in

O Consello da Cultura edita a ‘Farsa das zocas’ de Carvalho Calero

Farsa Das Zocas
O Consello da Cultura Galega únese á homenaxe a Ricardo Carvalho Calero celebrada no Día das Letras Galegas 2020 cunha edición da súa Farsa das zocas . Ademais dun estudo preliminar a cargo de Carlos-Caetano Biscainho Fernandes, esta publicación presenta o facsímile da edición de 1982 ( Teatro completo, Ediciós do Castro), derradeira autorizada polo autor, que vai acompañado doutros dous facsímiles de manuscritos autógrafos, que se ofrecen coas correspondentes transcricións.

 

Farsa das zocas está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Ambientada na vida rural da posguerra, conta un drama familiar con interese económico como pano de fondo. O texto escollido garda a aparencia de teatro popular, ten moitas chiscadelas co teatro culto no expresionismo e na estilización da materia dramática. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destaca que “entre as múltiples facetas salientables, neste libro homenaxe quixemos poñer o foco na vertente de creador, e escollemos a teatral, en que condensa dalgún xeito unha das súas afeccións máis temperás e as múltiples facetas do seu percurso vital”.

Neste texto pódese ver que Ricardo Carvalho Calero escribiu teatro para ser representado , el mesmo o puxo en escena co seu alumnado do Colexio Fingoi (Lugo). A presidenta destaca que “segue nisto o plan das Irmandades da Fala de fomentar o teatro como un espazo e un medio para a normalización oral da lingua galega. Ese foi o espírito que quixemos salientar e lembrar nesta publicación” .

Esta obra encaixa dentro do teatro de caretas proxectado por Castelao para renovar a escena galega (aínda que a obra de Carvalho sexa anterior) xa que os personaxes da farsa son bonecos que se moven mecanicamente. Ademais, mestura xiros lingüísticos de rexistros populares cun esforzo de estilización e de literaturización propios dun coñecedor profundo do idioma como Carvalho. Amósasenos como realmente era: un erudito, un intelectual e un lingüista.

Para Carlos Biscainho, profesor da Universidade da Coruña e autor do estudo introdutorio, a obra “evidencia o desexo do seu autor de dignificar historias e personaxes populares e de poñelos a dialogar con outras dramaturxias do mundo, ademais da vontade de dignificación da lingua popular segundo o modelo lingüístico do Seminario de Estudos Galegos”.

O texto ten outro fito inaugural en si mesmo xa que viu a luz co primeiro número da revista Grial en 1963; o que conecta con ese Carvalho en contacto coas diferentes iniciativas editoriais que se foron sucedendo no país, pero tamén coas plataformas que do outro lado do Atlántico publicaban textos galegos. Tivo outras edicións posteriores nas que, segundo explica Rosario Álvarez, “a obra se mantén no seu ser pero foi evolucionando lingüisticamente acompañando esta peripecia. Nós editamos a derradeira feita en vida do autor”.


Publicidade

O libro pode descargarse aquí.

 

Lectura dramatizada gravada

Por mor da situación actual, a presentación non se pudo celebrar como estaba previsto inicialmente. Por ese motivo, o Consello da Cultura Galega encargou a diferentes actores e actrices profesionais a realización dunha lectura dramatizada. O resultado final é un vídeo de quince minutos de duración que vai máis alá dunha lectura e permite seguir o fío argumental deste texto. Tito Asorey asume a dirección e a interpretación dun papel na obra xunto con Melania Cruz e María Vázquez. Lucía R. Regueiro encargouse da grabación e edición do vídeo e Rosa Moledo do asesoramento lingüístico.

O vídeo pode verse aquí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xornadas profesionais Escena Galega

O INAEM inicia o traballo co sector para elaborar protocolos de desescalada

Celia González

No confín de… Celia González