in

A Mostra de Teatro Clásico volve a Lugo

MostraTeatroClasicoLugo2020 |
A nova Concellería de Cultura decide recuperar a Mostra de teatro Clásico para a cidade. Dez compañías, cinco delas galegas, forman o programa da XX Mostra, que se desenvolverá do 6 ao 22 de marzo.

 

O ano pasado, o Concello de Lugo decidiu diluír a Mostra de Teatro Clásico dentro da programación ordinaria. A Mostra, que adoitaba presentar uns dez espectáculos durante aproximadamente un mes, pasaba a integrarse dentro do programa do Auditorio Gustavo Freire como un abono especial de tan só tres espectáculos teatrais e un de teatro-danza. Agora, a nova concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, decide retomar a Mostra tal e como viña transcorrendo en anos anteriores e, de novo, contará con dez espectáculos -cinco galegos– concentrados do 6 ao 22 de marzo.

A XX Mostra de teatro clásico comezará o venres, 6 de marzo ás 20:30, con As Bruxas de Macbeth, de Antonio Álamo, interpretada por Atalaya Teatro / Centro Internacional de Investigación Teatral TNT, gañadores do Premio Nacional de Teatro 2008. Tres bruxas rexorden da tumba para levar a cabo, unha vez máis, a representación da obra Macbeth ante o público. Unha delas négase a continuar co guión establecido e invocar antes de tempo á deusa Hécate quen indica que deben entrar no corazón do respectable. É aquí cando deciden presentarse ao público cos nomes que Shakespeare nunca lles deu e demostrar que nunca puideron desenvolver o seu propio guión vital pola terrible caza de bruxas acaecida desde a Idade Media ao século XVII. Un espectáculo que divirte e belisca por igual. A representación durará 60 minutos e contará coa dirección de Ricardo Iniesta. Estará interpretada por Marga Reyes, Carmen Gallardo, Aurora Rosales e Luís Navarro.

Publicidade

O 10 de marzo, o Vello Cárcere acollerá Complexo de Edipo, dirixida, escrita e interpretada por Quico Cadaval. O “Edipo” é tan propio xa de Cadaval que chega a presentalo dicindo que o “público europeo coñece mellor a versión do ribeirán que a orixinal do inmortal Sófocles”. A taberneira do porto galego como figura central que Quico Cadaval ten tan próxima na biografía convértese en protagonista dun dos monólogos máis celebrados do relato oral galego. Un dos máis recoñecidos nomes do teatro galego enche el só o escenario cunha historia na que a psicanálise mestúrase coa gastronomía ou a épica ata construír un entramado que fai del un extraordinario relato. O actor narrará un relato mítico dun home que mata o seu pai, déitase coa súa nai e chama fillos aos seus irmáns agora comentado por unha taberneira dun porto galego que ademais é a nai de Cadaval. A cociñeira despreza o mito clásico ao mesmo tempo que lle dá a receita da carne asada. Gastronomía, épica, alta cultura, dixomedíxomes, psicanálise, noticias sorprendentes sobre a monarquía española. Todo iso dá como resultado un monólogo traxiridículo. Ten unha duración de 85 minutos.

O xoves 12, representarase Medida por Medida, de William Shakespeare, na versión de Producións Teatrais Excéntricas. Acontece nunha Viena surrealista inventada por Shakespeare. O mandatario Duque Vincenzo pasa á clandestinidade e manda aplicar con todo rigor a lei contra os comportamentos inmorais. Cae a lei por igual sobre o negocio do sexo e sobre a xuventude hedonista. Un rapaz de boa familia é condenado a morte. Isto obriga a Isabella, a súa irmá monxa, a abandonar o convento por tres días coa tentativa de salvar a vida do seu pecadento irmán. Un mundo de vicio, perversidade e corrupción tentarán lixar a súa brancura virxinal. Palacios, cadeas e arrabaldos serán o labirinto que percorre Isabella na súa carreira contra a morte. Todo observado dende as sombras por un Duque Vincenzo irrecoñecible baixo o hábito de frade mendicante. Ten unha duración de 110 minutos e está recomendada para maiores de 13 anos. Conta coa dirección de Quico Cadaval e a interpretación de Evaristo Calvo, María Costas, Melania Cruz, Victor Mosqueira, Josito Porto, Santi Romay e Patricia Vázquez.

