in

IV Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG na Coruña

LitDram |
O vindeiro 23 de novembro, terá lugar no Espazo Normal da Coruña (Paseo de Ronda, 47) a IV Xornada da Sección de Literatura Dramática. Cartografías da palabra en acción, unha actividade organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega coa colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, co patrocinio do Concello da Coruña, Deputación Provincial da Coruña e CEDRO, e a colaboración da Universidade da Coruña.

 

Este ano, a xornada prevé celebrar dúas mesas redondas: unha sobre “A literatura dramática nas aulas” , na que intervirán María Vilariño e Manuel F. Vieites e que contará coa moderación de Olívia Pena, e outra sobre “A difusión da literatura dramática hoxe” na que, baixo a moderación de Carlos Labraña, intervirán Inma Doval e Manuel Xestoso, subdirector da erregueté | Revista Galega de Teatro.

A sesión da mañá rematará cunha Aula maxistral a cargo de Fernando Matos Oliveira​. O autor, cun amplo coñecemento como estudoso e crítico da dramaturxia portuguesa contemporánea, falará sobre o papel da literatura dramática na configuración dunha cultura diferenciada e os camiños da dramaturxia portuguesa de onte a hoxe, mantendo posteriormente un coloquio co público presente.

Publicidade

Xa pola tarde, as xornadas de debate darán paso ao Festival Pezas dun teatro do porvir. Procesos abertos de escrita dramática, no que se presentarán seis proxectos de escrita dramática: Santa Inés, de A Feroz; Mal avenida, de Fernando Epelde; O rocho, de Carlos Labraña; Grada familia, de Marta Figueiredo; Desertos ou A resaca dos profetas, de Ernesto Is; e O senso da floración, de Laura Porto.

 

As Xornadas

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.

A Literatura Dramática é un filón de alto potencial, que en Galiza segue a manterse case no esquecemento. Por iso cómpre deseñar encontros e actividades que exploren e poñan en valor a Literatura Dramática Galega actual, enfocada nas súas múltiples virtudes de cara ao Ensino, porque no Ensino, con maiúsculas, está o futuro.

Por outra banda, un dos elos fundamentais desta IV Xornada é servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos. Cómpre facilitar, visibilizar, abrir espazos de encontro para compartir eses procesos de creación e para atopar unha complicidade e un diálogo que poida potenciar esas pezas en construción. Coa alegría dun nacemento, celébrase a xeito de festival baixo o título Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, que, para este 2019, se amplía a 6 proxectos que serán amosados e compartidos en público. Ademais, procúrase o diálogo coas inquedanzas compartidos coas dramaturgas e dramaturgos de Portugal.

 

Programa

Mañá
09:45 Apertura da III Xornada, a cargo de Cesáreo Sánchez Iglesias e Cilha Lourenço Módia.
10:00 Mesa redonda A literatura dramática nas aulas. Presentación e moderación: Olivia Pena. Participan: María Vilariño e Manuel F. Vieites.
11:15 Mesa redonda A difusión da literatura dramática hoxe. Presentación e moderación: Carlos Labraña. Participan: Inma Doval e Manuel Xestoso.
12:30 Aula maxistral a cargo de Fernando Matos Oliveira​.

Publicidade

 

Tarde
Entre as 16:30 e as 20:30 Festival Pezas dun teatro do porvir. Procesos abertos de escrita dramática.

  • Santa Inés, de A Feroz
  • Mal avenida, de Fernando Epelde
  • O rocho, de Carlos Labraña
  • Grada familia, de Marta Figueiredo
  • Desertos ou A resaca dos profetas, de Ernesto Is
  • O senso da floración, de Laura Porto.

O funcionamento deste festival consta dunha exposición ou mostra dun fragmento da peza ou da peza enteira, no caso de ser breve. Xusto despois, haberá un tempo complementario para un breve debate ou conversa ao seu respecto.

As presentacións faranse no formato que cada dramaturga/o ou equipo de dramaturxia considere máis axeitado á peza ou fragmento da peza que vai amosar.

No breve debate posterior ás presentacións búscase coñecer a reacción do público, nun diálogo que, quizais, poida servir para enriquecer, por parte da/o dramaturga/o ou equipa de dramaturxia, o acabado desas pezas en proceso.

Coa coordinación de Afonso Becerra de Becerreá, Vogal de Literatura Dramática da AELG, e Cilha Lourenço Módia, da Universidade da Coruña.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Illas Desertas

Illas Desertas

CDG AGADIC

A Xunta recorta o orzamento do CDG e o CCG nun 40% e nun 66 % respectivamente