in

Pentecostés

PentecostesPalidoDomingo |

Os intersticios

| Manuel Xestoso |

 

Se cadra, nunha época secularizada como a nosa, a celebración do descenso do Espírito Santo pode ser visto cun matiz irónico que, non obstante, non exclúe a posibilidade de considerar a arte como a última estratexia de administración do sagrado. A compañía Pálido Domingo non desestima nin a ironía distanciadora nin a posibilidade de que o lume dun misto poida espertar o feble sentimento de divindade que aínda poida quedar entre nós. Entre as latas de refrescos e as candeas votivas, entre o Veni Sancte Spiritus e o A Perfect Day, os tres compoñentes da compañía executan un ritual que tenta considerar o cotián coma unha pasaxe cara a outra cousa que é mellor non nomear, pero que mantén un certo parecido con iso que os antigos chamaban “misterio”.

Posuidores dun refreado lirismo e dun considerable instinto para a síntese, os tres bailaríns alíanse coa iluminadora Laura Iturralde para elaborar un discurso sobre a luz –con todas as súas connotacións– que cabalga entre o convencional e o excéntrico, entre a meditación circunspecta e a observación atenta das realidades máis correntes, máis todos os días.

Pentecostés é unha estimulante peza de danza-teatro na que converxen a instalación, a performance, doses razoables de improvisación e, sobre todo, unha coidada plástica tenebrista e cerimonial que atrapa a atención do público. No coreográfico, entrégase a un fraseo de repetición de figuras sobre o que algúns brillantes instantes de ruptura eluden a circularidade: amosan así a excepción que dirixe a nosa mirada cara ao extraordinario da realidade común. Algunhas circunstanciais tanxentes humorísticas relaxan a voltaxe da busca que se pon en escena.

No seu último tramo, o espectáculo desbócase un pouco e afástase da proposta inicial, esvarando cara ao trivial: colle un atallo fácil, coma se tivese présa por rematar. O clima dramático perde peso e arríscase a extraviar a tensión conseguida. Non obstante, a función recíbese con empatía cómplice polo tino en iluminar eses intersticios que nos asoman, talvez, a outra lectura da existencia. Sen grandilocuencias: xa se sabe, despois das grandes cuestións –como lembran os erres arrastrados de Cortázar– “nos vamos al centro y nos compramos un helado / el mío todo de frutilla / y el de usted con chocolate y un bizcochito”.


Publicidade

 

Pentecostés, de Pálido Domingo

Elenco: Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez.
Creación: Pálido Domingo.
Iluminación: Laura Iturralde.
Fotografía: Miguel Vidal e L. Iturralde.
Deseño gráfico: Alba Troiteiro.
Apoios: Teatro Ensalle, Colectivo RPM e Paso a 2.
Agradecementos: AveLina Pérez e A Artística Vigo.

Estrea o 23 de xaneiro de 2020. Teatro Ensalle, Vigo.

Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PoetaNovaYorkLugilde |

O ‘Poeta en Nova York’, de Lorca, chega ao teatro

Fernando Castro Paredes

Fernando Castro Paredes gaña o II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual