O Museo Galego da Marioneta pechara en maio de 2019, despois de varias declaracións cruzadas entre a compañía Viravolta Títeres e o Concello de Lalín. Agora, a Biblioteca da USC garante a conservación e difusión destes documentos.
A compañía Viravolta títeres fixo entrega das coleccións de carteis e folletos que formaron parte da Biblioteca do Museo Galego da Marioneta á Biblioteca da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. A directora da Biblioteca, Lourdes Pérez González agradeceu a doazón e expresou a súa disposición a acoller o resto de fondos desa Biblioteca.
Esta acollida asegura a conservación e difusión destes documentos que contan a arte dos títeres en todo o mundo e dos que forman parte gran cantidade de mostras do que foi a historia dos títeres en Galicia no último cuarto do século XX.
En maio de 2019, o Museo Galego da Marioneta, tras dezaoito anos de actividade, anunciaba o seu peche definitivo a través dun comunicado. Os seus fondos incluían coleccións tradicionais chegadas dende países como Chequia ou Bélxica, pezas facilitadas por compañías galegas como Cachirulo, Tanxarina, Os Monicreques de Kukas, Artello Teatro alla Scala, Trécola, e de pezas históricas vinculadas a Barriga Verde. Ademais, o Museo contaba cunha biblioteca con máis de 3.700 volumes, o cal –xunto ao seu fondo expositivo– convertían o centro “nun espazo referencial para fomentar o desfrute, a investigación e a recuperación da arte da marioneta”.
Viravolta Títeres, compañía iniciadora do proxecto, achácoulle ao Concello de Lalín demoras nos prazos, incumprimentos e falta de comunicación que non axudaron á supervivencia do Museo. A compañía lembrou que o Museo Galego da Marioneta se fundou en 2001 pola vontade desta compañía e do Concello de Lalín para dotar ao municipio dun espazo para amosar non só a súa colección de marionetas, senón un conxunto expositivo de gran valor histórico e etnográfico que se armou nestes anos a través de doazóns e depósitos até superar as máis de trescentas pezas.