O día 13 será a quenda de Ay Teatro: baixo a dirección de Yago Cáceres e coa interpretación de Alba Banegas, Antonio Hernández, Son López, Carlos Lorenzo e Diego Morales interpretarán Todas Hieren y Una Mata. O galán don Daniel e o seu criado Pico, perseguidos polo correxedor tras fuxir da casa da rapaza Aurora, atopan no bosque a unha bruxa que os salva cos seus feitizos para viaxar polo tempo. Ao longo das súas viaxes temporais intentarán namorar a Aurora, que garda un secreto: é unha dama lectora cunha biblioteca enterrada no seu xardín. E trabucando o seu camiño máxico, criado e cabaleiro chegarán ao século XXI, onde unha misteriosa profesora lles axudará na súa aventura amorosa. Esta representación ten unha duración de 90 minutos, sen descansos.

O venres 13 ás 18:30 terá lugar a primeira representación para público familiar. Pedras de cartón, baixo a dirección de Pablo Sánchez e Laura Sarasola, e coa interpretación de Xosé Manuel Esperante, Xosé Vilarelle e Juan Rodríguez mostrarán o Lázaro de Tormes, un espectáculo baseado no coñecido clásico da literatura, por primeira vez contado case sen palabras. Un espectáculo para toda a familia narrado en clave de comedia a través dun coidado traballo de máscaras. No espectáculo dáse forma a cada unha das pasaxes máis coñecidas desta universal historia da picaresca española. Unha maneira de introducir o amor polo teatro clásico ás máis novas e aos máis novos da casa. Unha boa parte da crítica ve o Lazarillo de Tormes como unha das primeiras novelas modernas da literatura española. A súa modernidade reflíctese na evolución das personaxes ao longo do texto e no emprego de escenarios coñecidos polas lectoras e lectores, situados nos arredores de Toledo e Salamanca. O Lazarillo de Tormes amosa tamén unha realidade lonxana da sociedade ideal que nos descubrían os libros de cabalerías, tan de moda a mediados do século XVI. Ten unha duración de 50 minutos.

O 15 de marzo, Estudo Momento, baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares e coa interpretación de Xoán Carlos Mejuto, Luís Iglesia, Iria Ares, Carlos Sante e David Perdomo traerán Macbeth. O Ruído e a Furia, de William Shakespeare, coa adaptación en verso de Manuel Lourenzo. Unha viaxe á chaira escocesa, neboenta e insegura. Tambores de guerra. Berros de barro. Versos de sangue, traizón e morte. Feiticeiras, retranqueiras e ministras do fado, manipuladoras dos máis bravos guerreiros. Un tempo eterno e circular do que ninguén volve xamais. Conta cunha duración de 100 minutos.

O xoves 19, Miguel Borines, Victoria Teijeiro, Marián Bañobre, Raquel Espada, Víctor Mosqueira, Santiago Cortegoso e Xosé M. Esperante, dirixidos por Santiago Corteogoso de Ibuprofeno Teatro, representarán Casa O´Rei, de Santiago Cortegoso. Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a Casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. Unha vez que se ausenta o único nexo que mantiña unida a familia, todo se esfarela. Os principios morais volatilízanse. Non se respectan os pratos tradicionais, pero tampouco se respectan as relacións matrimoniais, nin se conteñen os desexos sexuais. Todos os impulsos que estaban latentes desátanse ante a ausencia da autoridade que os contiña. Esta decadencia impregna as personaxes. Todas e todos están frustrados. Todas e todos quererían outra vida. Dura 95 minutos.

