in , ,

Patricia de Lorenzo recibiu o título de Xograresa de Outono no FIOT de Carballo

Patricia De Lorenzo XOgraresa

Como estaba previsto, Patricia de Lorenzo, da compañía Chévere, recibiu o título de Xograresa de Outono do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) o pasado venres 1, na xornada de clausura do festival. O dramaturgo Manuel Lourenzo –Xograr de Outono 2018– foi o encargado de entregarlle o premio nunha cerimonia na que estaban presentes numerosos galardoados en edicións anteriores.

“Moi nova aínda, apareceu Chévere e aceptaches a súa alianza. Grazas a iso, moras agora nunha casa con xanelas abertas a todos os ventos, a todas as paisaxes. Grazas a iso podes presumir de que aquilo que parecía un soño adolescente sexa aínda a materialización do que máis nos importa”, foron as palabras coas que Lourenzo lle entregaba o premio á nova xograresa. “Con Chévere, a aventura non ten data de caducidade. Daquel soño dun teatro galego que nos representase, con independencia dos avatares xordo-político-facinerosos, o corpo do noso teatro chámase Chévere. Un grupo de traballo sólido, maduro, ben articulado e absolutamente necesario. Un teatro viaxeiro, que espalla as súas visións, expresándose con orgullo nunha lingua que non todos aman nin respectan!”

Patricia de Lorenzo recolleu o premio emocionada, facendo alusión aos tempos nos que comezaba e nos que Lourenzo, en Elsinor Teatro, foi testemuña da súa vocación temperá. Rematou describindo o teatro como “un lugar de encontro que temos entre o público e as persoas que estamos no palco; todas temos algo en común que é que queremos conmovernos e buscar experiencias que nos fagan cuestionarnos cada día para tratar de mellorar o mundo no que vivimos”.

 

O Xograr de Outuno é un nomeamento honorífico do Festival Internacional Outono de Teatro  para recoñecer unha persoa ou entidade que destaque pola súa traxectoria na promoción e desenvolvemento do teatro en Galicia. A elección da galardoada correspóndelles aos anteriores Xograres de Outono e á Asociación Cultural Telón e Aparte.


Publicidade

En anteriores edicións, foron xa merecedores deste premio Roberto Vidal Bolaño, Artur Trillo, Celso Parada, Víctor Mosqueira, Quico Cadaval, Dorotea Bárcena, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Marcelino de Santiago “Kukas”, Alberto Gende, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Eduardo Rodríguez Cunha “Tatán”, Susana Dans, Miguel de Lira, Mónica Camaño e Manuel Lourenzo.

Patricia de Lorenzo forma parte do Grupo Chévere desde 1994, unha compañía que é unha referencia imprescindible en Galicia. Ela é un piar fundamental do grupo, tanto enriba como detrás do escenario, desenvolvendo labores de dirección, administración, xestión e produción.

Traballou tamén con Teatro do Aquí, Elsinor ou co Centro Dramático Galego. Prestixiosos galardóns recoñecen a súa traxectoria como actriz, como varios María Casares ou o Premio Maruxa Villanueva.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

OElecto©VanessaRabade |

O electo

Carlos Labraña

Carlos Labraña no Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas