in

O teatro-teatro

Teatro-teatro

Aínda eran tempos da estraña e antiga realidade cando atopei cun termo que me atravesou o cerebro de lado a lado. Estupefacto estaba cando escoitei esas palabras. Fago unha dramatización da situación:

– Ola, quería falar do meu espectáculo.

– Non, grazas. Aquí unicamente programamos teatro-teatro.

Maldito sexa o teatro-teatro!

Que era iso? Que era ese concepto que me estaba a deixar sen traballo? Estaba enfadado.

Era o teatro-teatro un teatro metateatral? Un teatro encima doutro teatro? Un teatro só ao alcance duns poucos escollidos? Era un termo elitista, clasista ou surrealista?

Segundo expertos, o teatro xa sucede cando alguén fai unha acción e outra persoa o observa. Unha aproximación ao feito teatral bastante científica e que lembra a estas partículas que soamente aparecen cando están sendo observadas. Quere isto dicir que se alguén fai teatro ante un auditorio baleiro xa non é teatro? E se alguén está a observar agochado… conta ou non?

Require o teatro-teatro un número superior de observadores para ser considerado como tal? Pode evolucionar? Pode chegar a ser Teatro con maiúsculas? Un teatro ultraobservado que se converte en algo máis. Deixa atrás a fase substantiva e adéntrase no campo superior dos nomes propios.


Publicidade

O Teatro, orgulloso e presumido, mide a súa existencia na forza dos aplausos e nas palabras amables dos seus observadores. Tal vez, chegado un punto, poida deixar de necesitar loanzas e pasar directamente a ser nome propio sen necesidade de nada máis. Teatro feito a si mesmo e que vive á marxe da recepción do público, das necesidades económicas e das cuestións propias das artes escénicas e a realidade. Un teatro monárquico.

É entón o teatro-teatro o requirimento de alguén que desexa e suspira por un teatro auto-proclamado, de grandes dimensións, soliloquios en pentámetro iámbico e moitos intérpretes?

Supoño que, no fondo, referirse ao teatro con esta expresión, inclúe ter unha idea bastante despectiva do teatro pequeno, do teatro de mínimos que entra no coche e fai estrada para chegar a onde pode.

A estrada fai o teatreiro. É esta unha relación de amor por un estilo de vida e por unha expresión artística de esencia xenerosa. O teatro para a xente, que chega onde pode e atrapa coa súa honestidade, distrae uns minutos do aleatorio da realidade somérxete noutro mundo.

Achegarse ao teatro de a pé é necesario para comprender que a loita contra os prexuízos é diaria. Especialmente se os teus valores se basean na diferenza de clases ou no tamaño das cousas.

Eu fago teatro de coche. Son experto en cargar e descargar as cousas. En resolver crebacabezas imposibles cos trastes e de ir a sitios que malamente saen nos mapas. De perder diñeiro por unha función porque é máis importante facela que quedar na casa. E estou orgulloso diso, de todas esas funcións estrañas, de todas esas aventuras.

E por iso sei que o teatro-teatro de clase obreira é necesario. E cada día máis.

Pablo Carrera Simón

Pablo Carrera Simón

(Vigo, 1991) Master en Artes Escénicas polo Instituto de la Danza Alicia Alonso & URJC. Graduado en Interpretación Textual e Dramaturxia pola ESAD de Galicia. É un dos fundadores da Asociación Galega de Commedia dell'Arte. Actor, docente e condutor de furgonetas, o que sexa necesario. As palabras fante conservador ou revolucionario. E nesas andamos.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Pink Unicorns

Pink Unicorns

Demente de Fran Sieira

Fran Sieira estrea ‘DeMente’ en Cangas polo Día Internacional da Danza