in

Carlos Alonso: “Quen se dedica a poñer en pé espectáculos sobre o que nos rodea ten que desenvolver un sentido absoluto da observación”

Carlos Alonso
Foto de Marcos Canosa

Escenógrafo e vestiarista de ampla traxectoria, Carlos Alonso é ante todo un creador de ambientes para a escena e para a vida. Gañador de once premios María Casares e recoñecido con galardóns como o Premio de Honra da MIT, o creador vigués recibiu neste 2020 o Xograr de Outono no marco do Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo. Aproveitamos a ocasión para coñecer un pouco máis sobre a súa forma de entender o oficio e compartir algunhas das súas ferramentas esenciais: observar e deambular.

 

Escenógrafo, vestiarista, activista teatral… Como se define Carlos Alonso?

Eu dedícome a deseñar espazos escénicos e vestiarios para espectáculos e, a partir de aí, as definicións véñenme dadas. Agora ben, para min o teatro é un todo que me axuda a entenderme e a entender o mundo: tanto o teatro como o real, se é que existe algunha diferenza entre eles xa que a estas alturas xa non o teño nada claro. Por iso, gústame moito a expresión activista teatral que é unha maneira de vivir a miña relación co mundo do teatro ou, polo menos, cos grupos e as compañías coas que traballo e así desenvolver unha forma de facer máis directa e intensa desde as diferentes áreas que se dan en todas as producións escénicas. En definitiva, para min o teatro é unha forma máis de vivir a miña vida.

Afirma que desde neno sentiu atracción polo mundo das feiras e das festas populares. Hai algunha imaxe da súa infancia que determinase esta escolla vital de dedicarse ao mundo da escena?

Posiblemente, a todos os cativos lles quedan gravadas na súa imaxinación soños e imaxes da súa infancia e algunhas duran toda a vida. Non creo que esas imaxes determinaran o feito de que eu me dedique ás artes escénicas pero o certo é que desde moi cativo me sentín atraído polos mundos máxicos e fascinantes das atraccións de feira, dos “caballitos”, os teatriños e demais cachivaches que montaban nas festas parroquiais. Tanto era así que os xogos que inventabamos tiñan que ver coa maxia dese mundo. E faciámolos con todo tipo de materiais: canas, paus, pedras… e así construíamos todo o ambiente festeiro e circense. De feito, o meu primeiro “figurino” foi un debuxo feito cun pau na terra dunha noiva cunha gran cola de tul e tacóns que, para un rapaz de seis anos, non estaba nada mal. Aínda hoxe, aquela noiva aínda mo recorda desde o seu papel de avoa. Co tempo, o meu compañeiro de xogos -que era o meu irmán- e mais eu dedicámonos a deseñar e a realizar xoguetes de madeira que vendiamos en feiras de artesanía inspirados nese mundo que tanto nos fascinaba.

O paso pola construción naval é un compoñente importante na súa formación. Como afectou esa experiencia no seu desenvolvemento como escenógrafo?

Eu diferencio pouco a miña formación como escenógrafo ou calquera outra actividade coa miña formación como persoa. Para min todo é o mesmo. Creo que todo o que fun facendo na vida me trouxo directamente ata aquí. En todo caso, o meu paso pola construción naval serviume para aprender técnicas de montaxe e a manexar ferramentas que hoxe utilizo nos meus traballos. Creo que o máis interesante desa época foi contactar e militar no movemento obreiro –e así non esquecer quen son nin de onde veño- que naquel momento estaba moi activo e moi reivindicativo.

Despois de catro décadas dedicado a este oficio con traballos como Rio Bravo’02, Xardín Suspenso ou Unha primavera para Aldara -por sinalar algúns dos premiados-, podería indicar cales son as fases do seu proceso creativo?

Un vaise adaptando ás necesidades de cada proxecto, que non sempre son as mesmas. Aínda así creo que hai dúas etapas básicas e diferentes á hora de poñer en marcha un novo traballo. A primeira parte é quizais a máis importante pois é o momento das conversas, dos cambios de impresións cos membros do equipo responsable, da documentación e da liña conceptual a seguir. É o momento de definir todos os elementos estéticos e prácticos. Despois de todo iso, a min gústame tomarme “o meu tempo” para repousar e e meditar todos os elementos que me darán a clave da idea e o deseño final. É un momento delicioso e delicadísimo. E despois deste in crescendo chega o momento da realización que ten moitas variantes e posibilidades. Eu disfruto moi a realización dos meus traballos. Talvez o único “pero” que ten este proceso e que afecta a todos os implicados na produción é o elemento “tempo” xa que nunca é suficiente. Iso é algo que todos os que nos dedicamos a isto sabemos.

En moitas ocasións fala de deambular como acto artístico e de formación, como aplica esa idea da deambulación no seu traballo?

Deambular é unha forma de observalo todo, é unha necesidade que ten un de sentirse libre e responsable de si mesmo. Creo que se un se dedica a poñer en pé espectáculos que, dunha maneira ou outra, teñen que ver co mundo que nos rodea, o mínimo que pode facer é desenvolver o sentido da observación; observar absolutamente todo. Nunha rúa calquera temos tal cantidade de datos, signos, símbolos e iconas de todo tipo que, desde logo, esa é a fonte máis rápida e directa de documentación. Por outra parte, o deambular ten relación co paseo e a meditación: dúas cousas que eu disfruto moito. Creo que solucionei así moitos dos meus traballos: paseando e deambulando.

