A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle, o vindeiro venres 14 de febreiro, ás 21:00, a estrea de As virxes salvaxes, a última montaxe de Teatro do Noroeste, escrita e dirixida por Eduardo Alonso. Cunha duración de 90 minutos, está destinada a un público adulto.
A obra, escrita e dirixida por Eduardo Alonso, contará no elenco con Elina Luaces, Luma Gómez, Rosa Álvarez, Imma António, Ana Santos, Manuela Varela, Miguel Pernas e Fernando González.
O espectáculo é unha homenaxe, se cadra algo irrelevante, aos nosos maiores máis revoltosos. Unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden.
Non sempre foi así. Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas ata o final. Mais chegaron as presas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, e preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso. Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución.
Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pé. A modo de metáfora da propia sociedade, as xentes de ben revélanse contra as imposicións absurdas e desmedidas. O caos que xeran pon a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas. A comedia como factor de crítica ante unha realidade que cada vez se amosa máis pechada en si mesma.
Teatro do Noroeste
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro profesional galega fundada no 1987. Na súa dilatada traxectoria de máis de 30 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre eles salientan desde textos clásicos como: Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, até textos máis contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas ou A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro e o musical, Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros.
Director, dramaturgo, xestor e emprendedor, Eduardo Alonso é un dos piares do teatro profesional en Galicia. Comezou a súa actividade teatral en 1965, sendo cofundador das compañías teatrais Teatro Zoo de Madrid, Teatro Andrómena de Santiago de Compostela, Teatro do Estaribel, Cooperativa Teatral Galega e da compañía de teatro Teatro do Noroeste. Fundador, xunto coa actriz Luma Gómez, de Teatro do Noroeste, foi o primeiro director do Centro Dramático Galego. Recibiu, entre outros moitos, o premio “I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia” polo seu labor especial a prol do teatro galego; o Premio Compostela, varios premios María Casares e o Premio de Honra Marisa Soto.