in

Mensaxes do Día Mundial da Marioneta 2020

MuseoGalegoMarioneta |
Este ano, UNIMA propúxolles a artistas americanos que fixesen o cartel e unha mensaxe conxunta para o Día Mundial da Marioneta, que se celebra cada 21 de marzo. Manuel Antonio Morán, Zoa Meza e Rubén Darío Salazar son os encargados de redactar as mensaxes e Osvaldo Gabrieli de deseñar o cartel.

 

Un novo espertar, por Manuel Antonio Morán. Voz de América del Norte

Hai un novo espertar no continente americano e óese un rexo berro de reclamo de paz, liberdade, xustiza e igualdade. A través de protestas, manifestacións e marchas, os americanos (os de América do Norte, Central, Caribe e Sur), continúan alzando a súa voz e exercendo o seu dereito de expresión. Chamadas á paz, polas nosas comunidades indíxenas nativas, polos dereitos das mulleres, das nenas e os nenos, polos inmigrantes, pola equidade e a diversidade, polo medio ambiente, en contra da pobreza, por cambiar e derrocar líderes e gobernos corruptos, en fin, a lista é longuísima.

Lamentablemente, as inxustizas arrodeánnos e a hora de que os pobos se unan e alcen as súas voces chegou. A tecnoloxía achéganos, infórmanos e, moitas veces tamén, nos desinforma. Permítenos comunicarnos instantaneamente. Fortalécese a loita e as voces fanse aínda más fortes, con este novo recurso global. A través da historia vemos que o teatro de títeres e marionetas ten sido un recurso para o entretemento, mais tamén para a protesta, para a crítica social contra os poderes establecidos e para denunciar inxustizas. Isto continúa até hoxe. O teatro de títeres contemporáneo das Américas converteuse nun gran e efectivo aliado e nun aliciente, que enriquece a loita e engádelle volume e voz a eses chamados. A través das redes sociais e doutras publicacións en Internet, vemos evidenciada a presenza dos monicreques na maioría destas manifestacións e reivindicacións populares.

A paz é un dereito do ser humano. A paz asegura, en certo modo, o respecto de todos os outros dereitos. Pero de xeito especial, hai un vínculo intrínseco entre paz e liberdade. O activista estadounidense, Malcom X dixo “Non podes separar a paz da liberdade, porque ninguén pode estar en paz, a no ser que teña a súa liberdade.” E a liberdade é ese estado pleno ao que todxs temos dereito e o que caracteriza case todas estas loitas.

A gran Madre Teresa de Calcuta dixo que “a paz comeza cun sorriso”. Os monicreques son entes de paz, pois producen ese sentimento. Agradezamos e celebremos os monicreques por nos axudar a expresar os nosos chamados na loita e por brindarnos momentos de sosego, diversión e felicidade que nos fan sorrir, que ao tempo é o principio da paz. Hoxe, Día Mundial da Marioneta, celebremos os monicreques e a quen os animan porque non nos deixan sós na busca dun mundo mellor, dun futuro mellor.

 

Voces de América pola paz, por Zoa Meza. Voz de América Central

Estimados amigos titiriteiros, socios e profesionais de UNIMA, colegas do mundo dos monicreques. Propúxoseme escribir unha mensaxe para o Día Mundial da Marioneta 2020; síntome emocionada e honrada polo privilexio que isto significa.

Queridos amigos, estou orgullosa de pertencer a esta comunidade de titiriteiros e de vivir no centro de América. Os problemas da rexión non nos son alleos; como artistas, sentímolos na pel e comprometémonos con esa realidade.

Os nosos autores e as súas obras falan, vincúlannos a este universo, á súa intimidade, revélannos a súa orixinal contribución, enriquecendo a historia das nosas culturas.

Os titiriteiros somos grandes artífices da alegría, renovados, incluso reinventados. Ninguén mellor ca os monicreques, xeniais construtores do amor e da paz, intúe con maxistral fantasía e imaxinación, o tránsito dun momento histórico a outro. Cando producimos, non só lle damos vida á obra, senón ao obxecto; por medio del comunicámonos coa sociedade e tendemos pontes cara a imaxinación e a fantasía, e este feito efémero estimula o desbordante imaxinario de nenas e nenos, provoca o crecemento das persoas e o desenvolvemento da comunidade por medio desa arte.

No compromiso de educar, os titiriteiros temos o noso propio lugar. Porque obedecemos a unha plataforma para compartir e intercambiar ideas creativas e saberes, non só enriquecemos o patrimonio cultural de cada nación e de toda a humanidade, senón que somos servidores do ben común. As nosas escolas son tamén as prazas e os camiños, neles aprendemos e ensinamos con amor, para conquistar a paz, coa arte de animar obxectos.

Como titiriteiros centroamericanos temos o compromiso de estimular a novas e futuras xeracíons de mozas e mozas na arte da marioneta, sementar de titiriteiros a rexión, dispostos a promover is valores máis nobres, como a tolerancia, o entendemento e a paz. A época que nos tocou vivir demándanos unha enorme responsabilidade: protexer a vida e o planeta. Como titiriteiros desta América central, o noso compromiso é fortalecer as nosas capacidades, ser mellores manipuladores, alimentar o talento e abordar con audacia novas temáticas.

America Central viviu calamidades, desastres naturais, guerras e conflitos sociais. A arte pola esperanza forma parte dunha proposta artística que nos permitiu brindar, cos nosos monicreques e figuras, a esperanza a poboacións danadas, damnificadas por estes eventos. Esta marabillosa tarefa do monicreque, que xorde en medio da desesperanza e a dor, provocando a risa e a alegría de vivir da nosa infancia, nos refuxios e zonas de conflito, como vehículo que conduce á harmonía, á protección da vida, da memoria, da identidade cultural.

