Crítica

Supernormales

Un canto á dignidade sen compaixón

Creo que un bo espectáculo é aquel que sabe moverche todas e cada unha das túas emocións sen que te decates e Supernormales consegue iso e moito máis. Este espectáculo do Centro Dramático Nacional, que está baseado no texto escrito pola rianxeira Esther F. Carrodeguas nas prolíficas residencias dramatúrxicas pospandémicas do CDN, deixoume conmocionado. A peza, de hora e corenta e cinco minutos de duración é unha verdadeira lección de teatro, desas historias que falan dende a verdade, das que se van tecendo co delgado fío da realidade e da ficción levando o espectador a transitar polo riso, a compaixón, a carraxe ou a lágrima furtiva. Supernormales é un espectáculo sobre a dignidade que non deixa indiferente a ninguén.

De que fala Supernormales? Esa é unha das preguntas que se fai o espectáculo no seu discorrer e, ata certo punto, a autora deixa en mans do público decidilo. Porque esta peza fragmentaria fala de ti, de min, deles… Fala da sexualidade das persoas con diversidade funcional, do amor, do sexo e tamén da compaixón mal xestionada.

Carrodeguas sabe abordar un tema tan controvertido como a asistencia sexual, tan ben entendida nos países nórdicos e tan rexeitada pola esquerda moralista e a dereita máis casposa do noso país, e faino con éxito. Pero é certo que a montaxe tampouco desmerece da palabra escrita. Sobre as táboas da Sala Francisco Nieva do Teatro Valle Inclán vemos a un equipo de actores e actrices moi cohesionado, que se entenden, se apoian e se escoitan. Supernormales une no escenario a actores profesionais con actores con diversidade funcional —tamén a actores profesionais con diversidade funcional— nunha sorte de espectáculo que foxe rapidamente da compaixón, da infantilización e do paternalismo. Son dez actores e actrices, José Manuel Blanco, Carlota Gaviño, Emilio Gavira, Natalia Huarte, Jorge Kent, Mónica Lamberti, Anna Marchessi, Marcos Mayo, Inma Nieto e Irene Serrano, que se mesturan entre eles rompendo os límites e facendo dubidar ao espectador de quen ten ou non algunha discapacidade —ou mellor dito, obviando paradoxalmente quen as ten—.

A dirección de Iñaki Rikarte prima o xogo actoral e a sinxeleza, nunha comedia asentada na palabra pero tamén na simboloxía. Cando o público entra na sala, atópase cunha cuadrilla de rapaces con síndrome de Down, parálise e ananismo que fan xardinaría nun pequeno parterre de estilo francés. No centro do escenario, unha gran estatua grega cun brazo só. Pronto, esa fermosa paisaxe de traballo en “integración social” deixa paso a unha escuridade: o xardín francés elévase nun xogo de tremoia e permítenos ver as raíces, o substrato das historias deses traballadores con diversidade funcional. No centro da escena: unha cama —porque non esquezamos que Supernormales parte da sexualidade para achegarse á violencia que sofren as persoas con discapacidade—. Violencia? Pero non é unha comedia? Carrodeguas é unha das damas da comedia contemporánea en Galicia e cada vez sabe ir un punto máis aló e sorprendernos. Se en Na butaca (2017) conseguiu harmonizar o humor e a traxedia para falar do Alzheimer —con distancia, quizais articulado dende un punto un tanto edulcorado que forzaba a emoción— en Supernormales consegue que riamos e nos sintamos culpables ao mesmo tempo grazas ás acertadas doses de humor negro. Achegámonos a historias como a de “Sarita Granero, conocida en el mundo entero”, rapaza de 37 anos e con parálise que vive no rural co seu pai, un home rudo e viúvo que non só infantiliza a súa filla, senón que mesmo abusa sexualmente dela; rimos coa paciencia de Jorge, home de 40 anos con síndrome de Down cuns pais absurdamente capacitistas que queren contratar os servizos dunha terapeuta sexual que se faga pasar por unha moza que se namora desinteresadamente del; encóllesenos o corazón coa vida dunha muller que leva unha vida enteira prostrada nunha cama, co seu corpo convertido nun obxecto público polo que pasaron centos de coidadoras que roubaron a súa intimidade.

