in

No confín de… Marián Bañobre

Marián Bañobre
“Actriz, creadora escénica e realizadora dunha chea de labores máis dentro do eido teatral”. Marián Bañobre forma, no 2010, Ibuprofeno Teatro xunto a Santi Cortegoso. A filla de Woody Allen, O Furancho, Raclette, Casa O’ Rei ou, recentemente, O mel non caduca son algúns dos espectáculos da compañía nos que está todoterreo das táboas participou como intérprete. Nos últimos anos destaca o seu traballo como directora das montaxes Monstruación da compañía Enconarte ou Insivibles de Redrum Teatro (Premio María Casares 2019 á mellor dirección). Tiña prevista a estrea de dous espectáculos nesta primavera: 12 uvas, 2 mulleres e unha oliva de Olivas Negras e O Premio de La Quintana Teatro.

 

O libro que tes sobre a mesa de noite.

Permacultura. Unha caixa de ferramentas para deseñar un mundo mellor de Alexandre Grande Babarro, editado por Catro Ventos.  Estame encantando porque parece escrito para o momento presente e resume moi ben a filosofía permacultural. Ademais é práctico porque presenta na parte final varias experiencias que se están a desenvolver en Galicia. Moi recomendable.

Publicidade

Tamén teño uns auriculares na mesa de noite, pois retomei a escoita dos audiolibros de Rinoceronte. Resúltame moi pracenteiro escoitar historias nestes momentos.

A túa banda sonora destes días.

Moi variada. O primeiro que escoito ao espertar son os cantos dos paxaros, especialmente ferreiriños e pardais. Logo moito Radio 3, a playlist do Festival PortAmérica 2020 (para os que temos entradas igual temos que conformarnos coa lista de reprodución…) e un novo descubrimento neste mes: o grupo bosnio Dubioza Kolektiv, que me fai bailar. Ademais de todas as orixinais composicións que as amigas músicas están creando nestes momentos.

O último filme que te impresionou.

Gústanme moito os documentais e adoitan impresionarme máis que a ficción. Xa se sabe: a realidade sempre a supera.

Nos últimos días vin Esquece Monelos de Ángeles Huerta e Angry Inuk da directora inuit Arnaquq-Baril. Impactáronme porque ambos me revelaron unha realidade da que vivía allea, a pesar de que no caso do río Monelos é algo máis próximo. Son docus que me xeran moitísimas reflexións, doulles voltas moitos días e fanme cuestionar moitas cousas a nivel social, ecolóxico e planetario. Pero tamén recoñezo que onte quedei moi impresionada por Proxima de Alice Winocour. Xeroume un gran dilema mental e emocional. Aínda que é ficción, retrata moi ben o tema da conciliación nunha situación que tamén é real: a das nais astronautas.

Anda, que curioso! Os tres filmes que me impresionaron ultimamente son de directoras! Que coincidencia, non?

A obra de arte na que te perderías agora.

Sen dúbida, na Alhambra de Granada, onde debería estar perdida nunha realidade paralela nesta ponte de maio.

Publicidade

A peza que che gustaría dirixir e interpretar.

Gustaríame poder rematar as obras que estaba dirixindo e quedaron pendentes de estrea co confinamento: O Premio e 12 uvas, 2 mulleres e unha oliva. Tamén facer como actriz a xira do espectáculo O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro que quedou adiada e acababa de estrearse (só levabamos tres funcións).

O que máis me gustaría sería isto,  que as cousas que quedaron pendentes poidan representarse nuns teatros cheos de público.  Todo un soño agora!

Unha figura histórica coa que compartir unha caña.

Posiblemente aproveitaría a oportunidade para reencontrarme con algúns dos meus antepasados familiares cos que me gustaría volver coincidir. Penso que dentro da familia de cada un atopamos todo un universo de historias e de sabedorías que quedan enterradas. Gustaríame recuperar esta memoria, e para iso precisaría moitas cañas…

Se non foses  actriz, serías…

Podería ser unha chea de cousas, son de natureza polifacética, e ocórrenseme moitísimas posibilidades apaixonantes ás que dedicarme. Por poñer algún exemplo, encantaríame ser autora de  guías de viaxes, pero como estou nun momento vital no que cada vez cuestiono máis o impacto do turismo sobre o planeta, igual me gustaría dirixir audiovisual e así poder facer viaxar á xente desde a casa ou desde unha sala de cine.

Publicidade
Publicidade
Avatar

Ernesto Is

(Xixón, 1988) É dramaturgo, narrador oral e docente. Premio Abrente (ex aequo) con 'Fendas' e Premio Rafael Dieste con 'Despois das ondas'. Foi seleccionado polo INAEM no Programa Dramaturgias Actuales ('El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas'), no grupo de escrita teatral DramaturXA do CDG ('Onde veñen morrer as baleas') e na bolsa Nuevas Dramaturgias de Euskadi ('Canciones amarillas para flores tristes'). Cofundador da compañía Feira do Leste, coa que estreou 'Exilio das moscas' e 'Tras Tannhäuser' (axudas á Creación Joven do INJUVE). Membro do consello de redacción da erregueté-Revista Galega de Teatro, colabora tamén coa Revista Grial e A Movida de Vigo.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatro principal ourense 1 |

O plan de reactivación da cultura de Ourense prioriza as actuacións de artistas locais

Almada |

A 37ª edición do Festival de Almada celebrarase do 3 ao 26 de xullo