Celebremos daquela este amor non só ao teatro de marionetas, senón á humanidade, ao entendemento entre persoas independentemente da súa orixe, diferenzas culturais ou conviccións relixiosas e políticas.

Celebremos xuntos pola Paz.

 


Publicidade

Un compromiso maiúsculo, por Ruben Darío Salazar. Voz do Caribe

Nacín e vivo nunha illa situada no mar Caribe. Chámase Cuba. Ten forma de crocodilo, din que desde o ceo loce unha intenso cor verde. Non coñezo outro nome que estremeza tanto o meu corazón como a conseguen esas catro letras. Non é un país perfecto. Seino. Que país pode ostentar ese estado de corrección total? Batallamos cada día para conseguilo.

Como titiriteiro compráceme dicir, que desde 1959, dunha punta a outra desta terra firme, érguese impaciente e atendido o teatro de formas animadas. Conformamos un movemento con todas as aspiracións e soños do gremio onde reinan as figuras, unha colectividade que máis alá das diferenzas defende as alianzas como símbolo de harmonía e paz.

De que falan os monicreques na nosa nación? Que atopa o público nos espectáculos que lles propomos? Que necesitan os espectadores? As preguntas van e veñen en medio dos desafíos que enfronta o planeta, esa esfera viva que xira en medio da nada.

As primeiras historias que se representaron nos retablos cubanos, escritas polo director e dramaturgo Modesto Centeno e o poeta Nicolás Guillén, nos anos 40 do século XX, tiñan influencias dos contos clásicos (A carapuchiña vermella) e formulaban, entre outras preocupacións, a problemática do racismo e da desigualdade social (Poema con niños). Daquelas candorosas postas en escena da época republicana, realizadas polos irmáns Camejo e Pepe Carril, Dora Alonso, Beba Farías, Dora Carvajal, Nancy Delbert e María Antonia Fariñas, entre outros pioneiros do arte titiriteiro nacional, as creacións artísticas foron mutando de forma apresurada.

Entre o século XX e XXI, algunhas obras escritas na illla comezan a falar sucintamente de cambios climáticos e diferenzas ideolóxicas.

As lendas e fábulas de animais, reis, príncipes e princesas apréstanse a convivir con textos que reflicten os trastornos da actual sociedade, aluden á aparición de enfermidades e epidemias difíciles de combater. Os males que fixeron a súa aparición nas vellas narracións de bruxas e feiticeiros, entre eles as guerras, son agora unha ameaza real, un pesadelo que non se esfuma.

A pésima utilización da intelixencia artificial róuballe o cerebro e a alma as nosas pequenas e maiores. O que debería servir para conquistar a luz empéñase en escurecer as cousas, crea tensións xeopolíticas. Divídense os países. Establécense áreas de amigos e inimigos irreconciliables, enfrascados todos nunha contenda que parece no ter fin.

Os artistas do teatro de monicreques, en medio de tanto desastre, intentamos, desde as nosas producións, pronunciarnos sobre o que imos perdendo, os problemas que nos afastan en vez de unirnos. E ese clamor, que comezou a expandirse universalmente, non é suficiente. Falta máis. Urxe moitísimo máis. Como poderían os monicreques, desde o seu cosmos ilusorio, fráxil, efémero, equilibrar as diferencias de clase, estimular os valores culturais por riba da banalidade cotiá, evitar as mortes inútiles de miles de infantes, mulleres e anciáns, a mercé dun caos económico e belixerante que non os ten en conta? Como transformar cada xesto, cada imaxe, cada proposta sonora e textual dos nosos bonecos e obxectos en forza demoledora contra a inxustiza e a ausencia de pactos e concordias?

Nas presentes circunstancias escribir unha mensaxe para ser lida o día mundial da marioneta, implica un compromiso maiúsculo. Debo trazar palabras que voen desde as aguas do Caribe cara a outros continentes. Acudo para isto á autoridade gañada pola traxectoria dos nosos bonecos; eles xunto cos seus entes acompañantes son sobreviventes de duros períodos, de ciclos que transcorreron sen fe nin esperanza, e seguen aquí, como parte activa dos imprescindibles cambios a favor da raza humana.

Auxiliemos aos nosos monicreques nese intento quixotesco de mellorar a convivencia no globo terráqueo! Eles sós no poderán acabar con tanto. Xa non valen os conxuros, sortilexios, nin as adiviñas fantásticas de antano. A contenda a favor da existencia debe ser compartida cos seus facedores. Para isto, non se pode desaproveitar ningunha posibilidade desde os propios espectáculos.

Non hai tempo para dedicarse a contar historias parvas, compoñer ou botar man do peor da música, construír bonecos, vestiarios ou escenografías carentes dun concepto creativo e enriquecedor. Eles son a mellor arma nas nosas trincheiras a favor dos necesarios acordos para todos, tanto dos que fan o chamado teatro tradicional como do experimental.

Como nas quiméricas historias dos séculos pasados, eu creo que aínda se pode voar. O voo é unha metáfora sobre a altura que deberían alcanzar as nosas obras na batalla por formar homes e mulleres de ben para o futuro. Hai que atopar nas formas animadas novas utopías, o optimismo que agoniza, esa fe que nos podería salvar. Cada vez que deixemos aos espectadores coa mirada absorta e a alma encantada e esperta, estaremos gañando unha nova cruzada na marabillosa experiencia que é vivir.

 

 

 

DiaMundialMarioneta2020 |

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

1 LaRibot PieceDistinguee45 |

O CGAC anuncia para xuño unha exposición sobre o traballo de La Ribot

COVID19 737484 |

A SGAE asesorará aos autores na petición de axudas públicas polo COVID-19