in

Pecha o Museo da Marioneta de Lalín

MuseoGalegoMarioneta |
Un comunicado a través das redes anunciaba onte a fin dun proxecto que non conseguiu cobertura legal para consolidarse, malia a vontade das partes por institucionalizar o Museo.
| Manuel Xestoso |

 

Tras dezaoito anos de actividade, o Museo da Marioneta de Lalín anunciou onte o seu peche. A exposición “Marionetas do mundo. Un mundo de marionetas” na Sala de Exposicións do Multiúsos da Xunqueira, dentro do Festival de Títeres de Redondela, serve como epitafio a máis de dezaoito anos de actividade nos que as institucións non foron quen de dar resposta á necesidade de consolidar un proxecto que convertía a capital do Deza nun referente do teatro de monicreques.

Un comunicado a traves das redes sociais anunciaba onte a fin do proxecto: “O Museo Galego da Marioneta foi unha entidade que tivo como obxectivo recuperar, mostrar e fomentar o goce, a investigación e o estudo da arte das marionetas para construír unha obra colectiva. Un obxectivo que non se logra sen o fenómeno da transmisión. A exposición de parte dos seus fondos no XX FIT Redondela, ao que convidamos a asistir, pon fin ó proxecto”, rezaba o texto.

Publicidade

En conversa coa erregueté, Anxo García Fernández –de Viravolta Títeres, verdadeiros artífices do proxecto– declaraba que a decisión era “extremadamente difícil” de tomar, pero que a loita legal por conseguir unha certa estabilidade estaba afectando á actividade da compañía sen que houbese visos de conseguir a ansiada axuda para a consolidación do Museo como tal.

“Cónstanos a boa vontade do Concello, pero existe un labirinto legal que non permite atopar unha fórmula que satisfaga as esixencias dunha lei pensada para grandes empresas”. A falta de axudas abocou ao Museo a permanecer sen actividade, sen persoal que o atendese e sen un encargado que xestionase unha biblioteca que contaba con máis de catro mil entradas. “Mesmo se propuxo un concurso público para a xestión do museo, pero nunca chegou a realizarse”, indica.

O Museo xa permanecera pechado de 2010 a 2014 polos mesmos motivos, e reabrira en Liñares baixo a promesa dunha solución rápida. Non obstante, a comisión de seguimento do proxecto só se reuniu unha vez nestes catro anos e, malia que se abordou como se puido o traballo de catalogación de fondos, as xestións nunca chegaron a un bo fin: “nunca se deu o paso definitivo que permitise darlle unha entidade institucional”.

Dende Viravolta insístese no paradoxo de que un proxecto voluntarista que parte do asociacionismo e que beneficia á sociedade non conte cun apoio institucional e que teña que se enfrontar cunha lexislación que non só non facilita que este tipo de ideas saia adiante, senón que pon todo tipo de trabas para a súa realización. “Nin sequera se puideron doar os fondos ao pobo de Lalín por falta de cobertura legal”.

Agora, di García Fernandez, os fondos que pertencen a VIravolta serán empaquetados “nas mellores condicións posibles”, igual que os libros, catálogos, revistas e outros ítems pertencentes á biblioteca, “pero sen posibilidade de que sexan vistos nin consultados”. A outra parte dos fondos, cedidos por diferentes entidades, terán diferentes destinos segundo a decisión que tomen os propietarios despois de ser consultados.

O comunicado de Viravolta remata con ” a nosa eterna gratitude e agarimo a todas e todos os que fixeron posible  – mentres durou-  un proxecto tan fermoso e ilusionante”.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Colonia |

Dúas obras do FITEI en Viana do Castelo

Xavier Lama |

Xavier Lama recibe este xoves en Brión o I Premio Laudamuco