in

A Xunta convoca as subvencións á creación escénica

|
A dotación sobe de 650.000 a 800.000 euros, aínda que unha nova modalidade absorbe unha cifra maior do que a totalidade do incremento, afectando outras liñas.

 

A Xunta abre desde hoxe e ata o 20 de marzo o prazo de presentación de solicitudes para a súa convocatoria anual de subvencións á creación escénica, segundo as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) destaca que a dotación para estas axudas aumenta un 23% a respecto do ano anterior. A maior novidade consiste na creación dunha cuarta modalidade de subvencións destinadas á actividade escénica de carácter trianual, cunha dotación máxima de 200.000 euros. Estas axudas van dirixidas “a subvencionar, como máximo, dous proxectos escénicos que se desenvolveran durante os anos 2020-2022. Os proxectos deberán conter polo menos unha produción con data de estrea entre o 1 de abril de 2020 e o 1 de xaneiro de 2022 e un plan de xira de 70 funcións que consideren tanto o mercado galego como o exterior”.

Publicidade

Porén, esta nova liña absorbe unha cifra maior do que o incremento total nas axudas, que pasa dos 650.000 euros do ano pasado aos 800.000 do presente exercicio. En consecuencia, as outras liñas vense afectadas: a modalidade destinada á creación no ámbito do teatro, novo circo e maxia pasa de 470.000 a 430.000 euros, 40.000 euros menos.

No caso das modalidade destinada á danza e artes do movemento, aínda que Agadic subliña que mantén unha “discriminación positiva” para estas as propostas perde 10.000 euros, pasando de 110.00 a 100.000.

As axudas a espectáculos de empresas de nova creación mantéñense en 70.000 euros.

As bases establecen entre as finalidades desta convocatoria apoiar a produción escénica en todas as súas disciplinas, por parte de empresas dedicadas a esta actividade en Galicia, de xeito que se favoreza a estrea de novos espectáculos galegos de cara á súa progresiva incorporación ás carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais.

A convocatoria pode consultarse aquí.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

FernandezMazas01 |

Fernández Mazas na Cidade da Cultura

chair 1811633 1280 |

V edición da Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose