in

Mensaxes do Día Mundial das Artes Escénicas para a Infancia e a Mocidade

Assitej2020 |
O 20 de marzo celébrase o Día Mundial do Teatro para a Infancia e a Mocidade e ASSITEJ (Asociación Internacional de Teatro para a Infancia e a Mocidade) quere celebralo coa mensaxe ‘Leva a unha crianza ao teatro hoxe’, lembrando o valor do teatro no desenvolvemento da infancia e a mocidade. O Día Mundial é unha campaña global. ASSITEJ ten máis de 90 centros nacionais así como redes profesionais con afiliados en 100 países.

 

Que significado ten para un neno ou para unha nena involucrarse nun encontro creativo, nunha nova experiencia artística? Por que é algo tan importante?

Recentemente tiven o privilexio de escoitar a Yo-Yo Ma, o gran violonchelista, falar e tocar. El falou da hospitalidade cultural, que entende como a capacidade (e, de feito, a obriga) que teñen as artes de acoller o que é novo, innovador e fóra do común, o que se encontra nas marxes, o que aínda non foi escoitado e polo tanto é ignorado… Na súa opinión, é a nosa tarefa como artistas mostrar hospitalidade con estas voces, formas e técnicas que á súa vez son as que nos permiten cambiar.

Lembroume o que significa ser anfitrioa, e o que significa ser invitada. Un dos elementos máis importantes de ámbalas dúas cousas é a calidade da escoita, a vontade de saír da nosa zona de confort, de abrazar e celebrar a diferenza.
Un grande anfitrión é o que fai que todas e todos se sintan como na casa, sen importar de onde veñan ou cales sexan as súas experiencias. É quen deixa o seu ego a un lado polo interese xenuíno nesa persoa que acaba de chegar. É quen quere darlles a todos a mellor experiencia posíbel. Un grande invitado é quen acode cunha curiosidade ilimitada ao encontro, querendo aprender do outro, da outra, sen medo a probar algo novo.

Nese espazo de receptividade mutua, atopamos conexión, atopamos sorpresa e atopamos aprendizaxe profunda. Saímos destes encontros sendo diferentes. Chegamos a tocar o que nos fai humanas e humanos, en nós e tamén no resto…
E isto é o máis precioso que nos dan as artes. Como artistas teatrais debemos atopar a maneira de invitar a nenas, nenos, mozas e mozos a formar parte destes encontros cun espírito xeneroso, desexando escoitar o público tanto como queremos que nos escoiten.

Cando isto acontece, entón sentimos que a conexión medra… atopamos un terreo común, somos capaces de obter unha panorámica completa, temos asomos de intuición e sentimos ese rubor de sentimento compartido que chamamos empatía. Temos a sensación de que importamos, de que os e as demais importan, e de que o que estamos explorando de maneira conxunta, tamén importa.

Nesta época na que cada vez máis persoas son rexeitadas, expulsadas nas fronteiras e nos aeroportos, marxinadas e ignoradas porque proveñen dunha clase, etnia, grupo lingüístico ou relixión diferente, son o artista e a artista quen teñen a capacidade de proporcionar un sentido de pertenza, de conexión.

E todas as nenas, todos os nenos necesitan iso.

 

Yvette Hardie
Presidenta de ASSITEJ Internacional

 

 


