in

No confín de… Marta Pazos

Marta Pazos
Directora e escenógrafa. Marta Pazos é fundadora da compañía compostelá Voadora xunto a Hugo Torres e Jose Díaz. O pasado ano estrearon o espectáculo-rave Hemos Venido a Darlo Todo (tres nominacións aos Premios María Casares 2020: mellor vestiario, maquillaxe e música orixinal) e a ópera A amnesia de Clío, con composición de Fernando Buide e libreto de Fernando Epelde. Na actualidade, Voadora traballa na adaptación do texto Siglo Mío, Bestia Mía da autora alicantina Lola Blasco. Pola súa escenografía para o espectáculo Neorretranca e Posmorriña do CDG, Marta Pazos opta a un Premio María Casares na edición deste ano. | Foto: Rosinha Rojo |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Os bicos feridos de Anna R. Figueiredo. A autora regaloumo nos primeiros días do espectáculo Hemos Venido a Darlo Todo, hai máis dun ano, e só agora tiven a calma para poder gozalo.

Publicidade

A túa banda sonora destes días.

A lista de temas de Foodie Love, a serie de Isabel Coixet, que inclúe desde Jay-Jay Johanson a Lola Flores. Tamén sigo cada día os concertos en albornoz de Rufus Wainwright: #RobeRecitals. E xa, en puro directo, a banda sonora que o meu home está a compoñer nestes días para o texto de Lola Blasco Siglo Mío, Bestia Mía; e, de fondo, o barullo de El asombroso mundo de Gumball que os meus fillos están a papar no salón.

O último filme que te impresionou.

Marriage Story (Historia dun matrimonio) de Noah Baumbach. Ten escenas dunha intimidade que ata doe.

A obra de arte na que te perderías agora.

Perderíame na fotografía de Ana Mendieta Imagen de Yagul (1973). O corpo de Ana fúndese coa paisaxe e o meu corpo precisa agora diso mesmo.

A peza que che gustaría dirixir.

Facer un musical co Blackstar, o último álbum de David Bowie.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Publicidade

Con Carl Jung. Contrastaría con el toda a cantidade de sincronismos que aconteceron na miña vida.

Se non foses directora de escena, serías…

Pintora. Desempoaría os óleos de cando tiña vinte anos e comezaría a tensar lenzos en grandes bastidores. Tería un estudio moi luminoso nunha illa compartido con outras artistas. Pola maña desfrutaría da praia e pola tarde pintaría até o solpor.

Publicidade
Publicidade
Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sós |

Diario de cativerio. Día 41, por Esther Carrodeguas

SedeDaUnesco |

Máis de 130 ministros reclaman apoio ao sector da cultura na resposta á crise COVID-19