in

Convocados os premios Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde

Premios |
ACTUALIZACIÓN | Segundo o establecido na disposición adicional terceira do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise anitaria ocasionada polo COVID-19, e no apartado sétimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, interrómpese o prazo para a presentación de solicitudes deste procedemento. O cómputo do prazo reiniciarase no momento en que perda vixencia o acordo ou, se é o caso, as prórrogas deste.
A Xunta de Galicia celebra a vixésimo quinta edición do Álvaro Cunqueiro aumentando a súa dotación ata 8.000 euros, 2.000 máis que nas súas convocatorias anteriores.

 

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases do XXV Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, xunto coas dos outros dous galardóns de literatura dramática, o XI Manuel María de literatura dramática infantil e o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas dúas modalidades de público infantil e adulto. O prazo de presentación de orixinais estará aberto desde mañá e ata o 4 de maio de 2020.

A Xunta de Galicia celebra a vixésimo quinta edición do Álvaro Cunqueiro aumentando a súa dotación ata 8.000 euros, 2.000 máis que nas súas convocatorias anteriores. Deste xeito o que é o galardón literario máis lonxevo de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego convértese tamén nun dos que contan cunha maior achega económica.

Publicidade

 

Dotación económica e posibilidade de edición

Os tres certames, de periodicidade bienal e cunha dotación total de 26.000 euros (8000 para o Álvaro Cunqueiro e 6.000 para cada un do resto de premios e modalidades), comparten como obxectivo servir de estímulo á creación literaria no eido dramático, así como procurar o seu maior recoñecemento e proxección social. Neste sentido, ademais das devanditas contías económicas, as bases contemplan a posibilidade de que as obras gañadoras sexan publicadas dentro das coleccións de literatura dramática que a Xunta mantén en colaboración con varias editoriais galegas.

Poden optar a estes galardóns aquelas persoas físicas maiores de idade que presenten textos teatrais inéditos, escritos en galego normativo e non representados nin premiados noutros certames. Nos tres casos, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que se deberá ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán excluídos os textos para teatro de monicreques.

Para a avaliación de todos os textos recibidos no prazo e forma indicados, preferiblemente por vía electrónica a través do portal https://sede.xunta.gal, constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico. Para emitir o seu ditame, que deberá ter lugar antes do 10 de decembro de 2020, o xurado valorará aspectos relacionados coas calidades literaria e dramática, a viabilidade escénica, a adecuación a cada premio e o coidado da lingua.

Na anterior edición, os premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María recaeron en Ás oito da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, e Somos os monstros, de Paula Carballeira, respectivamente, mentres que o Barriga Verde foi declarado deserto nas súas dúas modalidades. Ambos os textos foron publicados na colección Biblioteca Dramática Galega, que manteñen a Xunta de Galicia e Edicións Xerais, e poden adquirirse tanto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia como en establecementos físicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ReinarDepoisDEMorrer |

A lenda de Inés de Castro, no Teatro Nacional São João do Porto

Mascara02 |

Tres máscaras de teatro de Basallo e Quessada, pezas do mes do Museo Arqueolóxico de Ourense