in

No confín de… Francisco Macías

Paco Macías
Francisco Macías defínese coma un editor-agricultor. Este berciano do Lago de Carucedo é o director de Edicións Positivas, editorial cunha traxectoria e un catálogo amplísimo de poesía, narrativa, ensaio e teatro en galego e portugués. Na imaxe, “tentando arrincar un dos marcos no Couto Mixto que separa Galicia de Portugal. Un dos retos que ten a cultura galega”.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

El dia que va morir David Bowie de Sebastià Portell. Libro, en catalán, dun escritor novo que queremos editar en galego, traducido por María Alonso Seisdedos. Un mozo vive a Barcelona dos seus desexos e faino de maneira paixonal. Non hai experiencia que rexeite. E todo está lembrado desde unha sala de espera…

A túa banda sonora destes días.

O Quico Cadaval, na súa última obra Medida x Medida, fixo que volvese o Tom Zé a retumbar na miña memoria. O Tom Zé sempre foi para min un dos brasileiros máis cultos, pura poesía.

O último filme que te impresionou.

Bande à part de Jean-Luc Godard, pois non a vira antes. Cinema negro feito por Godard. Unha bomba desconcertante.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Calquera obra de arte da natureza, preferentemente o Río Congo. Nunca estiven en África –algo que me amola bastante–, pero persoas achegadas a min si e as historias do Río Congo retumban na miña memoria.

A peza que che gustaría crear.

Cantar unha canción de Renato Carosone, a Piccolissima Serenata. Había un vello moi vello nun pobo veciño ao meu ao que chamaban, de remote (alcume, din que hai que dicir) O Picolísimo. Era porque a el lle gustaba moito esa canción do Carosone. Pasados os anos descubrín que Plinio O Vello estivera no meu pobo, pegado ás Médulas, e que acabou morrendo nos mares de Nápoles. E resulta que Renato era napolitano. Todo acabou por ter unión, non a que ten, senón a que eu lle quero dar: Napulè (Nápoles). Cantar ben –heino de intentar– esta canción sería a miña homenaxe á cidade máis cidade das que coñezo.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Buenaventura Durruti, pero algo máis que unha caña. Sei de persoas do presente e do pasado cunha vida intensa, ao mesmo tempo que honesta, como por exemplo o Pepe Velo, do que me amola non escollelo agora. Pero metéuseme na cabeza Durruti e é o escollido para tomar unha caña con el. Quen puider! Asaltar, na súa compaña, bancos para lle dar os diñeiros aos sindicatos anarquistas e entrevistalo para saber del o moito que non sabemos

Se non foses editor-agricultor, serías…

Pastor de cabras. As cabras non paran de camiñar, comen camiñando, fan a hostia de quilómetros. Só ao mediodía sestean, facendo unha pausa longa. Ser pastor de cabras permíteche coñecer ben a natureza, as paisaxes, e dotarte dunha saúde fantástica. É un ximnasio marabilloso. E sempre tes fame e non engordas comas o que comas. Marabilla!

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Smara |

Transmissão, teatro radiofónico en Portugal

Sós |

Diario de cativerio. Día 41, por Esther Carrodeguas