in

Coa súa mirada

Mirada
A cosmonauta soviética Valentina Tereshkova | ITAR-TASS Photo Agency

“Cando por fin abriu os ollos, Valentina mirou a través da fiestra e maquinou ‘era isto sentirse insignificante flotando no baleiro… Agora comprendo a humanidade'”.

Tereshkova, a afouta cosmonauta rusa, experimentaba un cambio importante na súa concepción do mundo, na súa perspectiva, o que se coñece como Overview Effect. E iso é o que sucede cando a mirada externa localiza o momento, cando aparece a escena.

Lonxe de ser cosmonautas, as persoas que nos adicamos ao teatro en xeral coñecemos polo miúdo a humanidade, nas súas miserias e nos seus praceres. E se adestramos a mirada externa, que non é máis que afinar a prospectiva, é dicir, ser quen de implantar con éxito a improvisación que sucede nos ensaios cara á linguaxe escénica final, acurtamos o camiño entre o que visualizamos e o resultado final.

As actrices e os actores, pola contra, teñen neste senso outra problemática: a de ser elas mesmas, co seu corpo e a súa voz, a propia obra de arte, o que fai difícil analizar con exactitude o que fan, sen deixarse levar pola voz interior, que adoita acomplexarnos e non axuda na meirande parte do tempo. Iso, ou alimentar o ego, o amigo que endexamais poñemos en xexún (practicamente ninguén), non só as persoas que nos adicamos ao teatro, senón a humanidade en plano xeral. Máis alá do plano xeral, en plano cósmico, en plan non ser quen de entender a fraxilidade do planeta Terra. Pensando, se cadra, non sería mala idea que a Seguridade Social obrigse a orbitar a determinadas persoas que semellan non entender que non hai planeta B; e, de paso, sempre está a opción de que teñan difícil o seu regreso, como lle pasou anos despois a Krikaliov, compañeiro de traballo de Valentina.

A mirada de dirección, que moitas veces, cando nos sabemos intrusos, escoitamos:

– Non, eu non dirixo, só vexo dende fóra e digo cousas.


Publicidade

– Vale, meu! Pois precisas saber, que adestrar esa mirada custa un mundo (nunca mellor dito). Son horas de ensaios e montaxes que non rematas de pechar ben.

E, se non, que llo pregunten aos actores e actrices. Cal é a diferenza entre improvisar durante moito tempo cunha persoa que mira (creo que aquí o correcto é ver, pero son da zona de Vigo, non podo sabelo!) e outra que ve? Pois a diferenza é que a primeira solta un roio que adoita ser longo e fai referencia á súa impresión e gustos sobre o tema e a actriz/actor. Mentres que a segunda, a profesional, no intre no que ollaba, cortou, seleccionou e colocou na escena a través da prospectiva, a iluminación e o espazo sonoro pertinente, por exemplo. E iso son moitas horas de traballo, de papo ou de autoestima, segundo a categoría profesional na que se adscriban.

Non podo rematar o artigo arredor da mirada na dirección sen falar do triángulo bizarro completo para que se peche o círculo teatral: a distribución.

Está ben saber que hai miradas teatrais incómodas para as persoas que programan, que non se atreven co diferente e co politicamente incorrecto e diverso. Pois ben, esas miradas insurxentes son as que alimentan o avance e que saiba, quen teña a responsabilidade de programar, que deberían ser homes e mulleres afoutas, como o foi Valentina Tereshkova, e atreverse a ver pola fiestra á humanidade, programando o distinto; sen camiñar coa canga política da expresión coa sua mirada, frase que se fixo coñecida a través do Conto da criada de Margaret Atwood, e que vén a dicir co seu permiso. Programo co permiso do político de quenda, ou programo co permiso do meu público. Pero o público deixámolo mellor para outra Irreverencia, xa que ben merece un artigo completo.

Mais con todo isto, non deixen de ir aos teatros. Vexan e, tamén, miren. E, sobre todo, non pidan permiso!

Irene Moreira

Irene Moreira

(Vigo, 1980) Directora de escena e profesora de arte dramática. Actualmente dirixe a compañía teatral Xerpo, e, xunto con Álex Sobrino, fundou a Sala Ingrávida (Porriño), da que foi responsable de programación. Imparte docencia na ESAD de Galicia, traballo que combina co podcast 'Radio Ingrávida' e a experimentación co novo teatro confinado.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Distancia e proxemia

Distancia social vs. Distancia sanitaria

Julio Fernández

Espazo Meraki: obradoiros de artes escénicas e actos culturais en Pontevedra