in

Rogelia dos Outeiros estrea ‘Soa’, de Darío Fo e Franca Rame, para conmemorar o Día da Muller Traballadora

Rogelia Dos Outeiros
A obra é unha adaptación de La donna Sola, popular monólogo de Darío Fo e Franca Rame, e dirixido por Fran Rei, que retrata con mordacidade, humor e crítica social a situación dunha muller que padece o machismo, tanto do seu marido coma do sociedade

 

A actriz Rogelia dos Outeiros estreará este venres, 6 de marzo, no Centro Sociocultural e Xuvenil ‘Patelas’ del Concello de Cuntis o seu espectáculo Soa, a primeira incursión da veterana intérprete nunha produción teatral en solitario. A estrea enmárcase na programación do Concello de Cuntis polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. En Soa, Rogelia dos Outeiros leva a escena unha adaptación de La Donna Sola, popular monólogo publicado en 1977 por Dario Fo, o intérprete, autor e director italiano Premio Nobel de Literatura en 1997, e Franca Rame, actriz, dramaturga e política que foi compañeira artística de Fo durante toda a súa carreira e coautora de varios das súas obras. O actor, clown e director Fran Rei encárgase da dirección do espectáculo que, tras a súa primeira parada en Cuntis, visitará o venres 13 de marzo o Edificio Multiusos de Moraña e o 19 de abril, a Casa da Cultura Domingo Fontán de Portas.

Rogelia dos Outeiros leva máis de 25 anos sobre os escenarios, a medio camiño entre o teatro amador e o profesional. Despois dunha primeira experiencia no instituto con Miro Magariños, comezou a súa formación artística en Pontevedra, na Aula de Formación de Actores de Celso Bugallo durante tres cursos. En 2005 entra na Aula de Teatro da Asociación Artística de Cuntis, dirixida polo propio Fran Rei, participando en todas as montaxes até a actualidade. Paralelamente, toma clases de teatro, dramatización e interpretación con diversos mestres e mestras, como Moisés Morales, Avelino González, Evaristo Calvo, Anabel Gago, María Costas ou Jouse García. En 2012 forma a compañía profesional Teatro do Astracán, coa que estrea Ladrón e Familia, dirixida por Evaristo Calvo.

 

Entre o drama e a comedia


Publicidade

Neste espectáculo, retrátase unha muller que, pechada na casa polo seu marido, atopa na súa nova veciña unha confidente a quen contarlle a súa historia, unha válvula de escape para liberarse da pesada carga que sempre a acompaña. Así, descubrimos unha cruel realidade que leva agochada xa demasiado tempo, nun contexto que mestura medo, desesperación, tristura e claustrofobia. Porén, e a pesar das circunstancias, o humor está sempre presente e as situacións cómicas serven de catalizador para esta muller que, pouco a pouco, vai conquistando á audiencia.

Un marido tolo, un cuñado enfermo, os fillos ausentes, a soidade, o machismo, pero tamén a complicidade, a liberación sexual, a autoestima, o cine, a música e, sobre todo, a esperanza son as pezas que emprega Rogelia dos Outeiros para construír un espectáculo que conduce ao público entre o drama e a comedia.

 

Este artigo foi corrixido o 9 de marzo de 2020. Nunha versión anterior, a obra era atribuída só a Darío Fo, cando en realidade, está asinada por Darío Fo e Franca Rame. 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ErnestoIs2 |

Un proxecto de Ernesto Is resulta seleccionado para o programa ‘Nuevas Dramaturgias’ de Euskadi

OEstadoCruIriaSobrado |

Comeza en Narón o Festival Singular