Confesa ter unha gran afección por coleccionar materiais, polo cinema ou a lectura. Cales son os referentes que ten na cabeza Carlos Alonso?

Os referentes veñen de moitos sitios e de moi distintas procedencias. Un vai relacionándose e relacionando todo o que sucede o seu arredor. As influencias veñen de todo tipo de lecturas, libros, revistas, periódicos. Do cinema, da música, das montaxes teatrais de outros, da danza, da banda deseñada, das instalacións artísticas. En definitiva, da arte e da vida. Tamén das conversas cos compañeiros porque a verdade é que eu boto man de todo o que atopo no camiño. Mesmo sen internet un pódese documentar e “influenciar”.


Publicidade

No que respecta ao traballo co espazo escénico, que tipos de profesionais da escenografía distingue e con cales se identifica?

Máis que identificarme con escenógrafos ou escenografías, creo que me identifico con formas e maneiras de traballar o espazo escénico. A min pódeme namorar un traballo bucólico-pastoril de panos pintados e recortables (o mundo infantil e de barracón de feira) e tamén un decorado costumbrista cun ambiente naturalista e de realidade como de fotografía antiga absolutamente encantador … E sen ningún tipo de problema pasar rapidamente a un espazo minimalista con toda a parafernalia das novas tecnoloxías. Quero dicir con isto que un escenógrafo, ao meu entender, o que te que facer é manexar todo tipo de datos e coñecementos históricos e de todo tipo de estilos, épocas, modas, tendencias… e utilizalos para crear e solucionar os seus propios traballos. Na escena actual hai tempo que se romperon todas as regras estéticas e existe unha cantidade infinita de enfocar un traballo escénico. O mundo da arte contemporánea ofrece conceptualmente moitas maneiras de entender e solucionar as artes performativas.

Na súa traxectoria hai propostas diversas para espazos e estruturas moi diferentes, en que modo influíu o feito de traballar en Galicia?

As diferenzas das propostas penso que veñen dadas pola colaboración con moitos grupos e compañías que enfocan os seus traballos de maneiras e estilos moi variados. A verdade é que traballar en proxectos moi diferentes deume a posibilidade de investigar mundos e técnicas que me axudaron e me axudan a atopar fórmulas e solucións artísticas e conceptuais que me serven para seguir aprendendo e avanzando. En canto á influencia do feito de traballar en Galicia, máis alá da cuestión política e lingüística, estaría a certa precariedade na que todos aprendemos a movernos e a solucionar con imaxinación alí onde non chega o orzamento.

Ademais de escenógrafo é vestiarista cun amplo abano de espectáculos entre os que se atopan propostas como Fausto, de Teatro de Ningures; a Ultranoite ao país dos ananos, de Chévere; Trogloditas, de Tanxarina; A ópera dos tres reás, do CDG ou Arnoia, Arnoia, de Pistacatro. Cal é o principal reto da creación de vestiario?

O deseño de vestiario paréceme un traballo fermoso pero moi delicado que sempre me produce unha certa “vertixe”. É un traballo que te pon en contacto co corpo dos actores e as actrices, co que iso supón de íntimo e intimidante. A min o vestiario permíteme tamén traballar co volume e sobre todo co mundo da cor e as tonalidades que ás veces me serve para rematar unha posta en escena. Por outra parte, hai certo tipo de vestiarios que che permiten unha gran liberdade de creación e que permiten a posibilidade de lucir e lucirse. Talvez o contratempo máis grave sexa a falta de persoal especializado para a súa realización. Así como na realización escenográfica se creou unha infraestrutura empresarial importante, no apartado de vestiario é máis difícil encontrar persoas que se fagan cargo da súa realización.

Cales son as características que destacaría da súa forma de facer?

Non sei moi ben si teño unha forma de facer ou teño moitas maneiras de enfrontarme a os proxectos nos que participo. Cada traballo esta suxeito a unha grande variedades de elementos que o fan diferente a todos os demais e un desenvolve certa técnica de improvisación que acaba por formar parte de súa forma de facer. De todas formas hai unha maneira de traballar que eu disfruto moito que é a de facerme cargo de todo o proceso de produción dos meus proxectos, incluída a realización.

Despois de máis de 40 anos traballando no teatro galego, como valora a evolución do seu oficio en Galicia?

Cando estas involucrado no día a día nunha actividade non es consciente do paso do tempo, nin nas diferenzas e evolucións que están a suceder ao teu arredor. Pero esa evolución fórona marcando a propia dinámica das compañías e as persoas que as forman. A sensación que teño é que hai un colectivo importante creando e facendo espectáculos de referencia a nivel internacional a pesar dunha administración preguiceira e unha política pobre de espírito e iso crea unha situación precaria que as compañías resolven da mellor maneira posible. E aínda así, continúan poñendo en pé espectáculos ben interesantes.

E pensando no horizonte, que lle apetecería facer nun futuro inmediato?

Como o futuro non da chegado (cousa que me chama moito a atención) case prefiro dicir o que me apetece aquí e agora xa! En realidade interésame o de sempre: seguir colaborando en proxectos teatrais para seguir aprendendo un chisco máis e poder vivir no futuro, ou sexa, o día a día.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Raul Dans

Positivas publica ‘Só un home bo’, de Raúl Dans

Marta Núñez | Programadora VigoCultura

Marta Núñez: “Unha administración non pode buscar rendibilidade na programación cultural porque é un deber e un dereito para todos e todas”