O venres 20 é a quenda de Noviembre Teatro e a Compañía Nacional de Teatro Clásico, con Arturo Querejeta, Isabel Rodes, José Ramón Iglesias, Rafael Ortiz, Manuel Pico, José Vicente Ramos, Elena Rayos, Antonio de Cos e Francisco Rojas, dirixidos por Eduardo Vasco, que interpretarán Entre Bobos Anda el Juego, versión de Yolanda Pallín da obra de Rojas Zorrilla. Don Lucas del Cigarral é un cabaleiro podente, ridículo e desmedido que pretende casar con dona Isabel de Peralta, que así e todo quedou prendada de don Pedro, curmán de don Lucas e tan aposto como pobre. Ambos quedaron prendados nun encontro fortuíto que tiveron antes de coñecerse e reencóntranse porque o propio don Pedro é o encargado de realizar os primeiros contactos coa dama antes da voda e isto dá pé a que os namorados cultiven o seu amor de maneira intensa. Mentres tentan burlar a don Lucas, aparecen dous atrancos imprevistos: outro galán, don Luis, que tamén pretende a Isabel e unha dama, dona Alfonsa, irmá de don Lucas, que anda detrás de don Pedro. O enredo está servido e a cargo de Cabellera, Carranza e Andrea, os criados que engraxarán o mecanismo desta obra, que transcorre practicamente nun camiño, con parada, fonda, nocturnidade e aleivosía; o mellor caldo de cultivo ideal para a comedia de enredo. Ten unha duración de 85 minutos

Ao día seguinte, 21 de marzo, Tropos, Teatro de Títeres trae unha nova representación para público familiar, Y los Sueños, Sueños Son, de Calderón de la Barca, que conta coa dirección de Guillermo Gil Villanueva e a interpretación de Paco Úbeda e Guillermo Gil Villanueva. Dura 50 minutos. Clotaldo e Clarín vense sorprendidos polo público mentres botaban unha cabezadiña agardando a hora da función. Rapidamente dispostos e armados dos seus monicreques, estes cómicos e anciáns narradores, irannos contado a historia de Sexismundo, pechado nunha torre porque as estrelas predixeron que sería un rei malvado e cruel. Pero seica é xusto pechar a un home polo que ditan as estrelas? Pola súa lingua, a súa cor, pola súa raza, polo que pode chegar a facer sen ter feito nada? Por iso, o seu pai, o rei Basilio, decide sacalo da torre e poñelo a proba. Poñerao no trono e se é capaz de vencer o seu destino, será rei. Se non é capaz… volverao pechar. Pero… pódese agardar dun home que sexa xusto se nunca ninguén lle ensinou o que era a piedade e o amor? Cumprirase acaso o vaticinio das estrelas?

A XX Mostra de Teatro Clásico remata o domingo 22 de marzo, con Ricardo III de William Shakespeare, versión libre de Miguel del Arco e Antonio Riojano interpretada por El Pavón Teatro Kamikaze, Premio Nacional de Teatro 2017, coa dirección de Miguel del Arco e Álvaro Báguena, Chema del Barco, Israel Elejalde, Alejandro Jato, Verónica Ronda, Cristóbal Suárez e Manuela Velasco no escenario.Que terán as malas e os malos que nos gusta miralos? Que morbo se desata en nós como espectadoras e espectadores do mal? Que é o que fai que xeración tras xeración Ricardo III sexa unha presencia permanente sobre os nosos escenarios? Ricardo III é unha función pragada de envexas, corrupción dunha e outra cor, loitas de poder, cobiza, injustiza, fake news, enganos políticos, intereses partidistas… Ben, o que vén sendo un día normal na vida pública española do século XXI. Miguel del Arco e Antonio Rojano adaptan libremente ao noso tempo este clásico de Shakespeare nunha versión libre de 120 minutos de duración.

Publicidade

Todas as representacións para público adulto comezarán ás 20:30, mentres que as destinadas a público familiar comezarán ás 18:30.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AbrenteCatalogo |

Presentación do catálogo: “Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos ’70”

Antes de que llegue la Bestia Bieito Rey |

Antes de que llegue la bestia