in

Distancia social vs. Distancia sanitaria

Distancia e proxemia
Sheridan Theatre, Edward Hopper (1937)

Estamos nuns tempos controvertidos. Veu unha epidemia global, unha pandemia. Trouxo consigo unha crise. As crises son ou deberan ser puntos de non retorno, puntos de inflexión. As crises adoitan xerar mudanzas. A arte do drama, sen ir máis lonxe, fundaméntase non só na mímese, tomada como imitación, representación ou evocación a través da acción das nosas historias, senón tamén sobre a crise. O conflito dramático é unha situación de desequilibrio que, necesariamente, vai procurar o equilibrio. Fisicamente, o desequilibrio, a inestabilidade produce movemento, é o motor da acción. Esta ben podería ser unha primeira relación entre as crises e a arte do drama.

Porén, aínda hai máis derivacións nas que as escénicas teñen moito a contribuír e a aprendernos en tempos controvertidos coma estes.

Na pasada edición do III Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal 2020, que organizamos desde a Sección de Literatura Dramática da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega (AELG), e que tivo que realizarse online, o poeta Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, comentou algo que segue a dar voltas no meu pensamento. Cesáreo advertía o uso manipulador que se fai das palabras, por parte dos poderes, cando se repite constantemente que debemos “manter a distancia social”. Unha cousa é a distancia sanitaria e outra cousa é a distancia social. A distancia sanitaria é aquela distancia física necesaria para que os “aerosois”, o bafo, non alcance as vías respiratorias da nosa interlocutora. A distancia social é aquela que nos illa a unhas persoas das outras.

Publicidade

É certo que na nomenclatura técnica dos estudos de proxémica, que codifican a tipoloxía das distancias físicas na interacción comunicativa, emprégase o termo “distancia social” no polo oposto a “distancia íntima”. Esta, a “íntima”, sería a de maior proximidade e implicación, cando son poucos centímetros os que separan os corpos, propiciando non só a transmisión do alento, senón tamén a comunicación a través dos olores corporais que nos identifican e mesmo da temperatura.

Non obstante, o tecnicismo “distancia social”, dos estudos de “proxémica”, difundido a nivel xeral, fóra dese ámbito restrinxido, préstase a esoutra interpretación lóxica. “Distancia social” establece aí unha idea subrepticia de illamento sen matices. Unha separación obrigada, triste e pouco saudábel.

Non obstante, as artes escénicas, a danza, o teatro, o novo circo, ofrécennos a vantaxe de reforzar os lazos comunitarios, de facernos partícipes dunha experiencia colectiva emocionante, sen necesidade de que as distancias físicas no espazo supoñan un perigo de contaxio de virus. A danza e o teatro conseguen, a través do artificio e da amplificación das presenzas en escena, xerar intimidade e conexión emotiva e afectiva sen necesidade de estarmos pegadas. De feito, por exemplo, no teatro, sempre funcionaron mellor as distancias físicas de varios metros e non a proximidade espacial. Esas distancias amplas favorecen a manipulación de efectos ópticos extraordinarios, que nos axudan a ver aquilo que nas distancias curtas e no noso día a día non nos é posible ver. Até me atrevería a afirmar que as distancias curtas, en moitos casos, implican tamén unha perspectiva curta de miras, como se adoita dicir.

Por iso, as artes escénicas son unha práctica social e comunitaria das mellores que poden existir para contrarrestar os efectos negativos de confinamentos e distancias sanitarias. Porque, sen transgredir esa distancia sanitaria necesaria en momentos coma estes, contribúen a unha aproximación afectiva comunitaria, a unha comuñón.

Conclusión: a cultura non só é segura senón que debera ser reforzada en épocas de crise (sanitaria, económica…), para contrarrestar e paliar os efectos negativos e para axudar a acadar equilibrios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Francisco A. Vidal

Francisco A. Vidal recibe o III Premio ‘Laudamuco’

Mirada

Coa súa mirada