in

Comeza en Narón o Festival Singular

OEstadoCruIriaSobrado |
O Padroado da Cultura de Narón organiza un ano máis o Festival Singular, que ofrecerá novas propostas e que conta coa colaboración de Redelae, a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), A Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.

 

Unha das propostas culturais xa consolidadas na cidade, e na que se prioriza a creación feminina, desenvolverase do 7 ao 28 do mes de marzo. Esta edición inclúe unha serie de propostas dirixidas a diferentes colectivos nas que contará coa colaboración de convidados nacionais e internacionais de gran relevancia.

Os monólogos que forman parte desta edición do festival son Señora de rojo sobre fondo gris, con José Sacristán, o 7 de marzo ás 20:00, da produtora Pentación Espectáculos; Helena, xuízo a unha lurpia, de Teatro do Atlántico, protagonizado por María Barcala, o día 13 ás 20:30; Olympia, con Ângela Mourâo, o día 14 ás 20:00, de Teatro Andante (Brasil); Guerra de identidade, interpretado por Déborah Vukusic, o 20 ás 20:30, da compañía galega Deuve; Autorretrato de un joven capitalista español, de Alberto San Juan, o día 21 ás 20:30, de Teatro del Barrio (Madrid); O estado cru, o 27 de marzo ás 20:30, da galega Iria Sobrado; e La ciudad de las damas, de Dayana Contreras, que pechará o festival Singular o día 28 ás 20:00, a cargo da compañía Nueve Norte (Cuba).

A maiores dos monólogos teatrais, o festival ofrecerá outras actividades paralelas, como unha mesa redonda sobre “Circulación internacional de espectáculos teatrais”, o día 13 de marzo, no Café Teatro do Pazo da Cultura. Participarán como relatores da mesma recoñecidos profesionais a nivel internacional do mundo do teatro, como Octavio Arbeláez, director do Festival de Artes Escénicas de Manizales (Colombia): Gustavo Zidán, director da Sala Verdi e coordinador do Centro Cultural Terminal Goes, en Montevideo; e Beatriz Quintero, directora executiva da Rede de Produtores Culturais Latinoamericanos, e do Mercado da Música Latinoamericana Circulart, de Medellín. Xunto con eles, participarán tamén destacadas figuras do panorama nacional e galego, como, Ana Belén Santiago, coordinadora de Redelae, Jacobo Sutil, director da Agadic e Xosé Paulo Rodríguez, director do teatro Rosalía de Castro da Coruña.


Publicidade

Do 13 ao 21 de marzo tamén se desenvolverá a iniciativa “Singulariño”, co obxectivo de involucrar á Escola de Teatro de Narón. Esta iniciativa consiste en intervencións de monólogos teatrais creados especificamente para este festival e que se levarán a cabo en establecementos da cidade, de quince minutos de duración e que se sucederán en espazos non convencionais para este tipo de espectáculos.

O programa do V Festival Internacional do monólogo teatral Singular inclúe ademais un coloquio, sobre “Festival de Mueca. Unha experiencia compartida”, que terá lugar o 14 de marzo no Café Teatro do Pazo da Cultura –de 10:00 a 11:00. O relator será Marcelino Martín, director de Mueca, Festival Internacional de Artes en la Calle, de Puerto Santa Cruz (Canarias). Durante aproximadamente unha hora dará a coñecer o Festival de Mueca, un evento internacional de traballo artístico na rúa a nivel nacional e internacional que se caracteriza por ser xestionado entre a administración pública e unha plataforma cidadá que integra empresas, terceiro sector e particulares.

O día 14 de marzo celebrarase “Vender ao exterior”, unha rolda de negocios con compañías de teatro galegas. O Pazo da Cultura acollerá esta proposta –de 11:30 a 13:30-, na que participarán programadores nacionais e internacionais membros de Redelae e compañías de teatro galego. Esta iniciativa orgánizase co obxectivo de abrir un diálogo de coñecemento e ofrecer unha vía a través da que poder ofertar os seus espectáculos para posibles programacións en distintos festivais. Poderán participar nesta rolda de negocios un máximo de doce compañías, que disporán de dez minutos para ofertar os seus espectáculos. Nesta rolda de negocios participarán, entre outros, recoñecidos directores de festivais internacionais e de salas de teatro, feiras do sector… (de Colombia, Uruguai, Brasil, República Dominicana, Santiago de Chile, Panamá e Costa Rica) como Octavio Arbeláiz, Gustavo Zidán, Marcelino Martín, Beatriz Quintero… e tamén do Festival Mapas (especializado en teatro latinoamericano e africano) de Canarias. As compañías interesadas en participar deben inscribirse –ata o 5 de marzo- na dirección: [email protected]

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Rogelia Dos Outeiros

Rogelia dos Outeiros estrea ‘Soa’, de Darío Fo e Franca Rame, para conmemorar o Día da Muller Traballadora

PremiBorn02 |

Convocado o Premi Born 2020