Publicidade

“Desde que nacín, medrei imitando aos meus pais todo o tempo. Como camiñar, como comer e como falar; aprendín todo isto imitando aos meus pais. Despois, cando fun maior abondo para entender as cousas, tomado dos meus pais, aprendín a ir ao teatro. O teatro era para min o país máxico. O primeiro que se vía ao entrar no teatro era un pano caído. Lembro que esperaba que o pano se levantase cunha grande expectación, preguntándome que había detrás dese pano caído. Cando o pano finalmente se abriu, había un mundo de soño creado pola escenografía, a iluminación e o vestiario. Ás veces, era algo creado coma no mundo real, e outras veces, era unha paisaxe imposíbel no mundo real. Había artistas con varios disfraces chorando, rindo, cantando e bailando. E durante o intervalo, podiamos escoitar sons de golpes e estrondos. Se era un teatro pequeno, e eu estaba sentado na primeira fila, podía subir o pano para mirar dentro. Sorprendentemente, unha escena estaba sendo cambiada nun intre por un grande escenario que se xiraba e se movía cara atrás. Despois, na casa, eu imitaba ao actor. O meu favorito era o papel de samurai. Debuxei as cellas de varón, confeccionei unha perruca, e xoguei a facer modelos a escala dun escenario; un escenario xiratorio, un escenario con luces feitas con bombillas en miniatura… E por suposto, intentei cambiar de escena con el.

Tendo ascendido ao longo destas experiencias, finalmente entrei nunha compañía de teatro profesional. Pero naquela época, non había ningunha escola de teatro contemporáneo. Acudín a un mestre de teatro tradicional e aprendín as técnicas teatrais transmitidas de forma tradicional. Aprender o teatro tradicional significa imitar todo o que o mestre fai e facer un esforzo para ser exactamente coma o mestre. Entón, un día, inesperadamente, conseguín unha oportunidade de traballar baixo a dirección de Peter Brook. A primeira lección que tiven con el foi de improvisación, algo que nunca experimentara. Aínda que me dixeron que fixese improvisación, non tiña nin idea de que facer, así que empecei a facer movementos que combinaban todos os movementos tradicionais que aprendera en Xapón. Pero un día, Brook deume unha nota que dicía: “Non imites o teatro tradicional xaponés”. Impresionado pola súa nota, sentinme coma se me botasen so ao grande océano. Non tiña nada no que basearme e era coma un barco naufragado que vai á deriva de aquí para alá. Pero ese foi o momento no que comecei a reflexionar sobre a creación por primeira vez.

Decateime de que o meu traballo non era simplemente reproducir o que xa existía no pasado na forma na que o fai o teatro tradicional, senón crear as miñas propias expresións. E crear non é crear algo da nada como fai Deus, senón imitar o que xa existiu previamente e ir máis alá. Van Gogh foi influenciado por Ukiyoe, Picasso creou as súas propias pinturas inspiradas nas artes africanas, e Miró obtivo suxestións dos caracteres chineses; todo foi desenvolvido a partir do que xa existía.

O camiño que tomei é probablemente o mesmo. A miña vida foi imitar todo o que vin e escoitei no teatro e despois facer esforzos para ir máis alá. E esta experiencia levoume a atopar unha forma de vivir, pasando a través e máis alá do teatro.”

 

Yoshi Oida

 

Yoshi Oida Actor, director e escritor. Nacido na Prefectura de Hyogo en 1933. Actualmente reside en París, Francia. Empezou a súa carreira como actor en Bungakuza e na Compañía de Teatro Shiki. Desde 1970 traballou con Peter Brook no CIRT (Centro Internacional de Investigación Teatral). Actuou en Mahabarhata, Tempest e The Man Who, dirixidas por Peter Brook, Shunkin, dirixida por Simon McBurney e moitas outras. Tamén dirixiu varias obras de teatro e óperas. O libro Un actor a la deriva, que escribiu e publicou en 1989, foi traducido a 17 idiomas e é considerado como “a biblia do actor” en todo o mundo. Recibiu os seguintes honores do Gobierno francés: Chevalier de l’Ordre des Arts et des Lettres, Francia (1992), Officier de l’Ordre des Arts et des Lettres, Francia (2007), e Commandeur de l’Ordre des Arts et Lettres, Francia (2013).

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

chessking |

Diario de cativerio. Día 6, por Esther Carrodeguas

Girlboss |

Diario de cativerio. Día 7, por Esther Carrodeguas