in

No confín de… Paula Carballeira

Paula Carballeira
Contadora de historias, escritora e actriz, Paula Carballeira é unha das dramaturgas máis prolíficas e destacadas do teatro galego para diferentes públicos. Con Berrobambán, compañía que dirixe xunto a Chiqui Pereira, estreou o pasado ano Doppelgänger, coproducida coa Corporación Arca de N.O.E. de Medellín. A súa peza Somos os monstros, editada por Xerais, acadou o X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018 da AGADIC. | Foto: José Pablo Molina |

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

O exército furioso de Fred Vargas. Unha amiga e compañeira narradora descubriume esta autora –antropóloga, ademais– que inaugurou un novo xénero de novela negra no que sempre hai un compoñente de misterio máis alá do suspense, algo irracional, inexplicable, ligado aos nosos medos ancestrais. Neste caso, L´Armée furieuse ten moito que ver coa Estadea, a Santa Compaña. É unha boa lectura, áxil, para estes tempos incertos nos que prima a intuición por riba da dedución.

A túa banda sonora destes días.

Funanbule de Grand Corps Malade. Ten moito que ver coas voces que me gusta escoitar: fortes, reivindicativas, poéticas.

O último filme que te impresionou.

Border de Ali Abbasi, baseado nun texto de John Ajvide Lindqvist, o autor de Let me in, que tamén foi un filme que me impresionou no seu momento. Gústame a beleza das imaxes, a súa estrañeza.

A obra de arte na que te perderías agora.


Publicidade

Na fantasía dos cadros de Remedios Varo, se te refires á pintura. Se fose música, os Cadros dunha exposición de Mussorgsky, que tamén ten como referencia a pintura e hai unha edición fermosísima en galego con ilustracións do meu querido Xosé Cobas.

A peza que che gustaría facer.

Pois tíñalle ganas a Soeurs (Irmás) de Wajdi Mouawad, unha pequena peza que fala de temas que me interesan especialmente: relacións familiares e conflitos sociais, entre eles o lingüístico en Canadá co inglés e co francés. Tamén a Souliers de sable (Zapatos de area) de Suzanne Lebeau, unha peza para todos os públicos que é unha beleza. Non sei se para dirixir, producir, interpretar ou simplemente dar a coñecer.

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Pois iría tomar unha caña con Julie Von Güldenstubbe, a miña fonte de inspiración cando escribín Doppelgänger. Unha muller que contou unha historia e esa historia derivou nunha reflexión sobre un dos misterios máis filosóficos da época romántica: o do noso dobre que cobra vida e fai o que non nos atrevemos, o que gardamos na parte máis agochada. Julie tiña que ter unha conversa moi interesante.

Se non foses creadora de historias, serías…

Se non me dedicase a crear ficcións, tería que buscalas. Sendo realista, dedicaríame ao que estudei, Filoloxía, pero postas a soñar, creo que sería exploradora ou astronauta. Viaxaría.

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Citizen09 |

‘Citizen’, de Chévere e Kalandraka, gaña o Premio Gala do Libro Galego na categoría “Teatro”

Ghazafellos Rubicundo

Obradoiro de teatro infantil online a cargo de Teatro Ghazafellos