Santi Prego é un habitual das nosas táboas e pantallas. Actor, narrador oral e director teatral, protagoniza a segunda temporada do thriller televisivo O Sabor das Margaridas. Nos pasados Premios Goya foi finalista na categoría de mellor actor revelación polo seu papel como o ditador Francisco Franco en Mientras dure la Guerra de Alejandro Amenábar.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Neste momento teño 28 libros (conteinos). O que está máis arriba é Por qué las mujeres disfrutan más del sexo bajo el socialismo y otros argumentos a favor de la independencia económica de Kristen Ghodsee. Tamén teño un libro electrónico que está aberto nunha novela policial de Petros Markaris: Pan, educación, libertad.
A túa banda sonora destes días.
Unha lista de reprodución de Rock Psicodélico dos anos 60-70.
O último filme que te impresionou.
Bamboozled de Spike Lee, que acabo de ver por xentileza de Xavier Castiñeira. É un filme de bufóns no século XXI: un guionista negro, rexeitado polo seu canal, propón –a modo de protesta– un programa de televisión no que se ridiculiza cruelmente aos negros. O programa é un éxito. Pero non do xeito que el pensaba.
A obra de arte na que te perderías agora.
Gústame perderme nas ilustracións e vídeos de Gairah Praskovia. As ilustracións son de inspiración xaponesa. Os vídeos son porno-erótico-grotescos. Ferrolá, de 24 anos
A peza que che gustaría crear.
Unha peza de monicreques de auga (ao xeito vietnamita) que trate a historia, lendas e etnografía de Galicia. Hai anos que estou ilusionado con isto
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Home, histórica non sei se é, pero compartiría un viño con Manuel Lourenzo: ten sentido do humor, moita conversa e sempre se aprende algo. Ademais cociña moi ben. O malo é que, de cando en vez, acabo levando un lapote (real) da súa man gordecha.
Se non foses actor, serías…
Propietario dunha enorme plantación de marihuana en Bolivia. Non, mellor novelista na China do século XVIII. Ou, se cadra, mestre en Senegal. Ou unha aviadora nun biplano nos anos trinta. Tamén me gustaría ser unha piña, exótica e doce, para que me comesen enteiriño.