in

Máis de 130 ministros reclaman apoio ao sector da cultura na resposta á crise COVID-19

SedeDaUnesco |
Máis de 130 ministros e viceministros de Cultura participaron o mércores 22 de abril nunha reunión online convocada pola UNESCO co obxecto de discutir accións dirixidas a combater a crise “sen precedentes” que atravesa o sector cultural como consecuencia da pandemia de Covid-19. As diferentes representantes puxeron de manifesto o impacto da crise, compartiron información sobre as medidas tomadas para mitigalo e reafirmaron o seu compromiso co diálogo intergobernamental para sumar forzas.

 

Na apertura da xuntanza, a directora xeral da UNESCO, a francesa Audrey Azoulay, lembrou que “precisamos a cultura, polo que debemos axudala a facer fronte a esta conmoción”. De igual modo, Azoulay sinalou que é preciso “avaliar o impacto da crise, iniciar unha reflexión conxunta e levar a cabo iniciativas coordinadas”.

Na reunión, os ministros da Cultura destacaron os beneficios sociais e económicos que o sector representa para as economías dos seus países considerando “urxente” que se invista nel “durante e despois da crise”. No balance dos feitos realizados, indicouse o 90% dos países cerraron total ou parcialmente os seus locais clasificados como Patrimonio Mundial da UNESCO , que 128 pecharon as súas institucións culturais e constatouse a cancelación tanto de festivais tradicionais como dun amplo abano de eventos con gran repercusión “sobre a vida cultural das comunidades e os ingresos das profesionais”.

Os ministros recoñeceron que os traballadores da Cultura están entre os máis afectados pola crise xerada polo Covid-19, conscientes de que a maior parte das profesionais traballan como autónomas, en pequenas e medinas empresas. Do mesmo xeito, lembraron que as restricións de mobilidade e as medidas de contención adoptadas a causa da pandemia reduciron “drasticamente o acceso á cultura a curto prazo e, de non tomarse medidas, poden debilitar todo o ecosistema cultural para as próximas xeracións.”

Dentro da avaliación da situación, foron presentados paquetes de emerxencia dos diferentes gobernos nun intento de minimizar o impacto na cultura. Entre as medidas, atópanse algunhas que conlevan encargas adaptados á realidade dixital, como forma de garantir algún tipo de rendemento económico para as artistas.


Publicidade

Aínda que non todos os estados membros están na mesma etapa da pandemia, algúns países xa comezaron a avaliar o seu impacto a curto prazo e a delinear estratexias a longo prazo, entre as que predominan as tecnoloxías dixitais. Por outra banda, entre as peticións feitas polos diferentes países, atópase a creación dunha plataforma reforzada de diálogo para compartir boas prácticas entre os Estados e a necesidade de mecanismos financeiros internacionais para apoiar os países menos capaces de reforzar os seus sectores culturais e o perfeccionamento dos instrumentos normativos da UNESCO.

Moitas representantes remarcaron a importancia de non subestimar o impacto da crise crise no sector cultural e que cando se levantes as medidas excepcionais, será preciso adaptarse a unha nova normalidade. Ante isto, presentaron a crise como “unha oportunidade para desenvolver unha reflexión global e estratéxica sobre cultura”.

 


Este artigo foi modificado o 25 de abril de 2020 pra corrixir un erro: a reunión da Unesco tivo lugar o mércores 22 de abril e non o martes 21 como se dicía nun principio.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Marta Pazos

No confín de… Marta Pazos

Calculadora |

As afiliacións á Seguridade Social no sector cultural baixan un 5,5%