Actor, xestor cultural e produtor. Marcos Alonso é socio da Sala Ártika, xunto a Fernanda Barrio, desde a súa apertura no ano 2014 na Avenida da Beiramar de Vigo. Como intérprete, Alonso é un dos fixos das montaxes de Teatro Avento: Aladino e a lámpada marabillosa, Como sobrevivir a unha apocalipse zombi, Polo meu aniversario superpoderes ou, máis recentemente, O libro da selva.
O libro que tes sobre a mesa de noite.
Actualmente La soledad de los números primos de Paolo Giordano. Pero, sen dúbida, o libro que máis me deixou marcado foi Memorias dun neno labrego de Neira Vilas. Sempre fun de aldea.
A túa banda sonora destes días.
Pois a mesma dos últimos trinta anos: Silvio Rodríguez, Víctor Jara e cousas polo estilo… Pero, por enriba de todo, La Polla Records.
O último filme que te impresionou.
Non sei se me impresionou, pero si que me deixou medio confundido… El Hoyo de Galder Gaztelu-Urrutia.
A obra de arte na que te perderías agora.
O Guernica de Pablo Picasso.
A peza que che gustaría facer.
Un megamusical con máis de trinta intérpretes e bailaríns, medios técnicos a fartar, etc.
Unha figura histórica coa que compartir unha caña.
Se vale como personaxe de ficción, con Deus. Teño certa necesidade vital por saber de que carallo vai.
Se non foses actor serías…
Sempre quixen ser cantante dunha banda Punk.