in

Fran Sieira estrea ‘DeMente’ en Cangas polo Día Internacional da Danza

Demente de Fran Sieira
DeMente, de Fran Sieira

A compañía de danza presenta este xoves, 29 de abril e Día Internacional da Danza, a súa nova produción no Auditorio Municipal de Cangas co aforo completo.

DeMente, da compañía de danza Fran Sieira, estréase mañá xoves 29 de abril, Día Internacional da Danza, no Auditorio Muncipal de Cangas do Morrazo. A peza é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto, cunha duración de 60 minutos. DeMente conta cun elenco artístico de oito bailadoras e bailadores: Artur Puga, Adela Otero, André Adrio, Patricia Sánchez, Daniel Rodríguez, Martín Mondragón, Xisco Feijoó, o propio Fran Sieira e Aida Tarrío, cantante do grupo Tanxugueiras.

O equipo artístico de DeMente complétase co músico multidisciplinar Cristian Silva Bóveda, o escenógrafo e vestiarista Carlos Alonso e o iluminador Fidel Vázquez Díaz. A parte máis física e a estética contemporánea da peza preséntase a través dos ollos da bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque, que actúa como directora artística da peza.

DeMente

En DeMente plasmaremos unha realidade,  un estigma,  unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento da súa vida unha de cada catro persoas.   A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”…

Deste xeito, amosaremos en escena a evolución dos tratamentos en persoas que padecen trastornos mentais, dende os amoreamentos practicamente carcerarios ata a externalización dos nosos días.  Por que as doenzas mentais nos dan certo medo? Por que coloquialmente utilizamos expresións como “estás para encerrar”, “estás para atar”, “estás tolo”? Pensamos que unha solución para o “tolo” ou a “tola” ten que ser o encerro ou sufrir algún tipo de contención mecánica ou química?

É necesaria a integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma. Estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena. Como se dicía nunha carta dunha persoa “demente” ao director do Manicomio de Conxo nos anos 40: “no son los pobres locos reconocidos los que hacen daño al planeta, sino los grandes locos por reconocer”.


Publicidade

Exemplificaremos algunhas destas doenzas e tamén o trauma que supoñen: “Nunca tratei cun paciente con esquizofrenia cunha vida que, tal e como a experimentou o paciente, non me volvera tolo a min ou a calquera.” (Bertram P. Karon).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Teatro-teatro

O teatro-teatro

CDG e ESAD de Galicia CDGlab

Nace CDGLab, espazo de formación para o alumnado de arte dramática