in

Pink Unicorns

Pink Unicorns
Imaxe de Elena Álvarez

Voando con papá

Tiven a oportunidade de ver Pink Unicorns na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia do ano pasado, dentro da serie de espectáculos de rúa que ofrece a programación, e xa daquela devecín pola oportunidade de ver o mesmo espectáculo nun recinto pechado, imaxinando como sería este co xogo de luces, a música dirixida, o efecto da concentración.

Non é algo tan estraño, xa que estes “unicornios rosas” veñen danzando polo mundo dende a súa estrea, no Theater im Pumpenhaus de Münster (Alemania), no 2018 e ata hoxe. Así que no momento que souben que viñan a Vigo, non perdín a oportunidade de ilos ver.

Pasado o tempo, o espectáculo segue a ser impresionante e conmovedor. Impresiona tanto como conmove o feito de partida desta peza de baile a dous: un pai que quere bailar co seu fillo de 14 anos no escenario.

O reto non era pequeno. Primeiro porque un dos participantes da peza non é bailarín profesional, malia que teña mamado a danza dende neno, no seu entorno. Segundo porque a súa parella de baile non ía ser outro máis que o seu pai (Alexis Fernández), que si é bailarín profesional dende hai moitos anos e cunha traxectoria profesional a nivel internacional. Terceiro, porque no escenario aparecen xusto como pai e como fillo, presentándose a si mesmos e representando, ao tempo, a tódolos pais e a tódolos fillos.

Probablemente a xénese do espectáculo sexa máis dende o persoal que pensando na súa dimensión social, mais unha vez enriba do escenario, é imposible non ver nese pai que baila co seu fillo adolescente, que se relaciona e ten conflito con el, a un outro pai (se cadra o noso mesmo) e a un outro fillo (se cadra un mesmo).

Porque, malia que Alexis e Paulo Fernández (o fillo) bailan a súa relación de pai/fillo, os seus conflitos transcenden o particular e chegan a todxs nós. É o que acontece cando falas dende a túa verdade: que falas en realidade para tódalas verdades.

La Macana, compañía de danza galega conformada por Alexis Fernández e Caterina Varela, ten unha longa traxectoria de espectáculos dende a súa creación no ano 2009. Nesta montaxe participa o fillo de Alexis, Paulo, quen, ademais de amosar unha presenza escénica contundente e unha enerxía inesgotábel, participa da creación da peza aportando as súas propias vivencias, o seu punto de vista irremediablemente adolescente. Irresistiblemente adolescente.


Publicidade

É un dos puntos fortes do espectáculo, sen dúbida, e por moitos motivos. Non é doado poder ver o conflito da adolescencia en escena, e menos contado por alguén que o está a vivir. Esa circunstancia aporta ademais unha frescura propia da idade mesma. Frescura que abonda, por outra banda, na primicia dun novo bailarín que non baila senón a súa vida. E onde a baila? Co seu pai.

O pai é a parte inseparábel, a parella perfecta. Certo que Alexis non é un pai, digamos, típico. Mais dun/hx de nós quixeramos ter un pai bailarín, xa te digo. Alén desa circunstancia, Alexis semella estar moi preto do universo do seu fillo: hai unha mirada aberta, atenta, interesada polo que Paulo ten que dicir. Unha mirada amiga e amable. E algo de adolescente, tamén. Mais, con todo, tamén está o conflito universal: o enfrontamento pai/fillo. Un enfrontamento que vivimos tódolos pais e tódolos fillos, e no que nace o conflito entre os homes e coa masculinidade mesma.

O baile é comunicación e tamén enfrontamento. É comuñón, é duelo. Rivalidade e acompañamento. Soporte, competición. Son os extremos polos que transita o espectáculo, percorrendo a relación de familia, mais centrada nos homes da mesma: a mirada posta no exemplo, no que chegar a ser ou non ser; a mirada que observa medrar aquilo que trouxo ao mundo, con tanto medo como amor.

Así, Pink Unicorns ofrécenos a oportunidade única de achegarnos á súa intimidade, salpicada de divertimentos (a broma adolescente, o irremediable pique polos conflitos do cotiá) mais tamén de medos (onde a figura do pai toma o mando, como debe ser para quen ten o rol de guía no camiño que o fillo está a descubrir) e, dende logo, de enfrontamentos (de forza, de temeridade, de resistencia). Unha das imaxes que fican gravadas na miña retina é xa ese intre no que o pai, derrotado polo cansazo, observa ao seu fillo bailar un baile esperpéntico de puro esgotamento, pero que dura ate o infinito por non ser quen de parar, somerxido nunha enerxía infinita que é incapaz de controlar. Unha mirada serena, que observa dende a sabedoría da experiencia e dende o permiso ao outro de explorar e experimentar, de vivir. Unha mirada chea de coidado.

Pink Unicorns é un espectáculo inesquecíbel, impresionante e conmovedor, por moitos motivos. Se cadra, o máis importante de todos, por amosar a posibilidade de bailar cos pais que no mundo teñen sido.

Pink Unicorns, La Macana

Dirección Artística: Caterina Varela, Samir Akika e Alexis Fernández
Intérpretes: Alexis Fernández e Paulo Fernández
Deseño de espazo: Tilo Schereieck
Deseño de Iluminación: Afonso Castro
Dirección de Produción: Caterina Varela
Produción de La Macana en coprodución coa AGADIC e as residencias do Theater im Pumpenhaus e o Theater Bremen

 

Auditorio Municipal de Vigo. 23 de abril de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Dramawalker Vite

Composto o equipo de escrita das pezas do ‘Dramawalker Vite’ de Chévere

Teatro-teatro

O teatro-teatro