in

O electo

OElecto©VanessaRabade |

A causa e a consecuencia

| Manuel Xestoso |
| Foto: Vanessa Rábade |

 

Hai en O electo máis psicoloxía que política, máis conquista da propia confianza que da confianza do electorado. O que comeza con tons de sátira política vai rectificando o rumbo pouco e pouco até acollerse a un itinerario menos polémico, máis lixeiro e cun obxectivo máis claro: gustar ao público. A comedia vén da man do encontro entre un presidente da Xunta de Galicia –a quen, horas antes da investidura, lle asalta un tic nervioso que compromete a súa dignidade– e un psiquiatra que deberá aplicar unha terapia de choque –con moita psicanálise e algo de sentidiño– para evitar o ridículo na toma de posesión.

Poderiamos dar por válida a hipótese de que desviar a mirada do público cara ao privado pode dar as claves do que sucede na arena política, de que indagar na vida privada dos políticos pode aclarar o seu comportamento civil nas institucións. Ou tamén podemos pensar que os nosos representantes, para ser aceptados nas estruturas de poder do sistema, deben pagar peaxes que afectan á súa privada. Non é o mesmo ser causa que consecuencia.

Cando a obra nos deixa ver que os poderes económicos –banca e empresarios– “axudan” a un determinado político a gañar unhas eleccións a cambio de certas prebendas, afirmámonos na causa, na análise dun sistema que se di democrático pero que agocha o xogo de influencias que permite o triunfo duns e asegura a derrota dos outros. Cando, pola contra, acudimos a un conflito paterno-filial para explicar a vontade de poder, suxerimos que o sistema é consecuencia do desequilibrio dos que o manexan. Talvez non sexan interpretacións incompatibles en determinados casos, pero cadra máis que, en xeral, sexa o sistema o que conforma as persoas que o pilotan e non ao revés.

A obra de Ramón Madaula abanea entre estes dous polos durante bastante tempo, como deixando que sexa o espectador o que decida en que rexistro poñer o peso: na sátira ou na comedia de situación. Manu Baqueiro e Antonio Mourelos axudan a que os personaxes manteñan a contención que a circunstancia esixiría, e manexan con bo pulso o duelo dialéctico que constrúe o conflito, sen recorrer á parodia explícita pero sen rexeitar as inevitables alusións á actualidade.

A dirección de Pazó tira da sátira, subliñando elementos da realidade galega que o público pode recoñecer facilmente e coidando de que o marco político non perda protagonismo, aínda que o texto deriva axiña nunha caricatura que está máis pendente dos personaxes que do contexto, máis atento ao chiste que á crítica. Máis da parte da consecuencia que da causa.


Publicidade

O espectador ten que situarse un paso máis alá dos personaxes para eliminar a distancia entre a anécdota e o contexto, ou entregarse a un artefacto cómico que xoga con destreza a desmontar os mecanismos na construción dunha personalidade, dun líder, dunha obra de éxito.

 

O electo, de Ramón Madaula

Dirección: Candido Pazó
Elenco: Manu Baqueiro, Antonio Mourelos
Texto orixinal: Ramón Madaula
Versión Galega: Cándido Pazó
Iluminación: Afonso Castro
Escenografía: Dani Trillo
Música: Manuel Riveiro
Deseño gráfico: Miramemira
Produción: Lilian Portela
Dirección de produción: Sergi Calleja, Belén Pichel

Estrea no FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro). Pazo da Cultura de Carballo. 25 de outubro de 2019.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

deborah vukusic

Deborah Vukusic estrea ‘Guerra de identidade’ en Vigo

Patricia De Lorenzo XOgraresa

Patricia de Lorenzo recibiu o título de Xograresa de Outono no FIOT de Carballo