in

Las dos en punto

Las dos en punto | Voaxa e Carmín

A universalidade da dor

 

Tiven a gran sorte de ver nacer o texto, de saber como se ía perfilando, de como collía forma… e non podo deixar de abraiarme co poder da palabra unha vez posta sobre as táboas.

Falar de Esther F. Carrodeguas é falar de poesía escénica e da enorme forza que ten para levar con éxito aos teatros temas como o de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart.

Que Voaxa e Carmín, a historia das Marías de Santiago, é un texto fermoso xa o decidiu o xurado do Premio Abrente no 2015 e non vou descubrir nada novo. Tampouco imos reiterar a necesidade de dignificar a figura de dúas mulleres que sufriron os abusos dunha ditadura e que tinguiron de cor a cincenta Compostela.

Din que as comparativas son odiosas, pero compre poñer fronte a fronte a montaxe de Voaxa e Carmín, producida por Butacazero, coa que vén de dirixir Natalia Menéndez para o Teatro Español de Madrid.

O día que fun ver Las dos en punto, título da versión en castelán, o público non deixou de aplaudir e as actrices tiveron que saír a saudar unhas cinco ou seis veces. Pode parecer que o espectador madrileño é moi fervoroso e nada crítico, pero nada máis afastado da realidade.

A dirección de Menéndez é contundente e presenta ás marías dende unha interpretación máis realista que a versión máis bufonesca de Xavier Castiñeira para Butacazero. Esta decisión mantense durante toda a peza e tingue de maior dramatismo escenas como a carta que Coralia dita ao seu irmán morto e na que berra recordando as humillacións e violacións que sufriron durante a guerra. Emocioneime e case esvara pola miña cara algunha bágoa furtiva…


Publicidade

En Voaxa e Carmín, Castiñeira proxectou unha evolución tanto emocional como interpretativa das personaxes encarnadas por Belén Constenla e Mabel Rivera. Partía da máscara e da caricatura e camiñaba pola fina liña do melodrama ata chegar ao drama máis cru. Ao meu modo de ver, unha fermosa manobra que achegaba ao espectador a esas estatuas da Alameda de Santiago e as facía carne: cada vez máis humanas. Aquela versión, puña ás marías fronte a un retablo­­­ —deseñado por Kukas e con proxeccións de Roi Fernández— que as afastaba da inmensidade e da desprotección que aporta o espazo de plataformas, minimalista e inmenso, da proposta de Menéndez.

Na versión do Teatro Español, Mona Martínez e Carmen Barrantes fan unha interpretación formidable das irmás Fandiño Ricart pero a palabra fai que parezan estremeñas ou moito máis castizas. Onde está a galeguidade das marías? Habería xeito de subliñar a súa procedencia sen caer na caricatura?  O certo é que o principal valor do texto de Carrodeguas non é a historia, senón o carácter poético e o xogo de repeticións sonoras da palabra en galego. Este xogo pérdese, atreveríame a dicir que por completo, na versión castelá. É unha mágoa ver como se esvaece a sonoridade, o retrouso, o alalá… Gaña, por outra banda, en sentido e forza do subtexto pois Martínez e Barrantes enchen de significado cada silencio, cada mirada e cada palabra.

Nin a versión de Butacazero, nin a do Teatro Español —mesmo sen obviar as diferencias económicas e de recursos de produción— teñen nada que envexar unha da outra. Son propostas diferentes que subliñan a fermosura do texto de Carrodeguas, a súa sensibilidade e a súa poética rianxeira. Aínda así, sentado na butaca, divertíame pensando en como sería se as dúas versións estivesen fusionadas, como sería se Menéndez recollese a evolución de personaxes de Castiñeira, como sería escoitar unhas marías máis galegas en madrí, como sería se Maruxa e Coralia estivesen sentadas entre o público, como sería…

Na semana da estrea nas Naves del Español, lin unha desapiadada crítica feita por Ángel Esteban Monje que viña a dicir:

“Esther F. Carrodeguas, la autora, escribe: «…una gran historia de crueldad… también una historia de valentía: de coraje, de lucha, de irreverencia, de desobediencia —civil—, y de dignidad». ¿Está esto dentro de esta obra? ¿Tiene contenido esta obra? ¿Se nos pone de alguna manera en antecedentes? Más bien el relato es un retazo tan levemente simbólico y tan corriente en la expresión de su cotidianidad, que las pretensiones de la dramaturga no han pasado de su imaginación al papel.”

Tras ver Las dos en punto, só podo rexeitar estas palabras por afastadas da realidade. Podería obviar toda esa verborrea escrita por alguén que non arrisca facendo teatro pero a carraxe propia da inxustiza fai que queira recordarlle a Esteban Monje que o teatro nace para ser representado e que hai que sentar na butaca sen unha visión textocentrista e exclusivamente filolóxica. O teatro é palabra en movemento e supón un acto de rebeldía seguir poñendo sobre as táboas montaxes como Las dos en punto onde se ve claramente a desobediencia civil dunhas mulleres que foron sinaladas como tolas ata o final dos seus días, que loitaron por sobrevivir grazas á caridade, que tiveron a coraxe de seguir adiante despois de ser violentadas… Todo iso está na peza e non fai falla tirar de imaxinación, só compre sentar no patio de butacas cun ollar aberto e positivo. Grazas Carrodeguas!

Las dos en punto, Esther F. Carrodeguas
Dirección: Natalia Menéndez
Autora: Esther F. Carrodeguas
Reparto: Mona Martínez y Carmen Barrantes
Escenografía y vestuario: Elisa Sanz (AAPEE)
Ayudante de escenografía y vestuario: Lua Quiroga Paúl (AAPEE)
Diseño de iluminación: Juanjo Llorens (AAI)
Ayudante de iluminación: Rodrigo Ortega (AAI)
Diseño videoescena: Álvaro Luna (AAI)
Ayudante de videoescena: Elvira Ruiz Zurita
Espacio sonoro: Ana Villa y Juanjo Valmorisco
Música: Ana Villa
Movimiento escénico y de actrices: Mónica Runde (10&10)
Ayudante de dirección: Pilar Valenciano

Una coproducción del Teatro Español y Octubre Producciones

Naves del Español en Matadero. Madrid, 19 de maio de 2021
Avatar

Javier Lojo

Director de escena, xornalista e marketing dixital. Membro da erregueté e das compañías Señora Supina e Feira do Leste. Na actualidade, coordina o proxecto editorial Á Feira de textos teatrais e novas dramaturxias.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Julio Fernández

Espazo Meraki: obradoiros de artes escénicas e actos culturais en Pontevedra

Lara Hierro en FIOT en pausa

Convocado o V Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado do FIOT