in

Espazo Meraki: obradoiros de artes escénicas e actos culturais en Pontevedra

Julio Fernández
Julio Fernández

Este novo espazo acolle tamén actos culturais, como a presentación do libro DramaturGA 20: 11 textos breves, o venres 28 de maio, e o recital da actriz e poeta Deborah Vukusic, o 11 de xuño.

Espazo Meraki é un novo espazo cultural que abriu en Pontevedra a finais de abril. Nel, ofrécense obradoiros de artes escénicas, así como doutras disciplinas artísticas, que se combinan con actos culturais con entrada gratuíta, como presentacións de libros ou recitais poéticos.

Esta fin de semana acollerá un obradoiro de voz coa actriz e cantante María Costas: “Proxección vocal: estratexias para facer a nosa voz máis sonora dun xeito san e sostible”. Será o sábado e o domingo en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.

O venres da semana que vén, día 28, desenvolverase un obradoiro de dramaturxia co dramaturgo e editor Julio Fernández: “Camiñar > Pensar > Escribir: Obradoiro de escrita camiñada para pensar o entorno”, en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Ese mesmo día, ás 20:30, Espazo Meraki acollerá tamén a presentación de DramaturGA 20: 11 textos breves, editado por DramaturGA, a Asociación Galega de Dramaturxia, e Ediciones Invasoras, que contará coa lectura dramatizada de varios dos textos do libro. O volume, coordinado por Julio Fernández e Franciso Oti Ríos, contén textos de Ana Abad de Larriva, Afonso Becerra de Becerreá, Raquel Castro, Esther f. Carrodeguas, Julio Fernández, Fran Godón, Ernesto Is, Carlos Labraña, Francisco Oti Ríos, Noelia Toledano e Roi Vidal Ponte e constitúe unha escolma da máis recente literatura dramática contemporánea galega.


Publicidade

 Durante o mes de xuño haberá tamén actividades de diferentes disciplinas neste espazo situado na rúa Castelao, como un obradoiro coa poeta e performer Silvia Penas os días 5 e 6, “Poesía á escena: SLAM”; un recital da actriz e poeta Deborah Vukusic, o venres 11, ás 20.30 horas; un obradoiro de literatura con Camilo Franco os días 12 e 13, “De quen é o trastorno? A distancia entre ler e escribir”; un obradoiro de guión audiovisual con Xosé Castro, Pato, o 19 e o 29, “Contar unha historia / escribir un guión”; e un obradoiro de interpretación ante a cámara, de Carlos Vilariño, “A personaxe e o contexto”, os días 26 e 27.

Para solicitar información ou inscribirse nalgunha das actividades, pódese escribir a  [email protected].

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mirada

Coa súa mirada

Las dos en punto | Voaxa e Carmín

Las dos en punto