in

Fernández Mazas na Cidade da Cultura

FernandezMazas01 |
Até o 10 de maio, pode visitarse na Cidade da Cultura, no edificio da Biblioteca e Arquivo, unha exposición dedicada a Cándido Fernández Mazas, protagonista do Día da Ilustración deste ano, e con estreitos vínculos co teatro.

 

Este 2020 o Día da Ilustración (30 de xaneiro) está dedicado a Cándido Fernández Mazas. A exposición Cándido Fernández Mazas: Signos dunha quimera recupera a figura dun dos pioneiros galegos da ilustración e pode ser que un dos máis descoñecidos.

Cándido Fernández Mazas nace en 1902 na cidade de Ourense. Afeccionado desde rapaz ao debuxo e á pintura, comeza a súa andaina artística colaborando en publicacións como Nós ou Alfar. En 1925 obtén unha bolsa para estudar arte en París, cidade á que regresa en 1927.

Publicidade

A inquedanza intelectual e artística de Fernández Mazas vaise mostrar nunha ampla serie de actividades e producións. En numerosas publicacións deixou mostra de que foi un excelente debuxante, de liña clara e expresiva, buscando na simplicidade do trazo acadar o máximo de expresividade.

O compromiso co pensamento político de esquerdas tamén está moi presente na súa obra. A volta da súa primeira viaxe a París dedícase cada vez máis á política, e é nese contexto no que comeza a súa colaboración no diario ourensán La Zarpa. De feito, é nesta publicación onde aparece a parte máis ampla e numerosa da súa obra gravada. Entre 1925 e 1926 publica preto dun cento de traballos, na súa maioría con textos de contido político ou social, nos que emprega a técnica do linóleo e que se caracterizan pola súa limpeza de liñas.

A vida e a obra de Fernández Mazas defínese polo seu particular carácter, sempre na procura da pureza e dunha inalcanzable perfección. A súa saúde mental, xa delicada desde a volta do seu segundo viaxe a París, quedaría seriamente afectada pola Guerra Civil. Durante a contenda foi encarcerado en Valencia e liberado meses máis tarde grazas á mediación de amigos e familia, que lle libran dunha morte inmediata. Esta non tarda en chegar, por derrame cerebral, en novembro de 1942.

 

Fernández Mazas e o teatro

O autor entrou en contacto, en Ourense, en 1933, co grupo de teatro das Misións Pedagóxicas, o Retablo de Fantoches, que dirixía Rafael Dieste e no que estaban integrados outros persoeiros como Otero Espasandín ou Urbano Lugrís. Fernández Mazas únese á compañía e debuta con ela nunha representación de monicreques en Malpica. A partir dese momento, a colaboración co Retablo de Fantoches continúa: constrúe títeres e decorados, deseña carteis e mesmo pon voces en funcións de monicreques.

Ademais da súa produción pictórica e de cartelista, Fernández Mazas tamén deixou mostra da súa faciana de escritor, especialmente de teatro. Santa Margorí é a única que se publicou en vida do autor, en 1930, por Alcor Galaico, con debuxos da súa man. Sobre esta obra, baseada no seu amor pola actriz Margarita Xirgú, escribiron Johan Carballeira, Augusto casas, Bal y Gay ou Torrente Ballester, que destacan o seu lirismo e a súa temperá adscrición ás vangardas europeas.

Los cuernos disparatados é unha farsa sardónica e amarga, cunha forte conciencia social que critica certos estamentos da sociedade e na que se detecta a influencia de Valle, especialmente de Los cuernos de Don Friolera.

Tamén deixou Fernández Mazas fragmentos dunha terceira obra dramática titulada La leyenda de don Juan. Comedia del 400. Estaba prevista en seis pasos de comedia, dos que só chegou a escribir os dous primeiros: “Las cuitas de Melisa” e “Las bodas de Maese Pandoro”.

Publicidade

Ademais, no diario La Zarpa, Fernández mazas escribiu tres artigos titulados “La duda en Hamlet”, “Los instintos en Oswaldo” e “El imperialismo en Fausto”. Neles reflexiona sobre como estes tres personaxes do teatro europeo son prototipos do espírito dos pobos nos que xurdiron (inglés, noruegués e alemán).

O teatro formaba parte esencial da súa visión do mundo e cómpre lembrar que na súa en su biblioteca figuraban obras de teatro de Cocteau, Lenormand, O’Neill, Lorca, Valle Inclán, Lope de Rueda, Azorín, Benavente, Linares Rivas, Hardy, Ibsen, Hugo, Calderón, Björson, Galsworthy, Andreiev, Wedekind, Crommelynck, Strindberg, Bernard Shaw, Pirandello e Mario Verdaguer, entre outros.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Antes de que llegue la Bestia Bieito Rey |

Antes de que llegue la bestia

Montaxe |

A Xunta convoca as subvencións á creación escénica