in

Illas Desertas

Illas Desertas
ArtesaCía

A conquista do inútil

 

Nas primeiras páxinas do diario de rodaxe do filme Fitzcarraldo (1982) –publicado en castelán por Blackie Books–, o director alemán Werner Herzog plasma a febril idea que o levaría xunto ao seu equipo ao límite do artístico e do humano durante os catro anos que durou a tormentosa produción na Amazonas: “coa furia demente dun can que trabou os dentes na perna dun cervo xa morto e empurra do animal caído até o extremo de que o cazador abandona todo intento por calmalo, apoderouse de min unha visión: a imaxe dun enorme barco de vapor nunha montaña”. Herzog conseguiu que 320 toneladas de piróscafo atravesasen sen efectos especiais as montañas da selva peruana, bautizándose a si mesmo trala fazaña como un conquistador do inútil.

Que nos move a ir sempre máis alá? Onde atoparemos iso que tanto buscamos: trala liña do horizonte, no cume nevado dunha montaña, enterrado na area de praias remotas? Por que nos deixamos a pel en accións, decisións ou ideas, en principio, sen utilidade algunha? Estas e outras cuestións sobrevoan as Illas Desertas de Artesa_Cía, o novo proxecto da compañía que propón unha travesía cara á nada, ancorada nas narrativas transmedia e na poesía audiovisual.

Antes de acceder ao espazo da representación, convídase ao público/tripulación a instalar no seu teléfono móbil Kalliópe, aplicación coa que estaremos en contacto continuo a través de mensaxes escritos e gravacións sonoras con Laura Villaverde, Roi Fernández e Susana Méndez, performers e técnica do espectáculo. A cada persoa asígnaselle un rol (cronista, fotógrafa/o, mariñeira/o) e embárcase xunto ao seu grupo na expedición. Se ben é certo que esta opción narrativa resulta moi suxestiva nun primeiro momento ao despregar un abano de posibilidades de vivenciación-participación da peza nas expectativas dos espectadores, fica por ser un recurso dramatúrxico que podería estar moito máis explotado ao longo do espectáculo.


Publicidade

As etapas da viaxe sucédense de xeito fragmentario. A través do movemento, das voces en off, da realización en directo, da interpretación, do son, da resignificación poética dos obxectos, da construción de maquetas e do traballo con máscaras xéranse paisaxes escénicas cunha enorme carga poética, salpicados das experiencias e reflexións de tres aventureiros: a aviadora Amelia Earhart, o explorador Ernest Shackleton e o montañeiro Sebastián Álvaro (director do programa de TVE Al filo de lo imposible). Especialmente fermosos foron os momentos nos que Roi, cámara en mano, reproduce o accidente do avión de Earhart no centro da illa-embigo de Laura; a fracasada expedición de Shackleton á Antártida con bonecos de modelismo abríndose paso polo iceberg-saco de durmir; a danza da Illa/Muller das Flores ao ritmo do piano electrónico; ou o suxerinte diálogo sobre o paso do tempo de Amelia e Ernest, reencarnados en pingüíns, mentres toman unhas copas.

As campaíñas da aplicación móbil soan varias veces no patio de butacas e instan á tripulación a pensar nun feito inútil da súa vida e comentalo co veciño, a cantar para espantar o medo, a coller da man a unha persoa descoñecida e iluminar o vínculo coa lanterna do dispositivo, a berrar que é o que se ve alén da brétema –aínda que o único importante realmente é a brétema que temos diante–, a facer, en definitiva, grupo durante a hora que dura a exploración por estas Illas Desertas; territorios ignotos que nos habitan interiormente e que buscan saír a flote como resposta á competitividade e produtividade dun mundo que só sabe camiñar nunha soa dirección. Mais é nestes carreiros alternativos e inútiles que levan á Antártida, que xeran a idea tola para rodar unha película, que chaman a realizar unha xesta aeronáutica, que nos impulsan a seguir escribindo, interpretando, dirixindo, producindo e facendo teatro, onde atopamos a verdadeira utilidade a esta aventura chamada vida.

Illas Desertas, creación escénica transmedia de Artesa_Cía.

Dramaturxia / Performers / Espazo escénico: Laura Villaverde e Roi Fernández.
Voz / Textos sobre conferencias de: Sebastián Álvaro.
Videocreación / Cinema en directo / Espazo sonoro / Música ao vivo / Iluminación: Roi Fernández.
Control técnico en directo: Susana Méndez.
Programación interactiva para app móbil: Fundació Épica (La Fura dels Baus).
Colaboran: La Fura dels Baus, Residencias Paraíso (Colectivo RPM), Sala Ingrávida.

Sala Ingrávida, Porriño. 16 de novembro de 2019.

Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

7D286006 75F9 45A9 B441 2FE9C6D1AC15 |

Tiago Rodrigues dirixirá a Royal Shakespeare Company

LitDram |

IV Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG na Coruña