in

O Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual consolídase na terceira edición

Certame Nova Dramaturxia Galega Actual de Feira do Leste

Coa terceira edición, o Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual consolidase como unha importante cita para a dramaturxia galega. O proxecto editorial da compañía Feira do Leste, permitiu a publicación das obras de 6 autores galegos nos últimos tres anos. O prazo de presentación é do 7 de xaneiro ao 26 de marzo de 2021 e o premio consta da edición impresa da obra gañadora.

 

A compañía viguesa Feira do Leste vén de publicar as bases da terceira edición do Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual. Un proxecto que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas.

Segundo a compañía, a aparición de novos dramaturgos con ampla formación e con linguaxes innovadoras para o panorama teatral galego, está a consolidar unha nova xeración de autores recoñecidos dentro e fora da nosa comunidade, que deben enfrontar graves eivas no eido da publicación e difusión da súas creacións.


Publicidade

Na pasada edición, a obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega de Fernando Castro Paredes resultou finalista; anteriormente, o xornalista Miguel Sande  acadou o premio con A enterradora (blogue). Ambas obras publicadas por Á Feira Edicións, selo creado por Feira do Leste para a publicación de novas dramaturxias. O certame conta co apoio da Deputación de Pontevedra.


BASES

  1. Poderán concorrer ao Certame todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega ou que a lingua maioritaria sexa o galego.
  2. As OBRAS serán de temática e extensión libre. E nelas deberá procurarase o bo uso da lingua galega. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
  3. O PREMIO consta da edición e publicación da obra gañadora dentro dun volume xunto con outras pezas de dramaturgos galegos actuais. Así mesmo, o gañador recibirá 10 exemplares da obra como compensación dos dereitos de autor. Poderase outorgar o premio a varias obras ou autores se así o estima o xurado e a organización.
  4. O PRAZO de presentación de orixinais comeza o 7 de xaneiro de 2021 e remata o 26 de marzo de 2021 ás 23:59h.
  5. O ENVÍO das obras farase exclusivamente a través do formulario de inscrición da páxina web oficial do certame ou mediante o correo electrónico [email protected]. Enviaranse dous arquivos: un coa obra (con título e lema) e a plica (no que constará o nome e apelidos do autor, lema, título e breve sinopse da obra, teléfono e email).
  6. O XURADO estará conformado por profesionais do teatro e do mundo da cultura e prestarán especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas. A elección das obras será anónima.
  7. Os orixinais non premiados serán destruídos.
  8. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame.
  9. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.

 

Para máis información, consulta a páxina web do Certame.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mapa | Colectivo Glovo

Mapa

Programación teatral en Lugo

Lugo presenta a programación escénica de 2021