in

Carme Varela gaña o Premio Álvaro Cunqueiro e Esther F. Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns, os Barriga Verde para monicreques

Carme Varela, Esther Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns
Carme Varela, Esther Carrodeguas e Carlos Losada-Galiñáns
‘As desterradas’, ‘República Sideral’ e ‘Pois eu!’ son as obras premiadas; mentres que o XI Premio Manuel María de literatura dramática infantil declarouse deserto.

 

Carme Varela obtivo coa peza As desterradas o Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais na súa vixésimo quinta edición. O xurado dos premios literarios, convocados bienalmente a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), outorgou tamén o XIV Barriga Verde de textos para teatro de monicreques nas súas modalidades para adultos e para rapaces a Esther F. Carrodeguas por República Sideral e a Carlos Losada-Galiñáns por Pois eu!, respectivamente. O XI Manuel María de literatura dramática infantil foi declarado deserto non só pola escasa calidade dos orixinais, senón tamén pola pouca adecuación ás características do premio.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade incrementou nesta edición ata os 8000 euros a dotación económica para a obra gañadora do Álvaro Cunqueiro, mentes que os outros dous galardoados recibirán 6000 euros en cada caso. Ademais, as bases destes certames contemplan a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións literarias que a Xunta mantén xunto con varias editoriais galegas.

Publicidade

 

AS OBRAS

As desterradas de Carme Varela (Duomes de Arriba, A Baña, 1970) conta os últimos días do mosteiro de monxas bieitas de San Salvador de Albeos, no actual concello de Crecente, adentrándose no enfrontamento entre a Coroa de Castela e os mosteiros bieitos de Galicia desde o punto de vista das perdedoras desta batalla desigual. Resalta o xurado sobre esta peza o “traballo requintado de preocupación estilística, a súa boa estrutura e a interesante construción dos personaxes que, detrás dunha aparente sinxeleza, amosan unha profundidade psicolóxica que individualiza os conflitos, ao tempo que proporciona unha perspectiva coral dos acontecementos”.

Esther F. Carrodeguas (Rianxo, 1979) acadou o Barriga Verde na modalidade de adultos con República Sideral, unha farsa esperpéntica con inspiración histórica: a declaración da República Federal Independente da Illa de Arousa durante unhas horas entre o 7 e o 8 de outubro de 1934. O ditamen do xurado salienta o humor e boa caracterización dos personaxes neste texto, así como a ade “potencialidescénica […], cunha estrutura sólida, dinámicas moi áxiles […] e réplicas sinxelas mais mordaces”.

O Barriga Verde na modalidade infantil foi para Carlos Losada-Galiñáns (Cambados, 1966) coa peza Pois eu!, unha proposta metateatral cunha estrutura complexa pero coherente, da que o xurado valora “a calidade da escrita dramática, na que os monicreques son os verdadeiros protagonistas, e o tema central reflicte a súa capacidade para levar adiante unha ficción teatral mediante o xogo escénico imaxinativo e eficaz coas convencións e a súa relación tanto co personaxe que dirixe coma co público”.

 

O XURADO
Nesta edición, o xurado estivo presidido por Fefa Noia e del formaron parte como vogais Carmen Armesto, Carlos Biscaínho, Paula Carballeira (gañadora da última edición do Premio Manuel María), AveLina Pérez (gañadora da última edición do Premio Álvaro Cunqueiro) e Larraitz Urruzola. Para a emisión do seu ditame, valoraron os 107 textos presentados, dos que 50 optaban ao Álvaro Cunqueiro, 22 ao Manuel María e 35 ao Barriga Verde (20 na modalidade infantil e 15 na de adultos).

 

Consulta a acta dos premios

Publicidade

 

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

In anima vil

In Anima Vil

2020 Xorn Lit Dram 110x110 1 |

V Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG