in

Antes de que llegue la bestia

Antes de que llegue la Bestia Bieito Rey |

O lugar do sentido

| Manuel Xestoso |
| Foto: Bieito Rey |

 

Se cadra, a fin do mundo xa sucedeu e, coma os terremotos, ten réplicas: estamos adaptándonos a convivir co medo ás recidivas, coa pasividade na que nos deixou prostrados a catástrofe. Se cadra, a resistencia non abonda para aturar tanta miseria con aparencia de normalidade. Se cadra, as mudanzas teñen que vir dun cambio na mirada, no punto de vista.

Antes de que llegue la bestia cruza linguaxes e argumentos para ofrecer unha panorámica desa paisaxe de destrución e conformismo que nos comprime. O seu discurso semella o da evasión, o da fuxida, mais esa é só a aparencia: en realidade, avoga por unha retirada estratéxica, por un refuxiarse nos cuarteis de inverno para reconstruír a nosa visión do mundo sen as interferencias do ruído que o ateiga todo. Dende esa atalaia, a poesía fúndese coa xustiza máis elemental, cun proxecto transformador que non esquece os fundamentos de toda revolución: “o voso coma se fose noso; o noso coma se fose voso”, propón.

Publicidade

A montaxe da compañía Ensalle utiliza unha linguaxe elusiva que non renuncia a sátira nin ao lírico: unhas veces fálalle directamente ao corazón da escuridade e, outras, camiña polo territorio do simbólico sen perder as referencias básicas. Ou a falta de referencias, que, en realidade, constitúe o cadro clínico máis preocupante do suxeito contemporáneo. Como cantan os Violent Femmes, “parece que hai un bo motivo para preocuparse”.

Quizais o que chamamos contemporáneo non sexa moito máis que a angustia que provoca a confusión das mensaxes, a caducidade inmediata dos balances, a obsolescencia programada dos discursos. E o teatro da compañía indaga nesa barafunda para interrogarse que intereses oculta, para elaborar un contradiscurso que mude a perspectiva dende a que organizar a defensa.

A beleza é unha das premisas das que parte Antes de que llegue la bestia e, aínda que non sempre a alcanza dun xeito claro, sabe a que cheira e róndaa constantemente. Aproxímase a ela máis dende o proceso de busca que dende a conclusión apresurada. Coa convicción de que pode errar no camiño, máis non na intención. A partir desa hipótese, pode crear unha inquietante e sarcástica parodia da infantilizante comedia televisiva que podería asinar David Lynch ou momentos introspectivos que apelan ao baleiro existencial de quen se enfronta á sociedade de consumo dende as marxes. E en todos os casos, o interrogante que emerxe é o mesmo: onde reside o sentido?

Nunha sociedade que canta un himno futbolístico coa mesma paixón que Bella Ciao, esa é talvez a pregunta fundamental: cando abandonamos o significado das cousas? Cando renunciamos ao seu valor? Ensalle espreme os significantes para que xorda un significado desaparecido na batalla, para atopar o lugar do sentido.

O retrato que asoma é sólido e implacable, ao tempo indignado e sereno: coa irritación que provoca o presente pero co sosego que outorga o coñecemento da causa. So temos carne e pensamento: esas son as armas que se precisan.

 

Antes de que llegue la bestia, de Teatro Ensalle

Dirección, iluminación e texto: P. Fresneda.
Elenco: Raquel Hernández, Artús Rey e Pedro Fresneda.
Colaboración artística: Terrorismo de autor, Antoine Forgeron e Sergi Fäustino.
b: Bieito Rey.
Distribución e produción: María Costa.

Estrea no Teatro Ensalle de Vigo. 16 de febreiro de 2020.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MostraTeatroClasicoLugo2020 |

A Mostra de Teatro Clásico volve a Lugo

FernandezMazas01 |

Fernández Mazas na Cidade da Cultura