un particular equilibrio entre o hiperrealismo e o poético, como te colocas como tradutora ante iso

Sendo consciente da forza que teñen todas e cada unha das palabras e escolléndoas con moito coidado en cada ocasión. En casos coma este, a fidelidade á autora do orixinal é unha cuestión primordial. É unha obra sincera e moi íntima, co cal a tradución ten que estar completamente en harmonía coas palabras, expresións e imaxes (tan gráficas) que emprega a autora. Neste sentido, foime moi útil poder consultarlle as dúbidas directamente a ela: este é un privilexio co que non sempre contamos as tradutoras, pero que nos axuda moito a darlle o toque máis axeitado ás traducións. Ademais, Ruth foi moi facilitadora e contestoume con axilidade e precisión tódalas preguntas, outro privilexio que non sempre está da nosa parte. Grazas a iso, mesmo puiden descubrir matices que me quedaran ocultos e mellorar a tradución para causar o efecto que se procuraba co texto orixinal nos fragmentos máis tenros, máis violentos, máis crus, máis poéticos e máis realistas.

Acabas de recibir o Premio Plácido Castro de Tradución pola novela Unha muller perdida de Willa Cather, con respecto ao teatro, como ves a situación da tradución teatral en Galicia?

Se xa a tradución editorial en xeral está de capa caída, porque nos enfrontamos a importantes dificultades económicas e a unha perda constante de falantes e de lectorado, creo que a situación é particularmente grave no caso da tradución teatral, que queda por detrás doutros xéneros coma a novela, por exemplo. É preciso reivindicar máis apoio institucional e iniciativas dirixidas a fomentar a lectura en galego e a asistencia a salas de teatro con obras na nosa lingua, xa que ao fin e ao cabo o público é o fin desas traducións, o elemento fundamental para que reviva este sector.

Non podemos esquecer que a tradución é unha ferramenta de normalización para o galego que evita a vulneración dos dereitos lingüísticos daquelas persoas que desexan acceder a obras estranxeiras na súa propia lingua, pero que ante a súa falta deben recorrer a idiomas alleos. Ademais, serve tanto para ampliar o sistema teatral galego coma para levar polo mundo adiante as obras das creadoras galegas, xa que borra por un momento as fronteiras para que flúan as culturas e que se enriquezan entre elas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

HamletChapito |

Fin de semana ateigada de novidades no FIOT de Carballo

IIPremioLaudamuco |

Aberta a convocatoria para o II Premio Laudamuco para Textos Teatrais