in

Tres vellas (polo menos)

Tres vellas polo menos |

Memoria de mulleres

| Ana Abad de Larriva |
| Foto: Rosinha Rojo |

 

A memoria vai desaparecendo se non se transmite, se non se garda. En Tres vellas (polo menos), tres recoñecidos narradores orais, Celso Fernández Sanmartín, José Luis Gutiérrez, Guti, e Quico Cadaval, comparten connosco as historias que lles contaron a eles varias vellas (“tres, polo menos”); fermosas narracións de mulleres e sobre mulleres. Está detrás da peza a vontade de rescatar o relato daquelas persoas de idade avanzada, mulleres, ás que moitas veces se lles nega a voz, para que a súa memoria, a súa sabedoría e a súa esencia non se perdan. Así mesmo, hai unha chamada tamén ás espectadoras e espectadores a que deixemos falar e escoitemos máis as persoas maiores; para que elas se sintan escoitadas, útiles, valiosas, e para nós aprendermos de todo o que teñen para compartir, para ensinar. De feito, Quico Cadaval revelounos métodos moi enxeñosos para conseguir que as nosas vellas nos conten historias con substancia.

Os tres comezan identificando as súas “vellas alfa”, aquelas mulleres cun peso especial para eles: Hortensia, Dominica, Ramona… Vese o agarimo que gardan por elas ao presentárnolas. Non hai, pois, unha apropiación dos relatos das mulleres e un esquecemento destas, senón que a súa presenza está todo o tempo latente en escena, grazas a como nos falaron delas. Porén, no decorrer da narración van aparecendo outras mulleres e outros personaxes que van poboando as historias: Anita e o seu fillo, o atabalado; a tía Manuela; o tranquilo, que foi o primeiro home en Galicia que perdeu o alcume…

O espectáculo supón, xa que logo, unha fermosa homenaxe a todas esas mulleres, mais tamén á palabra falada, non só polas historias e os chistes (e mesmo as lembranzas que eles comparten connosco arredor das súas vellas) en si mesmos, senón tamén pola propia riqueza das palabras empregadas, o ritmo, as pausas, as olladas, os xestos… Os tres cativáronnos cos seus relatos sobre mulleres, sobre animais, sobre as festas, sobre os alcumes da xente, sobre a morte e sobre a vida… Transportáronnos dentro do que nos contaban, fixéronnolo ver e sentir; espertaron en nós o riso e a emoción e activaron as nosas propias lembranzas (polo menos).

 


Publicidade

Tres vellas (polo menos), de Celso Fernández Sanmartín; José Luis Gutiérrez, Guti; e Quico Cadaval.

Autoría e interpretación: Celso Fernández Sanmartín; José Luis Gutiérrez, Guti; e Quico Cadaval.

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, MIT. Praza de San Xoán. Domingo, 19 de xullo de 2020.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

HappyIslandLaRibot |

Compostela acollerá en setembro o festival de artes performativas ‘Plataforma’

ViravoltaUSC |

A Biblioteca da USC acolle as coleccións de carteis e folletos do proxecto do Museo Galego da Marioneta