in

A Xunta recorta o orzamento do CDG e o CCG nun 40% e nun 66 % respectivamente

CDG AGADIC
Fotografía do CDG
Unha pregunta da deputada do BNG, Olalla Rodil, desvela os recortes e o conselleiro contraataca anunciando un novo Estatuto da Axencia Galega de Industrias Culturais redactado ás costas das asociacións profesionais. | Manuel Xestoso |

 

A Xunta rebaixará os orzamentos do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego nun 40 e nun 66 por cento respectivamente. Así o desvelou onte a deputada do BNG Olalla Rodil, no transcurso dunha sesión parlamentar na que lle preguntou ao conselleiro de Cultura que futuro lles agarda ao CDG, ao CCG e ao Centro Galego das Artes da Imaxe tras permanecer longo tempo sen dirección e con continuos recortes nos recursos económicos. Os centros culturais, dixo, “están desmantelados polas políticas do PP da última década”.

No CDG, púxose en marcha o concurso público para renovar a dirección no mes de agosto, pouco despois de que Fefa Noia lle comunicase ao Consello Reitor da Agadic a súa marcha a primeiros de outubro para emprender novos cometidos profesionais. Daquela, as asociacións profesionais pedíronlle á Xunta que acelerase este proceso para evitar a parálise da institución pública, tal e como acontecera entre a dimisión de Manuel Guede en 2015 e a incorporación de Fefa Noia en xaneiro de 2016. A renuncia de Noia fíxose hai xa máis de un mes e a Xunta segue sen resolver o concurso aberto, malia que xa se coñecen os oito candidatos que optan á dirección do Centro.

Publicidade

Pola súa banda, o Centro Coreográfico Galego quedou sen dirección en outubro coa dimisión de Mercedes Suárez, que veu precedida de durísimas críticas de profesionais da danza a súa xestión.

Para Rodil, o  Centro Coreográfico leva dez anos “durmindo o soño dos xustos”. Anos, recalcou,  de inactividade e  sen producións propias, sen plan de actuación para as artes do movemento, con contas opacas e “incompatibilidades non xustificadas” por parte da que fora a súa directora durante 9 anos.

De igual xeito, indicou que  permanece descabezado o Centro Galego das Artes da Imaxe, o histórico CGAI.

Rodil, ademais, denunciou os recortes nos Orzamentos para 2020: o Centro Dramático Galego, pasa a percibir de 600.000 no ano 2019 a 350.000 euros en 2020, e o Centro Coreográfico Galego, de 150.000 euros no ano 2019 a 50.000 no 2020. O Centro Galego das Artes da Imaxe percibirá tamén 50 mil euros menos de orzamento.

 

CDG2020 | CDG2019 |

 

CCG2020 | CCG2020 |

Partidas destinadas ao CDG e ao CCG en 2020 e 2019.

 

Publicidade

Non obstante, o PP gábase de que 1 de cada 3 euros da consellería de Cultura será destinado  ao Xacobeo 2021. “Quizais deberíamos resucitar o pelegrín para e poñelo á fronte das unidades de produción da AGADIC a ver se así as consideran vostedes unha prioridade”, ironizou a deputada.

 

Un novo estatuto para AGADIC sen negociar co sector

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, non contestou á pregunta sobre os recortes, pero sorprendeu anunciando un novo estatuto da Axencia Galega de Industrias Culturais. Rodríguez, avanzou que este texto favorecerá a “transformación e modernización” deste ente co obxectivo de facer fronte á evolución e aos novos cambios normativos que está experimentando o sector.

Entre as novidades que introducirá este texto destaca a creación da figura do xerente da Agadic, que se encargará de coordinar a xestión administrativa da axencia. Ademais, favorecerase a inclusión na axencia do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), un centro que, aínda que funcionalmente xa estaba adscrito á propia Agadic, non o estaba a nivel estatutario. Por último, crearase un novo departamento de danza que permitirá potenciar o traballo no sector e no que se ubicará o Centro Coreográfico Galego (CCG).

Sobre o proceso de selección do novo director do CDG, o responsable de Cultura e Turismo puntualizou que o proceso, ao que se presentaron oito aspirantes, “está xa nas últimas fases”. Ademais, no que respecta á dirección do CGAI, anunciou que a selección do seu responsable terá lugar unha vez sexa aprobado o novo estatuto de Agadic, igual que sucederá co novo departamento coas responsabilidades da promoción da danza.

Tras a resposta do conselleiro de Cultura  anunciando un novo estatuto da Axencia Galega de Industrias culturais, a nacionalista mostrou a súa sorpresa por un anuncio que “non foi comunicado nin negociado co sector” e cualificou de “un coello da chistera” un novo estatuto do que ninguén ten noticia.

A erregueté púxose en contacto coas asociacións profesionais (Asociación De Actores e Actrices de Galicia), Escena Galega (a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas) e a Academia Galega de Teatro, que confirmaron a súa sorpresa polo anuncio do Conselleiro e declararon que en ningún momento o departamento de Cultura se puxo en contacto con eles para negociar ou sequera confirmar que se estaba redactando un novo Estatuto para a AGADIC, aínda que si se sabía que ía haber algún cambio no organigrama.

 

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

LitDram |

IV Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG na Coruña

As Comedias de Tiruleque |

Presentación do libro ‘As comedias de Tiruleque’ no Carballiño