Somos quen de privar do pracer e do goce as persoas con diversidade funcional? Supernormales fainos esa pregunta, de moitas maneiras ao longo da peza, mentres enfronta o espectador a verdadeiras puñaladas emocionais. Un claro exemplo é o monólogo de Rosa —interpretado por Inma Nieto—, abnegada nai dun mozo con parálise cerebral e un instinto sexual desmedido. Rosa ten que “bajarle el susto” ao seu fillo, un eufemismo que agocha a crúa necesidade de masturbalo regularmente porque no noso país non está regulada a asistencia sexual, o seu acceso non é sinxelo e moito menos facilitado pola Seguridade Social. O dilema de Rosa é o de vivir unha vida de vergoña ou sacrificar o pracer de Raúl mediante medicación ou castración. Ela opta por deixar intacto ese gromo de felicidade e asumir a vergoña pública que supón ser sinalados por levar o seu fillo chuchando nunha boneca de plástico ou masturbalo mirando cara á parede.

 

 

A autora cuestiona o relato sen medos: unha dramaturga e un director sen discapacidade falando das necesidades e desexos de quen si as ten. E ese é un dos principais valores deste espectáculo, que mostra a realidade pero tamén a cuestiona. Cando se fixo público este proxecto, un crítico galego con diversidade funcional mostraba nas súas redes sociais o seu estupor por que Carrodeguas escribise sobre esta problemática. Coido que agora podemos afirmar que non só é un traballo ben resolto, senón unha peza que pode ser un referente de dignificación neste ámbito. Supernormales é un espectáculo molesto, comprometido, macarra e contraditorio pero, ante todo, necesario.

Enfronta nun espello a prostitución e a asistencia sexual: son o mesmo? Sen dúbida non, porque Supernormales deixa patente que a asistencia sexual vai moito máis alá da xenitalidade. A crítica aos movementos feministas contrarios ás demandas deste colectivo é patente na peza e a catarse reivindicativa que se vive en escena foxe do panfletismo ou a mensaxe facilona. Unha manifestación improvisada co lema “Yes, we fuck!” serve de proclama pola liberdade sexual de toda a obra pero rapidamente é disolta por policías ananos que tentan disuadila con lambonadas.

Supernormales remata como comezou: volvendo á paisaxe do xardín francés con esa estatua grega que, nun efectismo escénico, queda sen o único brazo que lle quedaba. Porque as mans poden facer moitas cousas, como as moedas que teñen dúas caras: poden acariñar ou agredir. A decisión só é nosa.

É unha mágoa que este espectáculo non vaia facer xira polo noso país adiante e quede na memoria do espectador madrileño. Coido que é unha boa oportunidade para que o noso Centro Dramático Galego chame ás portas do CDN e recupere a escenografía, o vestiario, a iluminación, a dirección e encarne con actores galegos esta fermosa peza. Así é como se demostra o compromiso de romper barreiras.

Ficha artística

Supernormales, Centro Dramático Nacional

Texto: Esther F. Carrodeguas

Dirección: Iñaki Rikarte

Reparto: José Manuel Blanco, Carlota Gaviño, Emilio Gavira, Natalia Huarte, Jorge Kent, Mónica Lamberti, Anna Marchessi, Marcos Mayo, Inma Nieto e Irene Serrano

Escenografía: Mónica Boromello

Vestiario: Ikerne Giménez

Iluminación: Felipe Ramos

Música e espazo sonoro: Luis Miguel Cobo

Axudante de dirección: Rolando San Martín

Axudante de escenografía e vestiario: María Abad

Coaching de interpretación e apoio en inclusión: Kube Escudero (AMÁS Escena)

Asesora de inclusión: Inés Enciso

Sala Francisco Nieva, Teatro Valle Inclán de Madrid, 9 de abril de 2022.

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete ao boletín á newsletter

Recibe no teu email as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!