in

Mercedes Suárez deixa a dirección do Centro Coreógrafico Galego

CCGManuelLemos |
O pasado mes de xuño, un grupo de profesionais galegos da danza fixo público un manifesto que denunciaba “múltiples irregularidades” e “mala xestión e falta de transparencia”, despois de que o CCG anunciase a estrea do espectáculo Maestro Rodrigo. | Foto: Manuel Lemos / Agadic |

 

A coordinadora do Departamento de Produción Coreográfica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Mercedes Suárez, cesa hoxe no seu posto, que implicaba a dirección do Centro Coreográfico Galego, para, segundo a Consellaría de Cultura, “iniciar unha nova etapa profesional”.

O pasado mes de xuño, un grupo de profesionais galegos da danza fixo público un manifesto que denunciaba “múltiples irregularidades” e “mala xestión e falta de transparencia”, despois de que o CCG anunciase a estrea do espectáculo Maestro Rodrigo –no que a filla de Suárez exercía de primeira bailarina–, logo dun longo período sen producións propias.

Nese manifesto, denunciábase a “inactividade do CCG (sen producións propias nas últimas tempadas) e a inexistencia absoluta dun Plan de actuación para as artes do movemento desde o CCG, que sinale os seus obxectivos, funcións, fundamentos, estratexias, programa de actividades, plan de usos e distribución dos recursos públicos empregados, entre outros”, ademais de opacidade, falta de rendición de contas, “incompatibilidades, non xustificadas debidamente, entre o cargo da dirección do centro de natureza pública, e o mantemento de actividades de iniciativa privada no mesmo sector de actividade” e irregularidades que afectaban ao espectáculo Maestro Rodrigo.

A coreógrafa incorporouse á dirección do CCG en 2010, tras dirixir para a compañía pública a montaxe Etheria, a viaxe soñada. O nomeamento espertou reticencias nun amplo sector da profesión aínda que non foi ata este ano que se pediu abertamente “a convocatoria dunha nova dirección a través de concurso público”.


Publicidade

Baixo a súa etapa, a unidade de danza da Xunta ten levado a escena espectáculos coreográficos como 3D3, Aínda, Full House ou As catro estacións, con coreografías de creadores como Nacho Duato, Tony Fabre, Ángel Rodríguez, Amaury Lebrun, Johan Inger, Keneth Tindall ou Iker Gómez.

A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo público o seu agradecemento a Mercedes Suárez “polo labor desenvolvido á fronte do Centro Coreográfico Galego” e “deséxalle o mellor nos seus proxectos futuros”.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, será o encargado de asumir as súas funcións ata o momento no que se incorpore a persoa responsable do departamento da Axencia con competencias no ámbito da danza. A Agadic anunciou, igualmente que para a provisión desta praza, convocarase proximamente un procedemento público de selección.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

O Meu Mundo Non E Deste Reino | daramboia

Teatro da Ramboia anuncia a estrea de ‘O meu mundo non é deste reino’ en Ourense

PonteInternacionalTuiValença |

Escena Galega promove en Tui unha rede de circulación transfronteiriza con Portugal